DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha colección de merchandising que inclúe bolsas, libretas, un gorro ou un termo

O estudantado da Facultade de Deseño desenvolve os produtos promocionais da Bienal de Pontevedra

O seu traballo abrangueu tanto o desenvolvemento dos produtos como a campaña promocional

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/07/2025

B32 é o nome da colección de merchandising oficial da 32 Bienal de Arte de Pontevedra, desenvolvida por un grupo de preto de 20 estudantes da Facultade de Deseño, baixo a coordinación das profesoras Patricia Dopico e Cristina Varela. A iniciativa impulsada ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo levou ao estudantado a traballar no deseño de diferentes produtos promocionais, a partir da identidade gráfica da bienal, así como na súa campaña promocional.

O resultado final deste proxecto son as bolsas de algodón, libretas de peto, lapis de carpinteiro, o gorro reversible e o termo que este xoves se presentaban na Facultade de Deseño e que se porán á venda no Museo de Pontevedra. Xunto a Dopico e Varela e parte do alumnado implicado nesta iniciativa, este acto contou coa participación do vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, e da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, que destacaron o positivo decolaboracións, que permiten ao estudantado tomar parte en proxectos “cunha carga profesional bastante ampla”, como recoñeceu Dopico. 

“O resultado é marabilloso”, destacou Domínguez, que lembrou que un dos obxectivos da bienal era que este evento “tivese moitas ramificacións”, de tal xeito que “influíse na cidade”, pero tamén no estudantado da Universidade de Vigo, “que é fundamental para Pontevedra”. Nese propósito, insírese unha colaboración que buscaba ser un “estímulo” para o que o alumnado de Deseño “vise como é traballar dunha maneira real”, salientou Domínguez, quen trasladou ás e aos estudantes que “xa sodes partes da historia da Bienal de Pontevedra”. Nesa mesma liña, Fernández Souto valorou a recuperación, despois de 15 anos, dun evento “que encaixa perfectamente no espírito do Campus Crea", así como o apoio da Deputación a iniciativas que son “un pulo para o estudantado desta nova titulación”, que vén de completar o seu segundo curso. 

Do deseño inicial á presentación final

Tanto alumnado do Grao en Deseño, a maioría de primeiro curso, como estudantado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda tomaron parte nunha iniciativa que, explicou Dopico, permitiulles enfrontarse a “procesos de produción reais”, pero que tamén contribúe a que “acheguemos á cidadanía aquilo que facemos na facultade”. 

Baixo a coordinación de Dopico e Varela, o estudantado comezou traballando “a partir da identidade gráfica da bienal”, desenvolvendo unha serie de propostas baseadas nas súas cores e elementos gráficos. O resultado foron “diferentes propostas de deseño”, que se someteron a un proceso de selección das que saíron unha serie de produtos finais, que “xogan coas cores” e con elementos “moi identifactivos da bienal”, como as liñas, explicou Dopico.

Outra parte do alumnado implicado neste proxecto traballou no desenvolvemento da campaña promocional deste merchandising, nas que se insiren unha serie de fotografías e vídeos realizados no convento de Santa Clara, un dos espazos expositivos da bienal. Nese senso, o proxecto no que participaron tamén os docentes Marta Lloria, José Ángel Zabala, Eduardo Outeiro e Andrés Fraga, permitiu que o alumnado “non estivese só centrado no deseño do proutos”, senón en todas as fases do traballo que implicaría a creación e lanzamento “do que sería a edición especial dunha colección”, destacou Dopico.

Imaxes promocionais da colección