DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirección e Xestión Pública acolle unha reunión científica do proxecto ‘Bores’

Especialistas de catro países analizan no campus a resiliencia das fronteiras en contextos de crise 

A través dunha serie de presentacións de estudos centrados en diferentes puntos de Europa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 05/02/2026

Unha decena de investigadores e investigadoras de Finlandia, Serbia, Croacia e de diferentes universidades españolas participan na Facultade de Dirección e Xestión Pública nunha reunión científica do proxecto Bores, centrado en analizar a resiliencia das áreas fronteirizas en momentos de crise ou excepcionalidade. Financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e liderada pola Universidad Complutense de Madrid, esta investigación abrangue un conxunto de casos de estudo, tanto das fronteiras da Unión Europea como dos países de Mercosur. Nela participan 25 investigadores e investigadoras de diferentes países, entre os que se atopa o coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 da UVigo e decano en funcións desta facultade, Enrique Varela. 

Co obxectivo, como sinalan desde a organización, de “compartir os avances de investigación por parte do equipo de traballo”, o proxecto abrangue unha serie de reunións científico-técnicas nas que participan unha parte dos socios e socias. O primeiro destes encontros tivo lugar en Bolivia, mentres que o segundo desenvólvese este xoves e venres na Universidade de Vigo e está centrado na discusión de liñas de traballo referidas ás fronteiras europeas. Nese senso, ao longo deste xoves teñen lugar unha serie de presentacións, precedidas polas verbas de benvida de Varela e do investigador da Complutense Heriberto Cairo, un dos coordinadores de Bores. 

A continuación, a responsable do proxecto, María Lois, realizou unha presentación xeral dunha investigación que se estenderá ata 2027. Baixo o título de La resiliencia de las fronteras entre la cooperación y la securitización: retos de las crisis actuales (casos en la UE y Mercosur), Bores ten como principal obxectivo, explicou, analizar como proceden as sociedades fronteirizas en “momentos de crise” e ás posibilidades que teñen de “crear respostas innovadoras”. Nese senso, a investigadora lembrou que nos últimos anos vivíronse diferentes “momentos de excepcionalidade”, como a crise da covid-19 ou a guerra de Ucraína, ao tempo que destacou o valor que ten para o proxecto o estudo dun “contexto diferente” como o das fronteiras de Mercosur.

Dos Balcáns á ‘raia húmida’

Tras esta abordaxe global do proxecto, a xornada continuou cunha presentación dos traballos de desenvolvemento dun índice dirixido a medir a cantidade de actividades transfronteirizas que se levan a cabo nunha determinada área, por parte do investigador da Complutense Ismael de la Villa. A continuación, a investigadora da universidade finesa de Oulu Eeva-Kaisa Prokkola presentou a súa liña de traballo sobre cooperación transfronteiriza no casquete nórdico, mentres que os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Juan Manuel Trillo e Alexander Amado centráronse na cooperación e as identidades territoriais, pondo o foco nos casos de Euskal Herria e de Galicia-Norte de Portugal. Vladimir Ajzenhamer, da Universidade de Belgrado, analizou a zona de seguridade terrestre de Serbia, mentres que as prácticas de “fronterización” e de “desfronterización” no contexto do espazo Schengen foron abordadas por Aitzpea Leizaola, da Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Esta presentación abriu o bloque de discusión da tarde, no que tamén interveñen Marta Zorko, da Universidade de Zagreb, para falar de “migración, xestión de crises e fluidez de Schengen nas fronteiras dos Balcáns”; Heriberto Cairo, quen afondará nas fronteiras internas e externas”, e Enrique Varela.

Nomeadamente, o coordinador do Observatorio da Gobernanza centra a súa participación neste proxecto no estudo da “gobernanza policéntrica” na ‘raia húmida’ entre Galicia e o Norte de Portugal. Neste caso, a súa intervención céntrase no que denomina “eurocidades de segunda xeración” e na recentemente constituída eurocidade da Foz do Miño, que agrupa A Guarda, O Rosal e Caminha. De feito, esta reunión continúa mañá venres cunha visita á zona para afondar nesa “gobernanza transfronteiriza”, no marco da que está prevista un encontro co alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero.