Unha porcentaxe resérvanse ás fillas e fillos de profesorado, PTXAS e estudantado
A escola infantil do campus contará con 49 prazas o vindeiro curso
O prazo de preinscrición permanece aberto ata o 4 de abril
A Escola Infantil do Campus de Pontevedra contará o vindeiro curso con catro aulas e 59 prazas, das que resérvase unha porcentaxe aos fillos e fillas das e dos integrantes da comunidade universitaria. Seguindo o calendario fixado pola Xunta de Galicia para as escolas infantís públicas, o período de preinscrición neste centro, tanto para o alumnado de novo ingreso como para as e os xa matriculados no presente curso, permanece aberto ata o venres 4 de abril. Estes trámites poden realizarse tanto de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, como de xeito presencial. No caso do persoal docente e investigador, do persoal técnico de xestión de administración e servizos e do estudantado da UVigo, estas solicitudes deberán complementarse coa presentación da documentación que acredite a súa condición de membros da comunidade universitaria.
A escola infantil do campus contará no curso 2025/2026 con sete prazas na aula 0-1, outras 13 no curso 2-3 e con 39 nas dúas aulas do grupo 2-3, ás que se engaden as tres reservadas para casos de emerxencia social, unha en cada curso. No caso de formalizarse a renovación de matrícula de todo o alumnado actual que continuaría no primeiro ciclo de infantil o vindeiro ano, a escola disporía o vindeiro curso de 27 vacantes, das que unha decena resérvanse aos fillos e fillas da comunidade universitaria, "tanto no período de matrícula ordinario como nos extraordinarios de setembro e decembro”, explica a directora en funcións, Elena Ortigueira, quen sinala que, no caso de existir vacantes, estas prazas pasarían posteriormente a ofertarse ao conxunto da cidadanía.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, nas que pais e nais deberán indicar o seu horario de preferencia, dentro dunha franxa que abrangue das 7.30 ás 18.00 horas, a relación provisional de admitidos e admitidas farase pública o 6 de maio. Tras o período de reclamacións, as listaxes definitivas publicaranse o 30 de maio e a matrícula deberá formalizarse entre o 2 e o 13 de xuño. Por cuarto consecutivo, a atención educativa terá carácter gratuíto e as e os proxenitores terán que aboar só o servizo de comedor, segundo os prezos establecidos pola Xunta de Galicia en función das súas rendas.