DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada da asociación Ourensec celebrada na Escola Superior de Enxeñaría Informática

Especialistas do ámbito xurídico, policial e tecnolóxico analizan en Ourense a situación da ciberseguridade

O seu obxectivo foi concienciar a cidadanía, institucións e empresas sobre a importancia de actuar n

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 07/05/2026

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración da xornada Ourensec, organizada pola Asociación de Ciberseguridade de Ourense. A actividade levou por lema Do ciberdelito ao xuízo e reuniu especialistas do ámbito xurídico, policial e tecnolóxico para ofrecer unha análise práctica da ciberdelincuencia, a investigación dixital e a súa proxección no ámbito xudicial. Para facelo, contou coa participación de representantes de diferentes institucións, así como de membros das forzas e corpos de seguridade, operadores xurídicos e especialistas en ciberseguridade, configurándose como un espazo de intercambio de coñecementos e colaboración interinstitucional. 

Ademais da ESEI, da UVigo colaboraron nesta iniciativa as facultades de Dereito e de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. O encontro arrancou ás 09.00 h coa participación de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, e Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, que destacaron a crecente importancia da ciberseguridade e da formación neste eido, e será clausurado ás 19.00 h por Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense. 

Da fiscalía á empresa

Efrén Varón, presidente de Asociación de Ciberseguridade de Ourense (Ourensec), explicou que a súa asociación, entidade sen ánimo de lucro que quere devolver á sociedade o que a sociedade inverte en ciberseguridade, organizou esta xornada co obxectivo de “intentar concienciar á sociedade de que a ciberseguridade é importante”. Así, advertiu, “é un problema que veu para quedarse e que cada día medra máis. Neste senso apuntou datos como que no último ano a incidencia de problemas de ciberseguridade aumentou un 56% nas empresas, destacando sobre todo as estafas BEC (business email compromise-correo corporativo comprometido), no que as e os ciberdelincuentes modifican datos de correos electrónicos para conseguir o envíen diñeiro ou datos confidenciais. Para previr e intervir ante esta ameaza, apuntou que “consideramos que no eido da ciberseguridade é moi importante concienciar tanto a particulares como empresas e institucións para evitar fraudes, estafas e problemas de todo tipo”. 

A xornada contou cun amplo panel de relatores e intervencións, como as  de Miguel Ángel Ruiz, fiscal delegado de Cibercriminalidade Informática na Fiscalía Provincial de Ourense; Francisco Pérez, adxunto da Agencia Española de Protección de Datos; Fernando Mairata,  CEO de DLTCode; Antonio Vázquez, sarxento 1º da Garda Civil en Ourense; José Manuel Araujo, inspector xefe do Corpo Nacional de Policía e xefe da Brigada Investigación de Delitos Tecnolóxicos; o hacker Antonio Fernandes; José A. Cascallana, director de Laboratorios de Ciberseguridad Industrial en InprOTech; Manuela Fernández, do Colexio da Avogacía (ICA) Ourense; e Diego Cid, CEO de CQe-Solutions. Nas súas conferencias e charlas abordaron, desde a súa experiencia nos diferentes postos que ocupan, os retos que afronta a ciberseguridade.