DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esenciais: Breviarios de divulgación do saber bota a andar con dous libros de pequeno formato

A esencia de todos os ámbitos do coñecemento protagoniza a nova colección do Servizo de Publicacións 

Ciencia política e enerxías renovables centran os primeiros volumes da serie

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Publicacións
  • Transferencia
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/03/2021

Ante un baleiro que considera existe neste intre nas editoriais académicas do Estado e co obxectivo de ofrecer ao público xeral unha serie de pequenas e concisas introducións a conceptos esenciais do saber de todos os ámbitos do coñecemento, o Servizo de Publicacións da UVigo lanza a colección Esenciais: Breviarios de divulgación do saber. “Non queremos que sexan libros de texto senón introducións aos temas básicos do coñecemento das mans daqueles expertos que ten a UVigo capaces de sintetizar dun xeito rigoroso e divulgativo as discusións centrais dos temas xerais dun eido concreto”, detalla Jorge Luis Bueno, director do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. 

Baixo a premisa de que sexan temas de interese de todos os ámbitos, o primeiro listado de posibles temáticas dos breviarios foi elaborada polo director do Servizo de Publicacións, coa colaboración dun consello asesor científico da colección, formado polos docentes e investigadores da UVigo Marta Garcia Gonzalez, Benigno Fernandez Salgado, Enrique J. Varela. Ignacio Perez Juste, Marta Perez Rodriguez e Ana Maria Bernabeu Tello. “Cando decidimos os temas contactamos cos autores potenciais para ofrecerlles o proxecto e a resposta está a ser moi entusiasta por parte dos investigadores”, sinala o director do Servizo de Publicacións en relación con esta aposta pola divulgación en galego e que permitirá á institución académica viguesa liderar un proxecto que non ten presenza noutras universidades, pero que si podería ter difusión a través doutros servizos de publicacións do Estado, coas que se pretende chegar a acordos de tradución para difundir a colección no resto de linguas oficiais.

Ciencia política e enerxía renovables para comezar a serie

A ciencia política de Argimiro Rojo e As enerxías renovables de Maite de Castro e Xurxo Costoya son os breviarios que inauguran a colección Esenciais, “porque son dous temas que neste momento preocupan moito á sociedade e a colección ten vocación de transferencia de ofrecer coñecemento divulgativo para fornecer a sociedade de argumentos para discutir e comprender estes temas”, sinala Bueno, que avanza que para este ano xa están en elaboración volumes sobre cambio climático, feminismo, astrofísica e linguaxe. En relación cos contidos dos libros, o director do Servizo de Publicacións explica que ofrecen unha combinación que presenta feitos, análise, novas ideas e aspectos esenciais. “Independentemente da área de estudo, e do concepto a definir, a serie presentará libros de pequeno formato ós que poidan achegarse os lectores, tanto especializados coma non especializados, para ter un primeiro contacto informado e ameno cos temas que nos preocupan”, sinala Bueno.

Cun formato de peto de 11X17 e unhas 100 páxinas, aínda que os autores e as autoras teñen liberdade para elaborar os seus volumes coa estrutura que desexen, os breviarios teñen un prezo simbólico de 5 euros, “e segundo a nosa política de ciencia aberta, nun prazo de ano medio estarán ao dispor do público no catálogo da web do servizo, cunha licenza CC 4.0”, detalla Jorge Luis Bueno.