Realizado no marco do proxecto europeo liderado desde a UVigo Storcito
Un estudo recolle a visión das persoas que viven, traballan e xestionan o territorio en zonas de alto risco de incendio forestal en Galicia
Nel destácase a necesidade de “máis educación, máis sensibilización e máis formación”
No marco do proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo Storcito acaba de realizarse un estudo cualitativo no que se quixo “dar voz” e coñecer a visión “das persoa que viven, traballan e xestionan o territorio en zonas de alto risco de incendio forestal en Galicia”. Entre as preocupacións máis recorrentes recollidas nos resultados destacan “o monocultivo forestal, a perda do paisaxe en mosaico, o abandono das terras, o avellentamento e a desaparición das prácticas agro-gandeiras tradicionais, factores que favorecen a acumulación de biomasa e incrementan o risco”.
Os principais resultados do estudo foron presentados este martes no Centro Integral de Loita contra o Lume situado no municipio de Toén, nunha xornada do proxecto Firepoctep+, proxecto coordinado por Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra. Neste encontro especialistas de España e Portugal abordaron innovacións, boas prácticas territoriais, oportunidades de financiamento europeo e demostracións técnicas de prevención e extinción de incendios.
A persoa encargada de presentar o estudo foi María Isabel Doval, investigadora do Grupo HC1 e da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo (campus de Ourense) e unha das coordinadoras de Storcito. Liderado pola Universidade de Vigo e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, Storcito reúne a once socios de cinco países co obxectivo de fomentar a innovación multidisciplinar en ámbitos chave das zonas rurais europeas, entre elas a xestión sostible dos recursos e prevención de incendios forestais.
O traballo realizado, explica María Isabel Doval, xorde da importancia de “escoitar para previr” e reivindica unha maior participación do rural na xestión do lume. O estudo baseouse nun centenar de entrevistas en profundidade, cunha ampla representación social: mulleres do rural, gandeiros, agricultores, cooperativas, brigadistas, persoal xurídico e policial vinculado aos incendios, ecoloxistas, activistas rurais, proxectos de desenvolvemento, alcaldes, especialistas universitarios, enxeñeiros agroforestais, persoal técnico de distrito e da Xunta, comunidades de augas e de montes, fundacións e xente nova. “A pesar desta diversidade, todas as voces coinciden nunha mensaxe clara: non sempre se senten escoitadas pero tamén que ‘o que nos achega é moito máis do que nos separa’ e que escoitar é o primeiro paso para previr”, apunta a investigadora da UVigo.
Diferenzas xeracionais
Segundo resume María Isabel Doval as persoas entrevistadas “sinalan e reclaman a necesidade urxente” de: reforzar a participación na gobernanza local e na definición dos plans de risco e prevención; maior flexibilidade normativa, adaptada á realidade do rural (sendo a burocracia identificada como un dos principais obstáculos para a xestión sostible e a prevención activa); apoio á innovación e ao aproveitamento multifuncional do monte; fortalecer as comunidades de montes e garantir o relevo xeracional; e recoñecemento e compensación económica dos servizos ecosistémicos.
A profesora do campus de Ourense subliña ademais que “outro dos resultados máis contundentes é a percepción xeralizada de inseguridade e falta de preparación da poboación: non existen protocolos claros nin cultura comunitaria de autoprotección; a maioría descoñece as medidas básicas ou o uso de ferramentas sinxelas (mangueiras, batelumes); os concellos non sempre lideran procesos de preparación, xerando desorganización e dependencia da iniciativa individual e escaseza de recursos; falta de formación continua e certa descoordinación institucional”. Ante os resultados das entrevistas realizadas, María Isabel Doval apunta que “tamén é importante subliñar que a poboación maior non sempre é plenamente consciente de que os incendios actuais (os chamados incendios de sexta xeración) non son os mesmos que lembran do pasado”. Así, detalla, “a súa experiencia vital, ligada a un rural vivo e a unha xestión tradicional do territorio, ás veces leva a pensar que ‘xa pasaron moitos lumes’ e que o comportamento continúa a ser similar. Porén, a realidade actual móstranos incendios moito máis rápidos, máis intensos e máis perigosos, capaces de afectar en minutos a núcleos habitados e infraestruturas críticas”.
A isto a investigadora da UVigo engade que “as persoas maiores, que coñecen o monte, os usos tradicionais e a evolución do territorio, perciben que a xente nova e a poboación periurbana carecen dunha conciencia real do risco, especialmente polas mudanzas do estilo de vida, o afastamento do mundo rural e a falta de formación específica sobre perigos naturais”. Isto xera, comenta a co-coordinadora de Storcito, “ás veces unha dobre fractura: unha fenda xeracional, entre quen viviu o lume de preto e quen só o coñece a través dos medios, e unha fenda territorial, entre quen habita o rural e quen vive en zonas periurbanas cada vez máis expostas, pero sen cultura preventiva”.
Esta combinación, afirma María Isabel Doval, “afecta directamente á capacidade colectiva de resposta e reforza a necesidade de máis educación, máis sensibilización e máis formación para todas as idades e en todos os espazos da sociedade”. O escenario debuxado, engade, “alimenta fenómenos como a eco-ansiedade, cada vez máis presente na sociedade pero pouco estudada no rural galego”. Neste marco de traballo, a investigadora incide “na falta dunha cultura preventiva asentada no sistema educativo”, apuntando que “a formación inicial e continua do profesorado carece de contidos sobre incendios forestais, resiliencia ou riscos naturais, e non existe un currículo equivalente ao de Xapón, Suecia ou Estados Unidos, onde a educación en riscos é transversal”. Así, engade, “é necesaria máis estabilidade formativa, con novos materiais, recursos e enfoques que vaian máis alá das actividades puntuais”, propondo o estudo realizada “o enfoque PPP: paisaxe, paisanaxe e profesionais, recoñecendo ás mestras e mestres do rural como axentes clave para fortalecer a resiliencia comunitaria”. Por último, a profesora indica a necesidade dun “apoio integral postincendio, que combine acompañamento psicolóxico, traballo social e actualización técnica para profesionais da educación, dos servizos sociais e das emerxencias”.
