DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinada ao futuro alumnado universitario e as familias interesadas

A Escola Superior de Enxeñaría Informática celebra o sábado 10 de xuño unha xornada de portas abertas

Non é necesaria a inscrición previa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • TIC
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 05/06/2023

Tras a celebración esta semana das ABAU, as probas de acceso á universidade, o alumnado preuniversitario terá que decidir que titulación e que universidade escolle en función da súa nota e das súas preferencias. As e os estudantes interesados nas carreiras tecnolóxicas o sábado día 10 de xuño terán a oportunidade de coñecer en primeira persoa a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense, as súas instalacións, titulacións e servizos. Será na celebración da súa xornada de portas abertas, dirixidas a futuro novo alumnado universitario e ás familias interesadas.

As xornadas, que non requiren inscrición previa, comezarán ás 10.30 h coa apertura de portas e visita libre ás instalacións desta escola, situada no edificio Politécnico do campus de Ourense. Continuará cunha presentación do centro e das súas titulacións, especialmente as de grao, cunha mesa redonda sobre as posibles saídas profesionais destas carreiras e cunha quenda de rolda de preguntas das persoas asistentes. Finalmente haberá unha visita guiada pola escola. “Animamos ao novo alumnado e familias a achegarse o sábado ata o noso centro para participar nestas xornadas e coñecernos mellor”, sinalan desde a ESEI.

Titulacións de grao, dobre grao, mestrado e doutoramento

Na Escola Superior de Enxeñaría Informática, o futuro alumnado universitario pode escoller entre o Grao de Enxeñaría Informática ou o Grao de Intelixencia Artificial. O Grao de Enxeñaría Informática oferta case 150 prazas de novo acceso, e forma profesionais “cunha completa formación científica, tecnolóxica e socioeconómica, que os prepara para o exercicio profesional no desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito da informática”. Pola súa banda, o Grao de Intelixencia Artificial, que oferta 50 prazas en primeiro, arrancou este curso 2022/2023. Trátase dunha titulación interuniversitaria na que as materias dos dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades (A Coruña, Santiago e Vigo) e en terceiro e cuarto no campus de Ourense impártese a orientación en Sistemas de Información Intelixentes. Este grao “proporciona a formación ampla, profunda e multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e que resulta imprescindible para construír con éxito os servizos e aplicacións intelixentes que están a ter un impacto tan importante nas nosas vidas a todos os niveis”.

Ademais, na ESEI ofértase o programa conxunto dos graos de Enxeñaría Informática e Administración e Dirección de Empresas, que permite ás e aos seus estudantes obter os dous títulos en seis anos. “Esta formación combinada responde a una demanda moi concreta do tecido empresarial actual, que busca profesionais que saiban desenvolverse simultaneamente entre as decisións empresariais e as decisións relacionadas cos investimentos e o seu desenvolvemento no ámbito das TIC”, indican desde o centro. A oferta de titulacións desta escola complétase cos estudos de Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática (que ten como obxectivo primordial a preparación de profesionais altamente cualificados, capaces de planificar, deseñar, dirixir, coordinar e xestionar proxectos, produtos, procesos e instalacións en todos os ámbitos da enxeñaría informática) e o Mestrado Universitario en Intelixencia Artificial (tamén titulación interuniversitaria posta en marcha este curso académico que se presenta como “un programa completo para a formación de profesionais e emprendedores nesta rama de coñecemento). Por último, tamén se oferta o programa de doutoramento en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables.