DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na revista científica ‘Animals’

Especialistas do CIM-UVigo publican un artigo no que resaltan a importancia de integrar a xenética na xestión dos stocks de pescada

Froito dun estudo realizado no océano Atlántico e no mar Mediterráneo entre 2015 e 2020

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 22/07/2022

Investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, acaban de publicar na revista científica Animals un artigo no que resaltan a importancia de integrar a información xenética na xestión dos stocks de pescada, unha investigación levada a cabo dentro do grupo de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) e que se basea nunha investigación realizada durante o período 2015-2020 a bordo de diferentes buques, tanto comerciais como de investigación, e que incluíu a mostraxe das cinco rexións principais nas que se distribúe a pescada europea (Merluccius merluccius).

O artigo leva por título EST-Microsatellite Types and Structural Scenarios in European Hake Fisheries e é froito do traballo conxunto dos investigadores Pablo Presa,  Alfonso Pita e María Fernández Míguez, membros do Grupo de Recursos Xenéticos Mariño, ReXenMar. “Neste estudo demostramos o coñecemento que se pode obter de diferentes tipos de marcadores xenéticos, cada un dos cales é adecuado para distintos obxectivos”, explican os autores. O primeiro tipo de marcadores chámanse direccionais e, segundo indican, pénsase que están a medir a presión da selección natural, non obstante, demostraron que a súa variación é compatible con presións de selección antiga e episodios de deriva extrema, polo que non miden a adaptación actual das pesqueiras. “A novidade evolutiva, e por tanto xeradora de potencial adaptativo das poboacións, detéctase con marcadores balanceados, que ata o de agora non foron obxecto de atención nos estudos aplicados”, recalcan os investigadores, quen, en terceiro lugar, sinalan que a detección de dinámica demográfica de relevancia xenética para a xestión pesqueira debe valorarse con marcadores neutros, “é dicir, os que poden medir sen restricións funcionais a estrutura actual e a conectividade entre caladoiros”.

Defenden que a pescada europea forma unha metapoboación de dous stocks xeográficos

Dentro dos resultados da investigación expostos no artigo, os seus autores destacan o feito de que “os marcadores direccionais son inútiles no mellor dos casos e enganosos no peor para a delineación de stocks pesqueiros e a súa xestión demográfica, debido ao seu nesgo selectivo”. Ademais, o texto publicado por Animals amosa as implicacións no manexo dos stocks de pescada xa que os “dous acervos xénicos observados con marcadores direccionais e neutros, implica que a pescada europea forma unha metapoboación de dous stocks xeográficos con conectividade restrinxida na fronte oceanográfica Almería–Orán, cada un dos cales responde a unha subestrutura de illamento por distancia, sendo por exemplo a pescada do Mar do Norte a que está máis lonxe do resto do Atlántico, tanto xeográfica como xeneticamente”. Estes resultados veñen a combater outros estudos panseleccionistas recentes, baseados na selección natural, que defenden a existencia de sete stocks de pescada xeneticamente diferenciados, catro no Atlántico e outros tres no Mediterráneo.

Parte da tese da investigadora María Fernández

O artigo e o estudo que o avala forman parte e dan continuidade á liña de traballo que desenvolve desde a Facultade de Bioloxía o grupo de investigación ReXenMar do CIM-UVigo, un equipo especializado en estudos sobre xenética pesqueira, forense e acuícola. No caso concreto deste artigo forma parte do segundo capítulo da tese de doutoramento de María Fernández Míguez defendida en 2021, na que desenvolveu diferentes ferramentas xenéticas para optimizar os stocks de pescada e bacallau, dúas especies potencialmente importantes para a acuicultura.