DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo coordinado pola profesora Martina Ares

Estudantes do Grao en Educación Infantil xeran recursos educativos fronte os “falsos mitos” asociados aos trastornos do desenvolvemento

Contrapondo a información que se difunde nas redes sociais cos manuais de diagnose

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/01/2026

No marco da súa formación en diferentes materias, preto de 90 estudantes do Grao en Educación Infantil analizan ao longo deste curso a información sobre diferentes trastornos do desenvolvemento na etapa infantil que se difunde a través das redes sociais, co propósito de dar forma a unha serie de recursos educativos sobre os “falsos mitos” asociados a trastornos como o TEA ou o TDAH. Fano no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) coordinado pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Martina Ares, que ten como obxectivo que desenvolvan, explica, “unha mirada crítica fronte á desinformación en redes sociais”, á vez que adquiren “competencias clave para identificar, analizar e intervir en trastornos do desenvolvemento na etapa infantil”.

Baixo o título de Desesmascarando mitos: Educación e veracidade sobre a educación nas redes, trátase dunha iniciativa seleccionada na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da UVigo, na que participan tamén os docentes da facultade Abraham Bernárdez e Brais González. O proxecto desenvólvese ao longo do curso en catro materias do grao e trata de contribuír tanto á “alfabetización crítica do alumnado” como achegar á comunidade educativa “recursos para a discriminación de información rigorosa”, apunta Ares. 

Formación en trastornos

Aínda que, o profesorado non ten “capacidade de diagnóstico”, en etapas como a educación infantil si pode xogar un papel relevante na detección temperá de posibles trastornos. “Entón, é moi importante que saiban identificalos e coñezan as diferentes necesidades educativas especiais” que poden atoparse nos colexios “na etapa de educación infantil”, subliña esta docente. Con ese propósito, nas materias Fundamentos psicolóxicos da intervención temperá e Identificación, prevención e tratamento dos trastornos do desenvolvemento e da conduta adquiren formación sobre “as dificultades que poden atopar no alumnado relacionadas”, por exemplo, co trastorno do espectro autista (TEA), co trastorno de déficit de atención por hiperactividade (TDAH), “que non se diagnostica aínda nesta etapa”, ou con “trastornos da comunicación a nivel lingüístico”.

Nese senso, a súa formación no marco deste ApS levaraos a analizar en primeiro termo diferentes vídeos e publicacións en redes sociais sobre estes trastornos. “Moitas veces formámonos a través das redes, asumindo unha información que pode ser ou non verdadeira”, lembra neste punto a coordinadora deste proxecto. Divididos en diferentes grupos, as e os participantes analizaron diferentes publicacións sobre estes trastornos, así como a información que achegan sobre estes os modelos de linguaxe por intelixencia artificial, para logo contrastar esas informacións con manuais como o DSM-5, “un dos máis utilizados para o seu diagnóstico”, e con artigos científicos. 

Deste xeito, o proxecto busca contribuír á que o alumnado desenvolva “a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes”, ao tempo que profunda “no coñecemento dos fundamentos da atención temperá, dos procesos psicolóxicos e da organización educativa”. Nese senso, o proxecto arrancou no primeiro cuadrimestre coa realización desas comparativas sobre “que din as redes sociais, que di a intelixencia artificial e a que di a ciencia”, apunta Ares. Esta primeira fase completouse coa elaboración dun dossier cos resultados desta análise, “coa finalidade de difundilo, sobre todo, entre o profesorado”. 

Creación e presentación de recursos

Xa no segundo cuadrimestre, o traballo centrarase nun “estudo en profundidade dos casos” e no deseño dos diferentes materiais, como infografías ou publicacións para redes sociais, que poñan o foco a “detección de falsos mitos” asociados aos diferentes trastornos do desenvolvemento. O obxectivo final, explica Ares, é que os resultados destes traballos poidan trasladarse ao profesorado en activo, a través de charlas en centros educativos por parte dalgúns das e dos estudantes participantes neste ApS.