DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rematado o encargo en outubro de 2025, presentaba nas últimas horas a súa renuncia

Esther Pillado pon fin ao seu mandato logo de seis anos como valedora universitaria 

“Foi unha experiencia gratificante”, asegura, ao tempo que agradece a colaboración recibida

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/01/2026

“O período á fronte da Valedoría Universitaria da Universidade de Vigo foi para min unha etapa especialmente significativa, tanto no plano profesional como no persoal; foi  unha experiencia gratificante poder dedicarme á defensa dos dereitos e liberdades das persoas que integran a nosa comunidade universitaria, aínda que tamén supuxo un traballo intenso, esixente e que requiriu unha dedicación constante”. Neste termos valora a catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado González o seu mandato á fronte da Valedoría da UVigo, cargo para o que fora elixida polo Claustro en outubro de 2019 e que concluía en outubro do pasado ano.

Transcorridos algo máis de dous meses desde entón, período no que Pillado continuou, como establecen os Estatutos, en funcións á espera dunha nova elección, que non se produciu no Claustro do pasado mes de decembro ao non acadar ningún dos dous candidatos, Maribel Doval e Xosé Manuel Cid, os votos necesarios, a valedora universitaria presentaba nas últimas horas a súa renuncia ao reitor da UVigo, Manuel Reigosa.

“Asumín esta responsabilidade cun profundo sentido do deber e do compromiso, sendo sempre consciente da confianza que se depositaba en min. Por iso, quero expresar o meu sincero agradecemento á Universidade de Vigo e á súa comunidade por permitirme exercer unha función que foi, sen dúbida, unha verdadeira honra”, explica Esther Pillado, que asegura que “no desempeño deste labor procurei actuar sempre con imparcialidade, independencia e respecto, atendendo con rigor e sensibilidade os asuntos que afectaban ao profesorado, ao estudantado e ao persoal de administración e servizos”.

Designación dun membro da Comisión Asesora á espera da elección definitiva

A renuncia ao cargo de valedora produce a situación de vacante, o que determina, de conformidade co artigo 4 do Regulamento do Valedor ou Valedora da UVigo, a activación do réxime de suplencia temporal, debendo convocarse a Mesa do Claustro para a designación dunha persoa membro da Comisión Asesora da Valedoría como valedor ou valedora en funcións, ata que se produza a elección polo Claustro da nova persoa titular. En cumprimento da normativa, Pillado insta ao reitor a convocar a Mesa do Claustro coa maior brevidade, para proceder á designación da persoa que a substituirá de xeito provisional, mentres non se proceda á convocatoria do Claustro que elixa á persoa que ocupará a Valedoría Universitaria. Ata que se produza a designación da persoa membro da Comisión Asesora da Valedoría, a ata o de agora valedora continuará en funcións.

“Ao longo deste mandato sentinme acompañada e respaldada, de xeito xeral, por todas aquelas persoas ás que pedín colaboración, en especial, aos e ás responsables e integrantes dos distintos centros, departamentos e servizos da Universidade, así como ao equipo de goberno, cuxa colaboración, disposición ao diálogo e vontade de mellora foron fundamentais para o traballo da Valedoría”, detalla a catedrática, que considera que “sen ese apoio, este labor non tería sido posible nos termos nos que se desenvolveu”.

Defensa dunha ferramenta esencial para o fortalecemento da institución 

Rematado o seu mandato, Esther Pillado asegura finalizar esta etapa “coa satisfacción de ter contribuído, na medida das miñas posibilidades, a mellorar a vida cotiá de quen conformamos a comunidade universitaria e a favorecer un clima de convivencia baseado no respecto, na equidade e na escoita”. A catedrática da UVigo co gallo a súa renuncia, realiza unha pechada defensa dunha institución que considera “unha ferramenta esencial para o fortalecemento da nosa institución”, que afirma “só coa colaboración de todos, desde a posición da Valedoría Universitaria, independente e imparcial, poderemos facer da universidade un espazo máis xusto e máis igualitario, onde se respecten os dereitos e liberdades de todos os membros da comunidade universitaria”.

Esther Pillado converteuse o 15 de outubro de 2019 na primeira muller en asumir o cargo de valedora universitaria na UVigo. O Claustro elixiuna con 63 votos a favor e un en branco para suceder a Argimiro Rojo, que abandonara o posto por xubilación en verán dese ano.