DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de innovación, visitaron este xoves a Deputación de Pontevedra

Estudantes de Dirección e Xestión Pública afondan nas habilidades do persoal directivo das administracións locais

O alumnado do grao coñecía tamén nas últimas horas o Parlamento de Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/03/2026

Afondar nas habilidades e competencias que debe posuír o persoal directivo das administracións públicas locais é o eixe dun proxecto de innovación educativa da Facultade de Dirección e Xestión Pública, que este xoves levou un grupo de estudantes á sede da Deputación de Pontevedra. Como explica o seu coordinador, o profesor Fernando Martínez, trátase dunha iniciativa na que están implicadas as materias Dirección pública nos gobernos locais e Habilidades nas administracións públicas e que busca que o estudantado coñeza “as competencias e habilidades da parte directiva dunha entidade local” a través do contacto directo con persoal de diferentes administracións. Nese obxectivo insírense actividades como a visita deste xoves ao Pazo Provincial, onde foron recibidos pola deputada provincial María Ramallo, para logo manter un encontro con responsables do Servizo de Asistencia Intermunicipal (Saim) e do Organismo Autónomo de Recadación e Xestión Tributaria (Oral).

O encontro no que participaron Martínez e o profesor Ignacio Fernández verase continuado ao longo do cuadrimestre por outras actividades con ese mesmo obxectivo, como coloquios con persoal funcionario con habilitación nacional ou visitas a concellos. Ao mesmo tempo, esta iniciativa insírese tamén na programación de actividades da facultade para o segundo cuadrimestre, ao igual que a visita que este mércores realizaban 23 estudantes ao Parlamento de Galicia. No marco da súa formación na materia Gobernos autonómicos, esta actividade permitiulles asistir a unha sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e manter un encontro co letrado maior do Parlamento, Xosé Antón Sarmiento, así como cunha egresada que traballa como bolseira na cámara. Estiveron acompañados polo decano, Enrique Varela, o profesor responsable da materia, Bruno González, e o coordinador do grao, Fernando Martinez.

Tamén no marco desta programación de actividades, outro grupo de estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública puido coñecer este xoves as funcións da Axencia Europea de Control de Pesca, en Vigo, na visita que realizaron xunto co profesor Celso Cancela.