DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encabezan as candidaturas Rebeca Díaz Redondo e José Carlos López Ardao

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación elixirá a vindeira semana novo director ou directora

A cita será o vindeiro mércores día 3 e a persoa gañadora substituirá no cargo a Íñigo Cuiñas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/02/2021

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación celebrará eleccións a dirección o vindeiro mércores día 3 de marzo e farao entre as candidaturas encabezadas polos docentes e investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática Rebeca Díaz Redondo e José Carlos López Ardao, que substituirán no cargo ao catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Íñigo Cuiñas, quen dirixe a escola desde o ano 2015. Debido á actual situación sanitaria a Xunta de Escola realizarase a través do Campus Remoto, se ben a votación será presencial de 13.30 a 14.30 horas, mantendo sempre as adecuadas medidas hixiénicas e de distanciamento social. Ambas persoas candidatas se formaron na propia Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e afrontan este reto con ilusión e con ganas.

Díaz Redondo pon en valor a súa experiencia en xestión internacional de proxectos

Profesora titular desde o ano 2004, Rebeca P. Díaz Redondo defende o bo traballo desenvolvido polas direccións anteriores e, en concreto, pola agora saínte. “Pola miña banda procurarei reforzar os numerosos puntos fortes da escola e traballar aqueles aspectos que se poden e deben mellorar, tendo en conta os desafíos aos que nos enfrontaremos nos próximos anos”.  No referente á súa experiencia en xestión, por unha banda, dentro do ámbito académico, destaca o seu papel como coordinadora do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e, previamente como secretaria de departamento; e, da outra, admite que onde conseguiu unha experiencia máis ampla no eido da xestión foi como coordinadora de grandes consorcios en proxectos europeos. “Fun a primeira persoa da nosa universidade en coordinar un consorcio do programa Eramus Mundus, Action 2, financiado con máis de 4 millóns de euros pola axencia europea EACEA, e a primeira persoa da nosa universidade en coordinar un consorcio do programa Capacity Building in Higher Education, financiado con case un millón de euros pola mesma axencia”, subliña a docente, quen salienta que esta experiencia lle permitiu coñecer de preto como outras universidades e centros abordan a docencia e a organización académica, o contexto normativo polo que se rexen, ademais de abordar a complexidade de coordinar equipos amplos e multi-culturais. “Esta é, na miña opinión, unha experiencia vital fundamental para optar á dirección da escola, especialmente na contorna globalizada na que vivimos”, recalca.

O seu programa de goberno artéllase en catro liñas principais. En primeiro lugar, difundir mellor o traballo tanto de investigación como de innovación educativa que se fai na escola; en segundo, reforzar o labor de acompañamento e guía que se fai desde o centro ao alumnado, non só de primeiro curso, e adoptar medidas específicas para as mulleres; o terceiro eixe xira en torno á potenciación da internacionalización do centro, incluíndo a captación internacional de estudantes e, xa o cuarto, específico sobre novas titulacións no ámbito TIC no mapa do SUG, incluíndo a definición de novos programas conxuntos (PCEO) que complementen a formación do alumnado antes da súa entrada no mercado laboral.

Xunto a ela formarán parte do seu equipo os docentes e investigadores Pedro Comesaña, como subdirector de Organización Académica; María Verónica Santalla, de Internacionalización e Infraestruturas; María Loreto Rodríguez, de Calidade; Laura Docío, de Captación e difusión, e Pedro Salvador Rodríguez, secretaría e novas titulacións.

López Ardao propón un cambio de rumbo ante a “alarmante” perda de alumnado

Profesor titular desde o ano 2000, José Carlos López Ardao refírese ao reto de dirixir a escola como algo “especialmente motivador e ilusionante”, pois pertence á primeira  promoción de enxeñeiros que saíu deste centro. “Para min ser parte desta escola foi sempre motivo de orgullo e nada me satisfaría máis que poder poñer o meu gran de area para que recupere o lugar que lle corresponde como referente educativo a nivel nacional”, explica o candidato, quen, “sen poñer en dúbida a dedicación e boa vontade do anterior equipo directivo”, alerta da “alarmante diminución” do estudantado da escola nun contexto no que o resto de graos no ámbito das TIC de Galicia está a incrementar matrícula, ao igual que ocorre cos graos de Enxeñería de Telecomunicación das principais universidades nacionais. “Neste contexto, pareceunos que era urxente presentar unha alternativa para propiciar o debate, intentar reverter a situación e revitalizar a vida académica dunha escola que está a esmorecer”, recalca.

A súa experiencia en cargos de xestión xira en torno ao Departamento de Enxeñaría Telemática, do que foi tanto director como secretario, e o seu programa de actuación para os vindeiros catro anos xira en torno a catro plans: un plan estratéxico de reestruturación das titulacións; un plan de captación activa de estudantado e de comunicación; outro de reactivación da participación do alumnado e profesorado na escola, e un quinto plan de impulso da innovación e calidade na docencia. “Apostaremos por diversificar a oferta formativa da escola, mediante a implantación de cara ao curso 2022/23 de varios graos habilitantes, especializados nunha mención ou dúas, de xeito similar ao que se fixo na Escola de Enxeñería Industrial”, salienta López Ardao, quen considera que isto permitirá visibilizar mellor as “enormes posibilidades intelectuais e laborais dos estudos de telecomunicación, por un lado, e por outro será máis doado adaptarse a variada demanda dos estudantes de hoxe, coa posibilidade de ofertar dobres graos, titulacións de carácter dual, títulos propios simultáneos cos graos ou un itinerario académico aberto”.

A candidatura encabezada por López Ardao complétase con Marta Gómez Araújo, como subdirectora de Calidade e Innovación Educativa; Ana María Cao Paz, de Captación, Relacións Externas e Comunicación; Fernando Isasi, subdirector de Infraestruturas; Miguel Rodríguez como secretario e subdirector de Organización Académica, e Daniel Couto, ata hai uns meses presidente do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo, como subdirector de Estudantado e Extensión Universitaria.