DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os alumnos do campus Iván García e Myriam García, ouro e prata na modalidade de combate

Estudantes da Universidade acadan oito medallas no Campionato de España de taekwondo

O EXP-Universidade de Vigo afiánzase como líder na Liga Galega de Xadrez

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 11/03/2019

Tres medallas de ouro, catro pratas e un bronce é o balance que deixa a participación dos deportistas e estudantes da Universidade de Vigo Iván García, Miryam García, Laura Vázquez, Alejandro Losada e Marcos Silva no Campionato de España absoluto de taekwondo, celebrado esta fin de semana en Alacante. Na modalidade de combate, o alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván García lograba proclamarse campión de España, mentres que a alumna de Fisioterapia Laura Vázquez Hermida acadaba a medalla de prata. Ambos serán parte do equipo co que a Universidade de Vigo competirá en maio no Campionato de España Universitario, equipo do que tamén forma o alumno da Escola de Enxeñería Industrial Alejandro Losada, medalla de prata na competición individual de técnica, e que formou parte, xunto aos tamén universitarios Laura Vázquez e Marcos Silva, das parellas, tríos e quintetos que acadaron catro das máis de 30 medallas colleitadas pola Federación Galega nesta competición.

A representación galega, de feito, logrou o primeiro posto na clasificación por equipos do Campionato de España sénior de combate, onde Iván García, campión en -87 quilos, acadaba o seu o primeiro ouro neste torneo por federacións. “Conseguira gañar no de clubs, pero neste levaba tres anos quedando segundo, polo que era unha espiña que tiña cravada”, apunta este alumno do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que derrotou no primeiro combate ao catalán Alex Mas, superou en semifinais ao murciano Manuel Guilén e dobregou por 14-4 na final ao catalán Alassana Diarra. Este triunfo supón así mesmo un importante paso adiante nas súas opcións de participar no Campionato do Mundo. “De momento vou primeiro do ránking, pero aínda faltan varios torneos polo que aínda teño que seguir loitando pola praza”, recoñece.

Tamén estudante do campus pontevedrés, Miryam García estivo moi preto de alzarse co ouro na modalidade de -62 quilos, na que venceu a aragonesa María Ferrer en primeira rolda, para derrotar logo en cuartos a Ainoa Díaz, de Castilla-La Mancha, e superar a andaluza María Jiménez en semifinais. Na final, García viuse superada pola catalá Natalia Moreno no punto de ouro, despois de ir gañando nos tres asaltos. 

Técnica y ‘freestyle’

Galicia foi tamén protagonista no Campionato de España de Técnica e Freestyle, no que rematou en segundo e primeiro lugar respectivamente. Nas competicións individuais, o alumno do grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática Alejandro Losada García lograba a medalla de prata na categoría sénior 1, éxito ao que sumou o ouro acadado xunto a Raquel Guillén en parella 1. Nas competicións grupais de poomsae destacou tamén a prata acadada polo estudante de Fisioterapia Marcos Silva en trío 1, xunto a Samuel Alves e Allan Guagua, así como o bronce colleitado no trío 1 feminino pola alumna da EU de Estudos Empresariais Laura Vázquez xunto a Raquel Losada e Fátima Rodríguez. Na modalidade de freestyle, Vázquez e Silva sumaban unha nova medalla de prata en parella de máis de 18, éxito ao que se engadía o ouro logrado en quintetos polo equipo do que formaban parte Vázquez, Silva e Losada xunto a Samuel Alves e Celia García. 

Estes cinco deportistas formarán parte, do equipo co que a Universidade de Vigo competirá en maio en Castellón no Campionato de España Universitario, no que a institución académica agarda estar un ano máis “na loita polas medallas”, como recoñece o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Alexandre Sanjorge. De feito, que a modalidade de técnica volva a formar parte este ano do torneo universitario contribúe á que as expectativas de cara ao CEU sexan aínda maiores, recoñece Sanjorge, quen fai énfase “no altísimo nivel” do taekwondo en Galicia. 

O EXP-Universidade de Vigo afiánzase no liderado

Esta fin de semana deixou tamén boas novas para o Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz que, tralo parón do entroido, daba un paso adiante na súa loita polo campionato na División de Honra da Liga Galega de Xadrez derrotando no seu campo ao equipo da USC por 2,5-3,5 puntos. Máis de catro horas de xogo foron precisas para que o conxunto pontevedrés sumase o triunfo fronte ao que era o seu máis inmediato perseguidor na táboa clasificatoria, que o EXP-Universidade de Vigo continúa liderando en solitario con 25 puntos, dous por riba do Xadrez Ourense. Este bo resultado sumábase, por outra banda, ao triunfo do seu xadrecista Rubén Fernández, por segundo ano consecutivo, no Campionato Galego de Xadrez sub14, celebrado entre o 5 e o 8 de marzo en Cangas do Morrazo e no que o xadrecista pontevedrés acadaba sete vitorias e un único empate para revalidar o título.

No relativo á División de Honra, esta sexta xornada viu marcada polo enfrontamento entre os dous últimos campións e os dous únicos equipos ata entón invictos, un duelo marcado pola igualdade e que non se resolveu ata pasadas as catro horas de xogo. O primeiro en pechar a súa partida, nunha rolda á que o USC acudía coa baixa do mestre internacional Diego Suárez, foi precisamente Rubén Fernández, que sumaba a primeira vitoria visitante, trala que chegaron os empates de Alberto Portela ante o mestre Fide Luís Medrade e do capitán, Pablo García, ante o mestre internacional nicaraguano Mariano Madrigal. 

Pola contra, Francisco Veiga encaixou a súa primeira derrota na liga nun igualado final de partida, mentres que Víctor Miguel acadaba a segunda vitoria para os visitantes nunha partida na que mantivo a presión sobre o seu rival durante máis de catro horas, ata que o reloxo do seu contrincante quedou a cero. Xa cando o enfrontamento se achegaba ás cinco horas, chegou o desenlace da partida entre Antonio Villar e Daniel Rivera, na que este último foi capaz de salvar unhas táboas despois de perdoar cando puido sentenciar e verse logo nunha desvantaxe material á que soubo facer fronte.