DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Anabel Antela estudou no seu TFG o seu uso por parte das empresas e a opinión da mocidade ao respect

Un estudo constata a “alarmante baixa presenza” do galego no sector téxtil 

Unha publicación recolle os resultados da investigación que levou a cabo para o seu TFG

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/12/2020

“O sector téxtil ten unha tarefa pendente e moi urxente coa lingua galega”. Esta é a conclusión que a egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Anabel Antela extrae do estudo que levou a cabo para o seu traballo de fin de grao en Publicidade e Relacións Públicas, recollido agora nun libro editado pola Mesa pola Normalización Lingüística coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Co profesor Xosé Baamonde como titor, este traballo comprendeu por unha banda a análise dos portais web “das 16 marcas e grupos empresariais máis importantes de Galicia” e permitiu pór de relevo, como sinalou a súa autora, a “alarmante baixa presenza” que o idioma ten neste sector. O traballo completouse cunha enquisa realizada a máis de 300 mozos e mozas, dos que o 95% sinalaron como “necesario” o fomento da lingua neste ámbito empresarial, mentres que un 60% recoñecía que “o feito de que un produto sexa anunciado en galego indúceos á súa compra”.

O libro resultado do TFG que Antela defendeu no curso 2018-2019 foi presentado este mércores no Pazo Provincial, nun acto no que a autora e o titor estiveron acompañados pola deputada provincial de Lingua, María Ortega, e polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Nesta presentación, Baamonde salientou a importancia que, no eido da comunicación, “ten traballar cunha marca que diferencie os nosos produtos e nos distinga dos demais”, o que o levou a pór de relevo a necesidade de que o empresariado sexa “consciente de que ten un activo moi importante no galego”. Para o docente, o traballo de Antela “vén a demostrar que a mocidade e a sociedade reclama máis galego para coñecer a orixe dos produtos”, xa que o idioma é a “mellor garantía de que algo se produce en Galicia”; a vez que pode servir de “exemplo para todo o alumnado da Universidade de Vigo” de como un TFG pode verse logo convertido “nunha realidade”. María Ortega, pola súa banda, puxo o acento en que, máis aló “da cultura e as tradicións”, o galego tamén é valido “cando falamos de ciencia ou de marcas comerciais”, mentres que Maceira destacou como este estudo amosa que o seu uso “é tamén unha demanda”. 

Baixa presenza do idioma nas webs do sector

O traballo de Antela comprendeu por unha banda a análise das webs de 16 marcas e grupos empresariais, “nados en Galicia, con presenza internacional e cunha facturación anual superior aos dous millóns de euros”. Todas elas, explicou, empregan o castelán como lingua vehicular no seu portal e unicamente as páxinas das diferentes marcas de Inditex, coa excepción da do propio grupo, “ofrecen a oportunidade de gozar dos seus contidos en galego”. Así mesmo, só en sete das 16 webs analizadas citan “algún tipo de vínculo con Galicia”, mais, apuntou, “en ningún momento facendo fincapé na súa orixe, senón que simplemente a nomean como lugar de nacemento do seu deseñador ou no que abriron a súa primeira tenda”. 

A opinión da mocidade

O estudo que recolle esta publicación buscaba tamén coñecer “a opinión e a posición dos mozos e mozas galegos respecto desta realidade”, a través dunha enquisa, “na que deixaron claro a súa actitude positiva cara o emprego da lingua no sector”. O 95,8% da mostra “considera agradable que as firmas galegas empreguen o idioma”,. mentres que e o 70% afirmou que o seu uso “reforza a imaxe de marca”, explicou Antela. O 60% dos enquisados e enquisadas sinalou así mesmo que o anuncio dun produto en galego induce á súa compra, situando á súa vez a “procedencia galega” como a cuarta característica que máis valoran de cara a mercar un determinado produto.

No referido ao uso do galego, o 95,8% afirmaron que cando acoden a unha tenda “os traballadores e traballadoras diríxense a eles en castelán”, mentres que “máis da metade da mostra non recoñecía como galegas” varias das empresas e marcas que centraron o estudo, máis aló das diferentes firmas do grupo Inditex e de Adolfo Domínguez. Por iso, dado que os mozos e mozas teñen no téxtil “o sector no que máis tempo de lecer invisten e do que máis toman referencias”, Antela sinalou que o estudo achega unha serie de datos “que amosan a necesidade de realizar cambios” e pode “servir de base para futuras accións ou campañas a prol da lingua”.