DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con seis certames de foto, maquetas, curtas ou improvisación, que se estenden ao longo do curso

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía proxéctase ao mundo a través de concursos e competicións

Buscan dar a coñecer as titulacións e fomentar o uso sostible dos recursos minerais e enerxéticos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 13/10/2020

Amosar as saídas profesionais relacionadas coa enxeñaría dos recursos mineiros e coa enxeñaría da enerxía e dar a coñecer a importancia e o impacto que estes sectores teñen na sociedade. Con estes obxectivos a EE de Minas e Enerxía puxo en marcha hai varios anos unha serie de concursos abertos á sociedade que buscan proxectar tanto as titulacións que se imparten no centro como concienciar sobre a importancia de facer un emprego sostible dos recursos minerais e enerxéticos respectando o medio ambiente. En total son seis certames que abranguen tanto o campo da fotografía ou o audiovisual como a construción de maquetas, así como un concurso de improvisación oral e outro sobre o papel da muller nestas profesións.

Curtametraxes Enerxéticas e Enfoca.Rme, ata o 22 de novembro

Os concursos de curtametraxes enerxéticas e o de fotografía son os máis madrugadores, co 22 de novembro como data límite para entregar as propostas. O primeiro deles busca as mellores pezas audiovisuais que amosen o emprego eficiente de fontes de enerxía, tanto no eido cotiá como nos procesos de xeración, transporte e distribución e uso da enerxía, as fontes e recursos convencionais e renovables ou os problemas e retos aos que se enfronte a sociedade coa transición ecolóxica. As pezas deberán ter unha duración de entre 5 e 10 minutos e o traballo gañador será galardoado con 300€ e o segundo clasificado recibirá 150€. 

No que atinxe ao concurso de fotografía Enfoca.Rme, pretende premiar as mellores instantáneas sobre enerxía dende calquera perspectiva, incluíndo xeración, transformación, transporte e uso de enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e de rochas, túneles e obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, avaliación de impacto ambiental, fabricación e uso de materiais, explosivos etc. Admitiranse imaxes en cor e branco e negro, ata un máximo de tres por autor en formato dixital. O certame comprende dúas categorías: sénior para maiores de 16 anos e júnior para os menores desa idade. Na sénior, outorgaranse tres premios de 300€, 150€ e un accésit de 50€, mentres que na segunda haberá un primeiro premio de 150€ e un accésit de 30€.

As maquetas de escavadoras e de instalacións eficientes, para alumnado de secundaria

Ata finais de xaneiro está aberto o prazo para presentar os traballos para os concursos de construción dunha escavadora e dunha maqueta eficiente. En concreto, o día 30 é o límite para que o alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos que terán como reto poñer a proba o seu enxeño e creatividade para construír un equipo que sexa capaz de remover e de cargar material no certame Escava_Rme. O guindastre/grúa con sistema de carga poderá estar fixo ou ser móbil e o requisito fundamental é que poida rotar sobre si mesmo e permita realizar a carga do material. O concurso desenvolverase por equipos e os gañadores recibir un cheque por un valor de 300€ e o segundo de 150€ para o centro educativo. Non existe limitación en canto a materiais (cartón, madeira, metal, plástico etc.) ou tecnoloxías empregadas para a súa construción (elaboración manual en taller, creación de pezas mediante impresoras 3D, procesos de mecanización etc.). Os equipos estarán liderados por un/unha docente titor/a do centro educativo ao que pertenza o alumnado.

O concurso Enerxiza.Rme, que ten como obxectivo construír unha maqueta eficiente, está dirixido tamén a alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos. A finalidade é que poñan a proba o seu enxeño e creatividade e reforce os seus coñecementos relacionados coa hidráulica, pneumática, circuítos e automática. Na competición, que se desenvolve por equipos, os estudantes deberán construír unha maqueta de vivendas eficientes ou de centrais e plantas de enerxías renovables, como eólica, hidráulica, xeotérmica etc. As bases non contemplan limitación en canto a materiais (cartón, madeira, metal, plástico etc.) ou tecnoloxías empregadas para a súa construción (elaboración manual en taller, creación de pezas mediante impresoras 3D, procesos de mecanización etc.) nin de dimensións da maqueta. A data límite de inscrición é o 31 de xaneiro e a competición terá lugar en maio na EEME, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Medio Ambiente. Para cada categoría entregarase un premio de 300€ e outro de 150€ para os centros educativos gañadores. 

Mulle_ Rme 2021

No marco do 8 de marzo, Día internacional das mulleres, a EEME únese á celebración coa convocatoria do concurso de fotografía Mulle_Rme 2021, que busca dar visibilidade á muller nas actividades relacionadas coa profesión de enxeñaría de minas e enerxía: xeración, transformación, transporte e uso da enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e rochas, túneles e obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, avaliación de impacto ambiental, fabricación e uso de materiais, explosivos, etc. As imaxes deben ser orixinais e deberán amosar situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas con estas actividades nas que a muller debe ser protagonista activa ou polo contrario, nas que se poña de manifesto a masculinización da actividade. Admítense obras en branco e negro e en color, realizadas mediante calquera técnica fotográfica e ata un máximo de tres por autor ou autora. A entrega de premios e o acto de inauguración da exposición temporal das fotografías terá lugar durante as xornadas previstas para a celebración do día internacional da muller no vestíbulo da EME. A fotografía gañadora recibirá un cheque por un valor de 300 € e a segunda de 150 €.

Eme_Pakuxa

A programación de concursos da escola complétase co Eme_Pakuxa, un certame de improvisación oral organizado en colaboración coa Delegación de Alumnado que ten como obxectivo que as e os estudantes do centro amosen o seu potencial orador. O concurso terá lugar o 7 de abril na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo. Para poder participar envía as túas inscricións e o prazo de inscrición está aberto ata o día 11 de xaneiro.

Cada participante deberá realizar unha intervención arredor de 16 diapositivas, dispondo de 20 segundos para cada unha delas. Non coñecerán as diapositivas de antemán e terán que realizar unha exposición coherente e orixinal. Un xurado constituído por dous profesores da EME e dous alumnos decidirá cal será o gañador, que recibirá un agasallo da escola.

A entrega de premios da pasada edición, adiada pola pandemia


 

Por mor da situación de confinamento, a pasada edición dos concursos en lugar de ser presencial realizouse por medio de vídeos pero non foi ata ben entrado o verán cando se puideron facer as entregas de premios. Así, en xullo, a directora do centro Elena Alonso e o coordinador de difusión Santiago Pozo, entregaron a premio a Nicolás Argibay e Javier Varela, do IES Luís Seoane, de Monteporreiro, como gañadores do premio Excava.Rme 2020 co seu proxecto Manoliño anda soliño. Trátase dunha pala cargadora que serve como prototipo a escala dunha máquina estacionaria que podería ser aplicable na industria de áridos. 

Tamén se escolleron de maneira virtual os galardoados do concurso Enerxiza.Rme 2020, ambos do IES  Francisco Aguiar, de Betanzos. O primeiro premio foi para as alumnas Candela Lagares, Teresa Sánchez e Lucía Ares e o segundo para Yago Muíño, Martín Vázquez e Joel Armada, dous equipos que presentaron maquetas de casas eficientes empregando materiais reciclados e interruptores crepusculares.