DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A campaña arranca este mércores e cada día publicaranse diferentes vídeos

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación presume en redes do éxito das súas exalumnas e alumnos

Contan con testemuñas en sectores como videoxogos, intelixencia artificial, ciberseguride, 5G...

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/06/2021

Con exalumnas e alumnos traballando en sectores tan dispares como videoxogos, automoción, intelixencia artificial, ciberseguridade, 5G e Internet das cousas... A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estreou este mércores en redes sociais unha campaña de captación e divulgación na que se pon en valor o éxito das súas egresadas e egresados. “Queremos resaltar a versatilidade e a boa adecuación da formación que impartimos, unha formación que che permite traballar en diferentes eidos profesionais”, explica a directora do centro, Rebeca Díaz, quen salienta que cada día se irán publicando diferentes vídeos curtos nos que as e os protagonistas irán contando “en primeira persoa” o que a escola lles achegou a nivel formativo e como se foi desenvolvendo a súa carreira profesional.

Baixo o eslogan Queres ser esencial nos empregos do futuro? Estuda con nós en @EETelecoVigo, a campaña vaise levar a cabo a través da difusión de tres tipos de vídeos: uns protagonizados por persoas egresadas, outros por docentes da escola, e outros por alumnado actual que está a piques de titularse.

Vídeos curtos cheos de historias “en primeira persoa”

A difusión de vídeos coa testemuña de persoas egresadas iniciouse hai uns meses coincidindo coa celebración do Día internacional da muller e as nenas nas TIC, data que desde a escola decidiron celebrar, entre outras actividades, coa difusión de vídeos nos que exalumnas contaban as súas propias experiencias profesionais. A idea tivo unha excelente acollida e, agora, amplíase tamén aos exalumnos. O primeiro vídeo en lanzarse é o de Norberto Degara Quintela, responsable de Analítica de Marketing en Socialpoint, “unha empresa na que se desenvolven xogos para móbiles”, tal e como el mesmo explica nun vídeo no que resume unha carreira profesional internacional moi ampla e co que se exemplifica o que pode achegar un enxeñeiro de telecomunicación a unha empresa dedicada ao desenvolvemento de videoxogos. Cada día iranse publicando novas pezas, desde persoas que traballan en procesado de imaxe e audio, ata outras que levan a cabo o seu labor no ámbito sanitario, en empresas vencelladas ás operadoras de telefonía ou en organismos como o CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear.


Noutra secuencia de vídeos, docentes da escola contan as técnicas educativas que empregan nas súas clases: flipped learning (clase inversa), gamificación, aprendizaxe baseada en proxectos, multidisciplinariedade na docencia… “ao igual que coas testemuñas, cada día publicaremos unha técnica diferente”, salienta a directora da escola, ao que engade que a idea é amosar que o profesorado da EET está á vangarda na súa formación pedagóxica e aplica técnicas innovadoras na súa docencia. “Tamén teremos uns vídeos que resumen os bos resultados acadados nas enquisas de satisfacción de persoas egresadas e de entidades empregadoras”, recalca a directora.

A primeira peza protagonizada por docentes correspóndelle a Manuel Caeiro, responsable da materia de Laboratorio de Proxectos, que se imparte no último curso do grao e na que, divididos en grupos de 5 a 7 estudantes, se lles formula o reto de desenvolver unha solución TIC innovadora, normalmente en colaboración con empresas, combinando diferentes especialidades do grao (telemática, electrónica, teoría do sinal e comunicacións, son e imaxe).

No caso dos vídeos do alumnado actual, son pezas protagonizadas por estudantes do último curso do grao que contan como foi a súa experiencia nesa materia de Laboratorio de Proxectos, salientando os problemas que conseguen resolver e as empresas coas que colaboran para levalos a cabo. “Trátase de amosar a grande autonomía de traballo que alcanza o alumnado e como son capaces de resolver problemas novidosos en equipo”, apunta a directora da escola.