DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC Xurídicas e do Traballo descobre unha placa en memoria do xurista e escritor

'Et nunc et semper', Xosé Luís Franco Grande 

Compañeiros, familiares e autoridades académicas e políticas rendéronlle hoxe homenaxe 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 01/04/2022

Relata o catedrático de dereito penal e escritor Gonzalo Rodríguez Mourullo nunha laudatio dedicada ao seu íntimo amigo Xosé Luís Franco Grande, que o xurista e escritor adoitaba pechar as súas dedicatorias escritas coa expresión latina et nunc et semper, agora e sempre. Desde agora, concretamente desde esta tarde, e para sempre, a memoria de Franco Grande estará presente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo, onde hoxe foi homenaxeado por compañeiros de profesión, familiares e autoridades académicas e políticas. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o decano e o vicedecano e coordinador de Normalización Lingüística da Facultade de CC Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres e Xosé Manuel Pacho, respectivamente; o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo e a filla de Franco Grande, Rosalía Franco, participaron na homenaxe, que tivo a súa orixe na decisión darlle o nome do escritor e avogado ao premio xurídico de investigacións en lingua galega que promove o centro. 

No acto, que comezou no salón de graos cunha rolda de intervencións e rematou co descubrimento dunha placa na entrada do centro en lembranza do xurista, o reitor da Universidade de Vigo, exhortou ás persoas asistentes a seguir o exemplo de Franco Grande “para que a sociedade futura non esqueza a súa historia e se sustente nela para facer un futuro mellor”. Manuel Reigosa pediu na súa intervención coidado para que non haxa máis longas noites de pedra en alusión á situación na que considera que se atopa a lingua galega, “que esperaba que fose mellor, polo que precisamos lembrar os que fixeron que o galego non se perdese”. Neste sentido, o reitor recordou algunhas das iniciativas da UVigo para fomentar o uso do galego, co obxectivo de ir acadando a normalización lingüística, sen imposicións. “Ter unha placa neste centro en lembranza de Franco Grande é unha honra”, dixo Reigosa, que insistiu no seu discurso en que “cómpre que todos lembremos que temos unha lingua propia e debemos utilizala para todo e que non sexa cerimonial”.

Un galego total de poucas palabras e que sabía escoitar

Nun salón de graos da Facultade de CC Xurídicas e do Traballo practicamente cheo de compañeiros de profesión, amigos e familiares de Franco Grande, ademais de docentes do centro, o decano, Francisco Torres, foi o primeiro en tomar a palabra para referirse a “unha facultade modesta” e para lamentar o escaso uso do galego na docencia que se imparte no centro e tamén para reivindicalo no ámbito xurídico. No mesmo sentido, o vicedecano e coordinador de Normalización Lingüística da Facultade, Xosé Manuel Pacho, tamén demandou o protagonismo do galego nas aulas e na xudicatura, ao tempo que destacou a importancia de nomear como Xosé Luís Franco Grande un premio de investigación xurídica ao que poderá concorrer alumando de toda España.

Pola súa banda, o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, primeiro, e a súa integrante, Ana Mosquera, despois, agradeceron a iniciativa da Facultade de poñer en valor a figura de Franco Grande. Monteagudo asegurou que “debemos mirar o pasado para recuperar a tradición”, unha ollada ao pasado que permitirá, dixo, poñer os alicerces “ao noso proxecto de futuro do galego como lingua xurídica e do Dereito”. Neste sentido, o presidente da Irmandade destacou o papel protagonista que deben xogar as universidades, lamentando que “nas facultades de Dereito non se lle preste a debida importancia á formación lingüísticas dos xuristas”. Pola súa banda, Ana Mosquera, reivindicouse como avogada que exerce en galego, ao tempo que demandou para a lingua “modernización e informatización para poder sobrevivir”. Mosquera lamentou que os xuristas que traballan en galego non conten coas mesmas ferramentas (formularios ou bases de datos) que cando traballan en castelán, e demandou a adopción de medidas para “que o traballo en galego non teña que ser máis gravoso que en castelán”.

Rosalía Franco, achegou esta tarde a visión máis humana do seu pai “unha persoa de poucas palabras, pero que sabía escoitar moi ben. Un home nervioso, que paseaba pensando no seu e preocupado polos seus asuntos”, rememorou a filla do avogado, e tamén avogada de profesión. Rosalía Franco, acompañada pola súa irmá Navia e os netos de Franco Grande, recoñeceu que logo de dous anos do seu pasamento, “seguímolo a botar de menos”, ao tempo que asegurou sentirse moi orgullosa porque o nome do seu pai luza desde hoxe nunha placa na entrada da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. 

Mentres, o secretario xeral de Política Lingüística referiuse a Franco Grande como “un galego total. Defensor da normalización lingüística e íntegro”. Valentín García asegurou que a Facultade de CC Xurídicas e do Traballo “é a máis honrosa” por facerlle unha homenaxe a Franco Grande, a quen sinalou como un exemplo a seguir e como “un galego que soñou cunha Galicia mellor”. 

Un avogado, escritor e académico que nomea un premio de investigación

Xosé Lois Franco Grande, nado en Tomiño en 1936, licenciouse en Santiago e, posteriormente, afincouse en Vigo, onde exerceu a avogacía e foi xefe da Asesoría Xurídica de Caixa Vigo. Membro da Real Academia Galega da Lingua, publicou numerosos artigos e traballos sobre diferentes figuras da cultura galega e colaborou con medios de comunicación como La Voz de Galicia, La Noche, Ínsua, Grial, etc. Integrante do consello de Editorial Galaxia, o seu labor como escritor centrouse nos campos da poesía, o teatro e o ensaio, aínda que unha das súas obras máis coñecidas é o Dicionario de galego-castelán publicado en 1968, e que se converteu nun instrumento fundamental para a recuperación da lingua galega, tras a prohibición durante o franquismo, e do que se venderon máis de medio millón de exemplares.

A comezos deste ano, a Facultade de Ciencias Xurídicas e Traballo puña en marcha unha iniciativa pioneira no centro, un premio de investigación xurídica en lingua galega e para darlle nome, convocou unha votación popular, de xeito que fose a propia comunidade a que elixise entre tres propostas de persoeiros senlleiros con relación tanto co mundo da cultura galega como do eido xurídico. Tras un mes coas urnas abertas, Xosé Lois Franco Grande impúxose aos outros dous candidatos a dar nome ao galardón, Roberto González Pastoriza e Fermín Bouza Brey.