DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro forma parte do programa de gratuidade da Xunta de Galicia

A escola infantil do campus oferta 41 prazas para o vindeiro curso académico

As solicitudes poden presentarse ata o 23 de febreiro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 05/02/2026

A Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense ten aberto o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas para o curso 2026-2027. As solicitudes poderán presentarse ata o día 23 de febreiro a través da sede electrónica da Universidade de Vigo. O centro forma parte do programa de gratuidade no primeiro ciclo de educación infantil da Xunta de Galicia.

As 41 prazas convocadas distribúense segundo a idade do alumnado, ofertándose oito prazas para nenas e nenos de ata un ano; 13 para o tramo de un a dous anos e 20 prazas para os de dous a tres anos. Son requisitos imprescindibles para ser beneficiario ou beneficiaria dunha praza neste centro que a ou o menor estea nado no momento da presentación da solicitude e que non teña cumpridos os tres anos de idade a 31 de decembro de 2026.

Criterios de adxudicación

A adxudicación de prazas farase seguindo, por orde, os seguintes criterios preferentes: nenas e nenos xa escolarizados no centro no curso 2025/26; fillas e fillos de persoal que presta servizo na propia escola infantil; menores con irmás ou irmáns con praza renovada; nenas e nenos cuxas persoas proxenitoras, ou unha delas no caso de familias monoparentais, xustifiquen unha situación laboral de ocupación; nacidos de parto múltiple; de familias numerosas/monoparentais; de familias cuxo domicilio ou centro de traballo estea máis próximo á escola infantil; irmás ou irmáns de exalumnado do mesmo centro ou centro asociado e nenos e nenas con asistencia de xornada completa sobre media xornada. Estes criterios corresponden ao establecido na disposición adicional primeira Orde de 2 de xullo de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2025/26

O proceso de matrícula na escola infantil, así como a xestión do resto do servizo que comprende a prestación da actividade, será realizada pola empresa adxudicataria, baixo a supervisión da Universidade de Vigo. As persoas beneficiarias dunha praza na escola infantil do campus de Ourense deberán formalizar a matrícula na devandita escola (na xornada solicitada) entre o 11 e o 17 de marzo de 2026. Coas persoas que, na adxudicación inicial, non obtiveran unha praza, constituiranse tres listas de agarda, unha para cada tramo de idade. As prazas que con posterioridade á primeira adxudicación foran quedando vacantes serán ofertadas por rigorosa orde aos integrantes das citadas listas. No caso de quedar prazas vacantes con posterioridade á adxudicación prevista nesta convocatoria, ou que se produzan tras iniciarse o curso académico, poderanse solicitar en calquera momento do curso escolar, na escola infantil.

Inicio o 1 de setembro

Está previsto que o centro comece a súa actividade o vindeiro curso o 1 de setembro e funcionará durante once meses, de setembro a xullo, ambos incluídos. O horario será de luns a venres, podendo escoller escolaridade completa, que é de 10.00 a 13.00 h e de 15.30 a 18.00 h; xornada de mañá, de 08.00 a 15.00 h; media xornada de mañá, de 09.00 a 13.00 h, ou media xornada de tarde, de 15.00 a 20.00 h. Ofrécese tamén a posibilidade de solicitar unha hora a maiores de acollida e/ou permanencia.