DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto a toda a cidadanía, ‘BuenaMente’ terá lugar o xoves 12 en CIencias Sociais e da Comunicación

Estudantes de Publicidade e RRPP organizan unha xornada dirixida a concienciar da importancia da saúde mental

Engloba actividades como talleres, xogos ou actuacións 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 06/05/2022

Concienciar ao alumnado universitario sobre a importancia da saúde mental. Ese o obxectivo principal de BuenaMente, un evento organizado por máis de 70 estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas como traballo para unha materia. Aberta a toda a cidadanía, trátase dunha xornada que engloba diferentes actividades, como un taller de meditación e técnicas de relaxación, unha actuación musical ou a proxección dunha curtametraxe sobre saúde mental, que se desenvolverán o vindeiro xoves 12, entre as 10.30 e as 14.00 horas, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Presentado polos seus organizadores e organizadoras como un “encontro universitario que busca loitar contra os estigmas e a desinformación” respecto das enfermidades mentais, trátase dun evento nacido como traballo final para a materia Técnicas de Relacións Públicas, que imparten os profesores Iván Puentes, Vera Cruz Montoto e Juan Manuel Corbacho. 

“Tanto pola pandemia da covid-19, como polos confinamentos e restricións posteriores, os ánimos e as relacións sociais da comunidade universitaria e da sociedade no seu conxunto víronse gravemente afectadas. É por isto polo que se lanzou esta iniciativa, para que sexamos conscientes destes problemas e poidamos pórlles solución de forma conxunta”, salientan os organizadores e organizadoras dunha actividade que busca xerar “un espazo de confianza”, no que ofrecer “ferramentas de resiliencia ao conxunto do estudantado e da cidadanía”.

Actividades que poñen o foco nas emocións

De carácter gratuíto e abertas a toda a cidadanía, trátase dun evento conformado por cinco actividades, que se desenvolverán tanto no interior coma no exterior da facultade e coas que este grupo busca fomentar o traballo en equipo e a capacidade de xestión das emocións, así como contribuír á concienciación respecto da importancia que ten o coidado da saúde mental.

Por unha banda, terá lugar un taller de meditación e técnicas de relaxación, dirixido a amosar como “enfocar a atención e a conciencia sobre nós mesmos”, explican desde a organización. De xeito paralelo, desenvolverase unha “actividade de identificación do nivel de estrés”, na que, divididos en pequenos grupos, entregarase a cada participante un globo que, “a medida que se vaian facendo preguntas sobre o estado de ánimo dos presentes”, irán inflando segundo o seu “nivel de identificación” co afirmado. “Esta dinámica será a encargada de que todas e todos sexamos conscientes do que estamos a pasar por dentro”, salientan. Outra das propostas é un torneo amigable de jugger, un deporte de contacto de orixe alemá, dirixida a “descargar malas enerxías e empregar a forza do estrés e das frustracións mediante golpes seguros con obxectos brandos”. 

Cine e música

Por outra banda, un grupo de freestylers galegos protagonizarán a exhibición ImproMente, deseñada especificamente para este evento e na que os diferentes artistas participantes terán que facer unha improvisación centrada nos temas que se lles vaian propondo. “A finalidade deste microevento é xerar unha atmosfera positiva e mellorar os estados de ánimo grazas á música”, salienta este grupo de estudantes.

O evento completarase coa proxección de But milk is important, unha curtametraxe dos noruegueses Eirik Grønmo Bjørnsen e Anna Mantzaris, “que se interna no terreo da ansiedade social e aproxímase a certos estados mentais dun xeito amable”.