DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo que levan a cabo co Centro Cultural Urbano 

Estudantes de Dirección e Xestión Pública avalían as fortalezas e necesidades de Zona Monumental

O seu obxectivo é realizar unha “auditoría social” da que deriven propostas de mellora

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/05/2022

Adquirir, no marco da súa formación, un maior coñecemento do funcionamento de organizacións que actúan moitas veces como intermediarias entre as administracións e os seus asociados, como é o caso do Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental, á vez que levan a cabo unha análise das fortalezas, demandas ou necesidades desta entidade. Isto é o que o propón a catro estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública o proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) que nestas semanas levan a cabo con Zona Monumental. No marco desta iniciativa reúnen as opinións de diferentes asociados e asociadas co propósito de achegar a Zona Monumental unha análise “das necesidades e demandas específicas dos seus socios e de como valoran os servizos que reciben”, como explica a profesora Sara Torres, responsable deste proxecto.

Enmarcado nas actividades da materia de primeiro curso Socioloxía xeral, o proxecto Guía de servizos aos asociados CCUZM foi un dos seleccionados na convocatoria de innovación educativa en ApS impulsada para o presente curso pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación. O seu obxectivo, explica a docente Torres Outón, era que o alumnado puidese “coñecer unha organización que non é propiamente unha administración, pero que traballa con estas e que constitúe un axente socioeconómico da cidade”, á vez que contribúen o seu labor a través desa análise e da elaboración de materiais como folletos informativos ou documentos útiles para a entidade.

“Recibimos a iniciativa con moito interese, pola oportunidade de aproveitar sinerxías entre entidades con presenza local”, salientan desde Zona Monumental. Desde o CCU agardan que este proxecto permita levar a cabo “unha especie de auditoría social” do seu labor, na que os estudantes “analicen as actividades e servizos do CCU e contribúan cunha proposta de mellora ou de posta en valor que nos permita cumprir os nosos obxectivos”. 

Análise da actividade

O proxecto arrancou no mes de marzo cunha primeira sesión de traballo dos catro alumnos que decidiron sumarse a esta actividade -Noel Domínguez, Anxo Camaño, Hugo Covelo e Francisco José López- co presidente e a xerente de Zona Monumental, Miguel Lago e Mónica Tomé. Nacida en 1989 como Asociación Área Comercial Zona Monumental coa finalidade de contribuír á revitalización económico-comercial do casco histórico da cidade, o actual CCU, constituído como tal en 2003, agrupa, explican, preto dun centenar de “establecementos dedicados ao comercio, hostalería, ocio, servizos e profesionais”, emprazados nas rúas do casco histórico e do seu perímetro.

Tras coñecer os ámbitos de traballo e os servizos que presta a asociación, o seguinte paso foi a realización de entrevistas a membros do CCU, dirixidas a coñecer “o que valoran da asociación ou o que botan en falta” e acadar información “dun colectivo heteroxéneo” debendo cando menos reunir opinións dun representante do comercio, outro da hostalería e un terceiro doutras actividades profesionais, coa idea de “medir as necesidades de cada sector”. Deste xeito, sinala Torres, tratarán de achegar ao CCU “as necesidades ou demandas que os propios asociados lles farían”, aspecto no que tamén inciden desde Zona Monumental, que destaca como este contacto cos asociados permitiralles “ter unha visión máis plural e completa do que facemos”. 

Alén de agrupar aos asociados “baixo unha imaxe común propia e unha xestión estratéxica profesional compartida”, o CCU presta, entre outros, servizos administrativos, de asistencia ou asesoramento e realiza xestións como a tramitación de subvencións ou realización de pagos e cobros. Nese senso, desde Zona Monumental inciden en como este proxecto de ApS permite que os alumnos realicen un servizo “como o que poderían prestar como futuros profesionais no asesoramento e avaliación de programas que levan a cabo entidades como as nosas”. 

Os resultados desta análise recolleranse nunha memoria final que este grupo de estudantes presentará á directiva do CCU e da que poidan saír á súa vez outros resultados, como “un informe con recomendacións ou liñas de actuación para o próximo bienio ou un folleto informativo no que expoñan un pouco os diferentes piares da asociación” ou que compile información das convocatorias e axudas que a entidade traslada aos seus asociados e asociadas. 

Aprendizaxe e concienciación

Este grupo de catro alumnos presentará tamén os resultados do proxecto aos seus compañeiros e compañeiras da materia, co propósito, como explica Torres, de achegarlles tamén a idea “de que existen outras entidades, fóra da administración que poden requirir os seus servizos e que actúan moitas veces como mediadoras entre as administracións”. Alén disto, a impulsora deste ApS busca tamén que a iniciativa contribúa “á concienciación da xente nova de que as súas opcións de consumo teñen unha repercusión, neste caso do ámbito local”, achegándoos á realidade dun “sector moi feminizado como é o do comercio, que é ademais un dos que máis tempo demanda e dificulta a conciliación” ás e aos seus profesionais.