DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No proxecto europeo 'FutureMARES', no que participa o grupo do CIM Future Oceans Lab

Especialistas de 17 países buscarán solucións baseadas na natureza aos efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños

Seleccionado no programa europeo Horizonte 2020

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 24/09/2020

32 institucións de 17 países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, participan no proxecto europeo FutureMARES, que ten como obxectivo o desenvolvemento de accións, estratexias e solucións baseadas na natureza, dirixidas a mitigar os efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños. Financiado con máis de 8 millóns de euros polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea, a institución viguesa está representada polo grupo Future Oceans Lab, do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) neste proxecto liderado polo profesor da Universidade de Hamburgo Myriom Peck. Concretamente, a investigadora Elena Ojea, coordinadora do grupo Future Oceans Lab, xunto co investigador posdoutoral Juan Bueno-Pardo, serán os responsables de liderar o grupo de traballo encargado de avaliar a “vulnerabilidade climática” tanto de diferentes ecosistemas mariños e costeiros como das comunidades de persoas que dependen destes. O seu propósito será identificar os “servizos ecosistémicos” e comunidades nunha situación de maior risco, a través dos estudos que se levarán a cabo en diferentes puntos de Europa e América Latina.

Xunto ao CSIC e a Fundación ATZI, a Universidade de Vigo é un dos tres socios españois dun proxecto cuxo “principal obxectivo é proporcionar medidas de adaptación e mitigación baseadas na natureza (NBS)”, como a pesca sostible, a restauración de hábitats mariños e a conservación de áreas mariñas protexidas. A institución viguesa recibirá 187.000 do orzamento total dun proxecto que nestes días celebra, por medios virtuais, a súa xuntanza de arranque e que se estenderá ata 2024. Un proxecto que desde Future Oceans Lab definen como unha “grande oportunidade” para “ampliar a nosa rede de colaboradores” e acadar unha “maior visibilidade e internacionalización, xa que aspiramos a ser un grupo de referencia no estudo da adaptación dos sistemas mariños ao cambio climático”. 

Análise ecolóxica, económica e social

FutureMARES, explica a xestora de proxectos de Future Oceans Lab Julia Ameneiro, “abrangue o estudo dos ecosistemas mariños dunha maneira integradora, combinando o eido ecolóxico co social”, concibíndoos como “un sistema funcional, no que os procesos e funcións ecolóxicas interactúan coas persoas”, proporcionándolles servizos que van da alimentación e a regulación climática ata o turismo.

Deste xeito, buscarase explorar “solucións de adaptación ou mitigación” centradas na conservación ou restauración dos ecosistemas” fronte ás ameazas que supoñen, por exemplo, a suba das temperaturas ou o aumento do nivel do mar, que implican “importantes cambios nos ecosistemas mariños” con consecuencias ecolóxicas e sociais. Trátase, explican, de medidas que “proporcionan beneficios medioambientais, sociais e económicos de maneira simultánea”, e que buscarase que sexan “economicamente e socialmente viables”, ademais de adaptadas á realidade local para acadar unha maior eficiencia e pór de relevo ás posibilidades das NBS. Ese sería o caso, por exemplo, de apostar pola conservación dunha marisma, que “ten a funcionalidade de evitar a intrusión do mar na liña de costa e diminuír o impacto da suba do nivel do mar”, en lugar de pola construción de diques, cos que, lembra Ameneiro, “estaríamos perdendo servizos como a regulación da auga e do aire ou a pesca”. A través deses estudos adaptados a cada zona, buscarán “coñecer o custo e o beneficio real da posta en práctica das NBS nos diferentes hábitats”, de tal xeito que do proxecto poidan saír medidas susceptibles de integrarse nas políticas climáticas.

Vulnerabilidade climática

Future Oceans Lab liderará, xunto co Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science (CEFAS) e o Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados do CSIC, a execución do WP5, un paquete de traballo no que “desenvolveremos a metodoloxía para a avaliación da vulnerabilidade dos sistemas mariños e coordinaremos a súa aplicación en lugares como o Mediterráneo, o mar Báltico ou as costas de Chile”. A análise da vulnerabilidade climática, “o grao de susceptibilidade ou de incapacidade dun ecosistema para facer fronte aos impactos do cambio climático”, será o eixo deste grupo de traballo, que colaborará cos diferentes socios “para obter os escenarios de impactos climáticos e estudar as percepcións das comunidades que dependen dos hábitats costeiros”, explica Ameneiro. 

“O noso traballo tratará de entender que ecosistemas, recursos e comunidades son máis vulnerables e, polo tanto, onde se pode centrar a intervención das diferentes institucións”, engaden desde o grupo, que amplía con FutureMARES a súa liña de traballo sobre estudos de vulnerabilidade, dando continuidade a proxectos como o Interreg-MED MPA-Engage, que desenvolve a investigadora Francesca Barazzetta. 

Múltiples puntos de análise

Xunto ao Mediterráneo, o Báltico e as costas de Chile, tamén o nordeste Altántico, o mar do Norte, o Báltico o golfo de Biscaia ou o Caribe forman parte dos puntos nos que levarán a cabo os estudos deste proxecto. “Estas rexións foron escollidas”, explica Ameneiro, polo “coñecemento científico previo das características climáticas, ecolóxicas e socioeconómicas”, o que permitirá “testar a efectividade das NBS” á hora de “incrementar a resiliencia da sociedade ao impacto do cambio climático e asegurar que servizos” como a pesca ou a acuicultura “poidan proporcionar alimento a longo prazo dunha forma sostible para o medio ambiente, a economía e a sociedade”. 

A crise xerada pola covid-19, non obstante, podería implicar cambios nas actividades previstas, entre as que figuraban “un amplo programa de consultas e workshops con axentes locais, que teñen que ser redeseñados”.