Un cento de alumnos e alumnas coñeceron os centros de Pontevedra, Ourense e Vigo
O estudantado LCA coñece in situ facultades e escolas dos tres campus
Co obxectivo “de achegarlles de maneira directa e personalizada a oferta académica da UVigo, darlles a coñecer os nosos centros, titulacións e servizos; así como reforzar o seu vínculo coa institución e o territorio”, o alumnado internacional matriculado no Diploma de Formación Universitaria Lingua, cultura e adaptación á universidade (LCA) visitou estas dúas últimas semanas diferentes facultades e escolas dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Unha iniciativa da Vicerreitoría de Internacionalización, cuxo director da Área de Plurilingüísmo, Óscar Ferreiro, asegura “demostra que o contacto directo cos centros, o profesorado e cas instalacións incrementa notablemente as posibilidades de que este alumnado decida continuar a súa traxectoria académica connosco”.
Proba desta afirmación son as cifras acadadas nos últimos cursos no que o número de estudantes LCA que elixiron a UVigo como institución para cursar os seus estudos incrementouse pasando dos 33 no curso 24-25 aos 41 neste 25-26. O Grao en Administración e Dirección de Empresas foi con nove estudantes no que o maior número de alumnos LCA recalaron este curso, seguido de Enxeñaría da Enerxía con seis, Comercio con cinco e Enxeñaría de Telecomunicación con tres.
Coñecendo in situ os centros da UVigo
Este curso son 120 os estudantes internacionais, chegados de Emiratos Árabes Unidos, Turquía, Indonesia, Exipto, Siria, Qatar, Filipinas ou Irán, matriculados no LCA, unha formación que, por vez primeira, se incorporou á oferta formativa do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo. Ao longo da pasada semana visitaron primeiro facultades e escolas do campus de Pontevedra (escolas como Enxeñaría Forestal e facultades como Ciencias da Educación e do Deporte) e logo do campus de Ourense (as escola de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e facultades como Educación e Traballo Social, Historia ou Dereito), e xa esta semana coñeceron in situ centros do campus de Vigo. En todos os casos foron as escolas e facultades os que determinaron o contido das visitas, nas que amosaron ao alumnado as súas instalacións docentes e de investigación, así como os seus proxectos académicos.
O obxectivo do programa é que o estudantado adquira, chegado o mes de xuño, un nivel B2 de castelán e que se familiarice coa cultura e a vida universitaria en España. Cun intenso programa de clases ao longo de todo o curso, o nivel de castelan acreditarano en xuño de 2026 co exame CertAcles español B2 que realizarán na propia Universidade de Vigo, xa que o seu Centro de Linguas é unha das entidades acreditadas por ACLES (Asociación de Centros de Linguas da Ensinanza Superior) para elaborar e administrar este exame, con validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior.
