Coa exposición ‘Metabiosis’, comisariada polo colectivo Luscofusco
Estudantes de Belas Artes propoñen no Culturgal unha reflexión sobre o consumo e a identidade
Esta feira acolle tamén a presentación do Directorio de Artistas Globais na Galiza
Valéndose de materiais reciclados, catro estudantes de Belas Artes propoñen unha reflexión sobre o consumo e a identidade nunha exposición inserida na programación do Culturgal, que se desenvolve ata este domingo no Pazo da Cultura. Baixo o título de Metabiosis, trátase dun proxecto expositivo do colectivo Luscofusco, que pode visitarse no espazo de arte contemporánea desta feira das industrias culturais, na que se insiren máis de 200 espectáculos e actividades. Entre elas atópase tamén a presentación, na tarde deste venres, do Directorio de Artistas Globais na Galiza, resultado dun proxecto de investigación desenvolvido por investigadoras das tres universidades públicas galegas.
Unha “selva” de obxectos que perderon o seu uso
Os estudantes Dana Latorraca e Pablo Martínez, integrantes de Luscofusco, son os comisarios da exposición que representa a Belas Artes nesta décimo oitava edición do Culturgal. Reunindo as creacións de Diosbett Montero, Sheila Parcero, Ramiro Agulla e Cristina Rus, buscaron recrear no espazo expositivo da feira “un ecosistema ou ‘selva’ a partir de materiais de refugallo”, co que propor “unha reflexión sobre os ciclos de consumo e a identidade no mundo contemporáneo”. A liña temática desta mostra, sinalan, parte das “relacións posibles entre o orgánico e o sintético”, a través do emprego nas diferentes obras dun conxunto de obxectos e materiais “que perderon a súa función orixinal ou a súa vida útil”. Estes, lembran os comisarios, “non desaparecen o planeta” e con eles é posible “construír espazos dignos e válidos, sen a necesidade de repetir ciclos de produción e consumo”. Nese senso, recoñecen a inspiración que supuxo para este proxecto “a figura do cangrexo ermitán” e como este emprega restos doutros animais, nunha forma de relación biolóxica, a metabiose, que dá nome á exposición.
“Cada obra ten unha forma distinta de achegarse a esta realidade”, salientan Latorraca e Martínez. Por exemplo, Cristina Rus presenta No pasa nada, unha obra composta de “múltiples obxectos atopados”, que dispón no chan ao longo do espazo, articulando unha reflexión sobre “os resultados das decisións que tomamos a diario”, xa que se trata de residuos que as persoas foron deixando no chan, pensando en que “non pasa nada”. Diferentes materiais extraídos de “arquitecturas abandonadas” serviron a Ramiro Agulla para dar forma a Umbral, unha proposta na que unha serie de elementos “que deixaron de cumprir a súa función” atopan unha nova nun “plano pictórico”, como destacan os comisarios.
Sheila Parcero emprega unha serie de tiras de cartón e ferro para construír “unha sorte de árbores que invaden o espazo expositivo” no seu proxecto Invasoras, co que busca abordar “a problemática que xeran en Galicia os eucaliptos”, sinalan desde Luscofusco. Finalmente, Diosbett Montero emprega “estruturas megalíticas de pedra sintética” en Cairn de lo inestable, unha obra que “abrangue temáticas como a identidade, a territorialidade, a resistencia cultural e os dereitos humanos”.
Ata este domingo poderá verse no Pazo da Cultura unha mostra que supuxo unha “oportunidade grandísima” para este grupo de estudantes, que se encargan de coordinar no presente curso a sala O Abrigo. “Outorgounos coñecementos e ferramentas moi valiosas para futuras exposicións”, recoñecen dunha mostra que desenvolveron tamén como proxecto para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional.
Presentación do Directorio de Artistas Globais na Galiza
Esta feira das industrias culturais constitúe tamén un “contexto propicio para dar presenza e escoita a voces habitualmente invisibilizadas”, destacan as promotoras do Directorio de Artistas Globais na Galiza, que se presenta na tarde deste venres no espazo Culturgal. Trátase dun dos principais resultados do proxecto de investigación Mulleres á fronte dende o Sur Global, dirixido pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela Luzia Oca e desenvolvido por sete investigadoras das tres universidades galegas, especialistas en migracións e xénero, entre as que se atopa a profesora de socioloxía da Universidade de Vigo Iria Vázquez Silva. Financiado por Cooperación Galega, este proxecto propuña un “proceso de investigación acción-participativa, orientado a crear un diálogo de saberes e experiencias entre mulleres para recoñecer, visualizar e fortalecer a creación artística das mulleres migrantes en Galicia”.
Un dos seus resultados é este directorio, desenvolvido coa colaboración da entidade do terceiro sector Ecos do Sur. Nel reúnense os proxectos de 32 creadoras, nos ámbitos das artes escénicas e musicais, na danza e no teatro, así como propostas multidisciplinares. A súa presentación no Culturgal complétase cunha mesa redonda na que varias das artistas presentes no directorio comparten as súas experiencias como creadoras migrantes. Nomeadamente, interveñen neste faladoiro a actriz, directora e dramaturga Mariana Rodrigo; a artista, coreógrafa e bailarina Mercé de Rande; a artista mutidisciplinar Kirenia Martínez, directora do festival Escenas do Cambio, e a música Sheila Patricia.
