DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas ‘Utopía: novos camiños’, coordinadas polo alumno William Evans Vinuesa

Estudantes de Belas Artes proxectan en Pontevedra o “potencial crítico e transformador” da performance

Desenvólvense entre este martes e sábado na Sala O Abrigo e noutros puntos da cidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/04/2026

Reivindicar a performance como unha “ferramenta de acción política” é o obxectivo central das xornadas Utopía: novos camiños, na que se insiren as cinco accións que estudantes de Belas Artes desenvolven entre este martes e o sábado 11, tanto na Sala O Abrigo da facultade como en diferentes puntos da cidade. Impulsada polo estudante William Evans Vinuesa, co apoio da facultade, o propósito desta iniciativa é “articular unha resposta desde o artístico fronte ás estruturas hexemónicas do mercado da arte”, pondo de relevo, explica, o "potencial crítico e transformador” da arte de acción.

Como sinala Evans, estas xornadas son froito dunha “iniciativa persoal” xurdida do seu interese pola performance, a raíz da materia Proxectos de arte de acción, que imparte o profesor Carlos Tejo. “A performance é unha disciplina que pola súa natureza non se adapta ben ás necesidades do mercado”, sinala dunha arte efémera e que non deixa “ningún obxecto artístico mercantilizable”. De aí que fronte a un mercado que, sostén, “tende a neutralizar e absorber os discursos disidentes”, estas xornadas buscan ser unha “contorna onde o corpo e a acción serven para cuestionar o imperialismo, a explotación capitalista e o control ao que nos someten aos algoritmos”.

Cinco performances entre martes e sábado

Esta iniciativa conta coa participación dunha serie de alumnos e alumnas que “operan desde a resistencia estética e política" na súa práctica artística, sinala Evans. As xornadas botan a andar na tarde deste martes na Sala O Abrigo, coordinada polo colectivo estudantil Luscofusco, onde Álvaro Varela presentará ás 20.00 horas a súa acción Ceremonia fúnebre de Pasito Doble. Neste mesmo espazo terá lugar o mércores, entre as 15.00 e as 18.00 horas a performance Capital Documedial, de Isa Moreno e Pepe García. Xusto a continuación dará comezo Érase un hombre tortuga, unha acción de Nacho Platas que se desenvolverá nas rúas da cidade, iniciando o seu percorrido na entrada da facultade. 

Xa o xoves 9, Diosbett Moreno levará a cabo a súa proposta Crudo na praza de España ás 18.30 horas, clausurándose estas xornadas o sábado 11 cunha performance do colectivo artístico Apoplejía, que se desenvolverá a partir das 15.15 horas na rúa Real.