Cos programas Elas Fan CienTec e eXXperimenta en Feminino como grandes abandeirados
Espállanse na UVigo as actividades de celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia
Os campus de Ourense e Vigo acollerán ao longo de todo o mes obradoiros, feiras, charlas e premios
A Universidade de Vigo xa ten todo listo para a celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Cos programas Elas Fan CienTec, no campus de Vigo, e eXXperimenta en Feminino, no de Ourense, como pratos forte, os obradoiros, feiras científicas, charlas, premios e exposicións espallaranse por toda Galicia, pero, sobre todo, levaranse a cabo nos campus de Ourense e Vigo. Trátase de dar a coñecer a ciencia que día a día se realiza na UVigo, pondo en valor o talento e traballo das súas investigadoras, achegando referentes femininos no campo da I+D e incentivando as vocacións científicas nas novas xeracións.
O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, escolas e facultades, a Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).
Elas Fan CienTec, en Vigo o propio 11F
Os obradoiros Elas Fan CienTec, que este ano acadan xa a súa novena edición, serán o propio martes 11. Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e escolas do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios.
O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, recibirá a visita dun grupo de alumnas do IES Santa Irene de Vigo que poderán escoller entre sete obradoiros, incluíndo xogos de rol sobre as enfermidades raras, preparación de nanopartículas de ouro ou simulación de encapsulación de fármacos. No caso da Escola de Enxeñería Industrial, alumnas do IES Monte Carrasco de Cangas converteranse en entrevistadoras por un día para coñecer de preto as enxeñeiras que traballan nesta escola, o que lles dará a posibilidade de descubrir que detrás dos grandes avances científicos hai moitas mulleres, cheas de dedicación, paixón e talento, que rompen barreiras e abren camiños para o futuro da ciencia.
Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía un grupo ds alumnas do IES Ricardo Mella competirán, entre outras actividades, por construír o muro de terra armada máis resistente. Por último, as estudantes do IES Castelao visitarán a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para realizar dende unha sesión de detectives de imaxes ata unha clase de robótica con CuteBot.
eXXperimenta en Feminino, o venres 14 en Ourense
O outro prato forte da celebración do 11F na UVigo é a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VIII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, que, nesta nesta ocasión, se celebrará o venres 14 de 09.00 a 18.00 horas no edificio Politécnico e arredores.
Aberta a alumnado de toda a provincia e ao público xeral, as persoas participantes poderán achegarse a 13 postos diferentes para facer multitude de experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense.
Todas somos ciencia, este venres día 7 no Marco
Como aperitivo de todas estas actividades desde o CINBIO organizaron para este venres día 7 no museo Marco de Vigo o coloquio Todas somos ciencia, unha actividade coorganizada coa SEBBM, Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, á que asistirán preto dun cento de alumnas e alumnos de 5º e 6 de primaria do CPI da Ribeira, en Porriño, e do colexio internacional O Castro, de Vigo.
Será de 10.00 h a 12.00 h e intervirán diferentes científicas do centro (María Mayán, Verónica Salgueiriño, Begoña Puértolas, Margarita Vázquez...), así como Guadalupe Sabio, directora dun grupo de investigación do Centro Nacional de Investigacións Oncológicas, CNIO.
Entrega de premios no CIM o luns 10
No caso do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, elixiu a véspera do 11F, o luns 10, para celebrar a entrega dos premios da terceira edición do concurso Marie Tharp. Dirixidos a mulleres investigadoras de pre e posdoutoramento do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración, a entrega de galardóns será ás 13.00 h no novo salón de grados do edificio de Ciencias Experimentais.
Obradoiros e charla interxeracional en Ourense os días 19 e 20
Avanzando xa no mes de febreiro, as actividades continuarán no campus de Ourense. O mércores 19 será a Facultade de Educación e Traballo Social e a Escola Superior de Enxeñaría Informática as que abrirán as súas portas, neste caso a alumnado do IES As Lagoas, unha actividade coa que tratarán de dar visibilidade ao traballo das investigadoras destes centros e reverter a segregación por estereotipos de xénero nos estudos universitarios.
Ao día seguinte, xoves 20, terá lugar un faladoiro, neste caso organizado pola UCC+i, en colaboración coa Unidade de Igualdade, unha charla na que catro investigadoras de diferentes xeracións compartirán as súas experiencias como mulleres na ciencia. Será ás 11.00 horas no salón de graos da Facultade de Educación e Traballo Social (edificio de facultades, planta 4ª), con acceso libre ata completar a capacidade. Participarán Ana Gil Iglesias, investigadora predoutoral nos efectos da exposición forestal no sistema nervioso autónomo; Andrea Mouriño Schick, investigadora posdoutoral centrada no estudo das narrativas de xénero na Prehistoria e a súa transferencia; Nieves Lorenzo, catedrática da área de Física da Terra e actual directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; e María Lameiras, catedrática na área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos no ámbito dos Estudos de Xénero e Sexualidade. Moderará o debate Yolanda Rodríguez, nova directora da Unidade de Igualdade da UVigo.
Exposición Mulleres investigadoras no Cintecx todo o mes
Ao longo de todo este mes pode visitarse tamén no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, a exposición Mulleres investigadoras Cintecx 2025, inaugurada a pasada semana, na que se poden ver os carteis coas ilustracións das investigadoras do calendario 2025 do centro, 12 láminas nas que se pon en valor o traballo de 12 das súas enxeñeiras e, en xeral, o traballo da muller na investigación. Coincidindo coa inauguración da mostra celebrouse tamén unha mesa redonda con participantes de distintos ámbitos sobre mulleres na investigación.
Charlas e actividades en escolas e institutos de toda Galicia
As celebracións espállanse tamén por escolas e institutos de toda Galicia con charlas e obradoiros impartidos por máis de medio cento de investigadoras da UVigo sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Serán ao longo de todo o mes de xaneiro.
Así mesmo, dende a Unidade de Igualdade, enviaron aos 88 centros de secundaria da provincia de Pontevedra unha mostra do proxecto Bravxs que se leva a cabo a través da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo. Esta iniciativa, ilustrada por Marta Riera, recolle figuras destacadas en ámbitos de coñecemento diversos para ofrecer referentes femininas e recoñecer as achegas das mulleres á investigación e á innovación científica. No envío tamén se xuntou un folleto divulgativo cos resultados das primeiras cinco edicións da convocatoria de investigación da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo.
Concurso creación artística
A maiores, no campus de Ourense, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática, celebrou tamén o xa tradicional Concurso escolar de creación artística polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, dirixido a alumnado de primaria (a partir de 3º) e secundaria. O prazo para presentar os traballos rematou o pasado 25 de xaneiro e a entrega de premios levarase a cabo nun acto especial nunha data aínda por determinar ao longo deste mes.