DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os campus de Vigo e Ourense acollen este venres feiras divulgativas, charlas, talleres e concursos

Eu de maior quero ser científica

No 11F, investigadoras da UVigo rachan cos estereotipos e reivindican o papel da muller na ciencia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 10/02/2023

Eu de maior quero ser profesora; eu de maior quero enfermeira; eu de maior quero ser avogada.... E, por que non un eu quero ser enxeñeira ou eu quero ser investigadora? Na elección dos estudos segue a persistir unha fenda de xénero e uns estereotipos que provocan que as mulleres apenas representen o 32% nas titulacións STEM, as relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, como sucede na Universidade de Vigo. Mentres, o xénero feminino ten maior presenza nas outras ramas do coñecemento, como artes e humanidades (73%), ciencias da saúde (78%) ou ciencias sociais e xurídicas (60%). Para reivindicar a presenza das mulleres como motores no mundo da ciencia celébrase o 11 de febreiro o Día internacional da muller e da nena na ciencia, unha efeméride á que a Universidade se suma coa organización de múltiples actividades tanto por parte das docentes e investigadoras dos diferentes centros como dende a Unidade de Cultura Científica e da Unidade de Igualdade.

Ao longo do día de hoxe, no campus de Vigo celebrouse a sétima edición do programa de obradoiros Elas Fan CienTec para mozas de institutos da contorna, así como a entrega dos premios do concurso para investigadoras do Centro de Investigacións Mariñas Marie Tharp. Na tarde de onte xoves tamén se celebrou unha charla interxeracional entre catro mulleres investigadoras da UVigo e, ao longo da primeira quincena deste mes, tamén se están a desenvolver unha serie de 73 charlas  e actividades repartidas por 36 centros educativos de Galicia da man de 35 científicas da UVigo. O campus de Ourense, pola súa banda, tamén se suma á conmemoración desta data coa celebración da feira científica eXXperimenta en feminino este venres no centro da cidade e coa iniciativa Oracle4girls, que terá lugar mañá sábado na ES de Enxeñaría Informática.

A vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, considera que todas estas actividades e iniciativas para celebrar o 11F son moi importantes para, por unha banda, espertar vocacións entre as nenas que están chamadas a converterse nas científicas do futuro e, por outra banda, para visibilizar o traballo das mulleres que traballan nas áreas STEM. “As nosas investigadoras máis novas sexan conscientes de que poden ser investigadoras principais de proxectos, líderes de grupos e/ou centros, de empresas, ou o que se propoñan, ao igual que os homes”, sinala Rubio, que ten claro que o progreso na ciencia require rematar coa exclusión das mulleres investigadoras na toma de decisións e na busca de solucións. Neste sentido, a vicerreitora reivindica o papel pioneiro da UVigo aplicando accións positivas, como a avaliación da produción científica das investigadoras, a concesión de distintivos de igualdade nos centros, a creación de sala de lactación. “Este curso, implementamos, ademais, unha desgravación total de docencia ás mulleres tras o parto, para fomentar que non perdan o ritmo de investigación, logren o sexenios no tempo que lles corresponda e poidan acceder a prazas de titular ou catedrática en igualdade condicións. Só así co tempo seremos quen de acadar igualdade ese desequilibrio que existe na actualidade”, asegura Rubio. 

Para a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, “o 11F é un día para reivindicar a importancia de incorporar nenas e mulleres na ciencia, pero tamén resulta un día de celebración da solidariedade interxeneracional entre mulleres con traxectorias pasadas na ciencia e nenas cun futuro esperanzador no ámbito científico”. A directora da Unidade de Igualdade agradece o interese e traballo de investigadoras e docentes da UVigo que estes días, “dun xeito totalmente altruísta e xeneroso”, dedícanse a organizar actividades científicas e tecnolóxicas, co obxectivo de achegar o coñecemento ás nenas e nenos dos centros de ensino público de Galicia, “a fin de rematar coa histórica exclusión sistemática das mulleres dos espazos de coñecemento”. Considera Águeda Gómez que unha ciencia e un coñecemento científico excelente feito por toda a humanidade, e ao servizo de toda a humanidade, “precisa das nenas e mulleres para eliminar os nesgos androcéntricos. As mulleres estamos a mudar o mundo. Conseguimos mudar as formas de mirar e de investigar. Agora vemos e vémonos”.

164 mozas en Elas Fan CienTec

Ao longo da xornada de hoxe, 164 mozas participaron nalgunha das 16 actividades prácticas e manipulativas que tiveron lugar no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio e nas escolas de Enxeñería Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía.

No Cinbio, as estudantes do IES A Guía, de Vigo, e do IES Pedro Floriani, de Redondela, puideron participar en oito talleres diferentes sobre moléculas, preparación de nanopartículas de ouro, síntese de nanopartículas, enfermidades raras, extracción de ADN da froita, neurocircuítos ou determinación do grupo sanguíneo. A EE Industrial acolleu a un grupo de alumnas do IES Escolas Proval, de Nigrán, que realizaron, guiadas polas docentes da escola, un obradoiro de termografía infravermella e outro de deseño e prototipado. Outra da sedes desta iniciativa foi a EE de Minas e Enerxía, que programou para as alumnas do IES Illa de Tambo, de Marín, talleres de recoñecemento de minerais, a xincana Science Games: Catching Fire e o concurso grupal The Wall. Finalmente, as estudantes do IES Ricerdo Mella, de Vigo, achegáronse á EE de Telecomunicación, onde puideron participar nunha sesión de detectives de imaxes, un taller de programación dun xogo con Scratch e outro de programación web.

Excelente acollida da feira eXXperimenta en Feminino

 

Xa en Ourense, a praza do Bispo Cesáreo, situada no centro da cidade, acolleu unha nova edición da feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense co apoio do Concello. En 13 postos abertos ao público, as persoas interesadas puideron achegarse a “descubrir a maxia da ciencia” da man de investigadoras e alumnas. Desde que abriu as súas portas ás 11.00 horas, a chegada de grupos escolares foi continua, destacando e agradecendo desde a organización a extraordinaria acollida que tivo esta nova edición da feira, que por segundo ano consecutivo saíu do campus para celebrarse no centro da cidade. No percorrido por cada un dos postos, rapazas e rapaces pero tamén cidadáns curiosos puideron desde crear un arco da vella nunha botella ou saber como se forman as nubes ata participar nunha “escape room” ambientada nunha (Bio)refinaría ou ver como funciona un túnel de vento.

Na súa visita á feira acompañada por Águeda Gómez e Armando Ojea, tenente alcalde de Ourense, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, felicitou ás persoas implicadas na actividade (arredor dun centenar das diferentes facultades e escolas, coas profesoras Alma Gómez, Nieves Lorenzo e Julia Carballo á cabeza) polo éxito acadado. A responsable académica subliñou que esta actividade, que conta co apoio tamén das unidades de Igualdade e Cultura Científica da UVigo, “é unha maneira de achegar o campus á cidade e aos centros educativos e entronca cunha das liñas estratéxicas transversais da Universidade de Vigo, a de fomentar a igualdade”. Con moita satisfacción pola “excelente acollida” que tivo a feira desde que abriu as súas portas, desde a organización de eXXperimenta en Feminino destacaron que con esta acción “unha vez máis estamos conseguindo que as rapazas e rapaces se interesen pola ciencia e que vexan que, en contra do que puidesen pesar a priori, hai moitas mulleres traballando no eido STEM”. Igualmente, as promotoras da actividade salientaron o feito de que esta cita permite “á sociedade ver que no campus de Ourense, os seus fillos e fillas poden estudar titulacións de futuro”.   

Tamén este venres e no marco da programación do 11F, celebrouse a segunda sesión da iniciativa Pon o teu cerebro en modo igualdade, coordinada pola investigadora da Área de Psicoloxía Básica María José Vázquez. A actividade, que conta igualmente co apoio das unidades de Cultura Científica e Igualdade da UVigo, pretende dar visibilidade entre o alumnado de Infantil e Primaria ás investigadoras que traballan no ámbito xurídico social e contribuír así a crear referentes femininos neste eido. Se a primeira sesión celebrouse no CEIP Mestre Vide de Ourense, nesta ocasión a actividade tivo lugar no CEIP Xosé Luis Taboada, na provincia de Lugo. Por último, a programación co gallo do Día Internacional da Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia rematará no campus de Ourense este sábado coa celebración na Escola Superior de Enxeñaría Informática dos talleres tecnolóxicos para nenas Oracle4Girls Ourense

Entrega de premios do Concurso Marie Tharp do CIM

Tamén no marco da celebración do 11F este venres entregáronse os premios do Concurso Marie Tharp convocado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo e dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e posdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. O galardón serve tamén para poñer en valor a figura da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino. No acto deste venres, ao que asistiron a presidenta da Comisión de Igualdade e Sostenibilidade do CIM, Ana Berbabeu e o director do CIM, Daniel Rey, proxectáronse os vídeos galardoados e entregáronse os premios ás gañadoras que no caso da categoría predoutoral foi María Alborja Valado e na posdoutoral junior Sara Gamboa Jurado-Centurión, mentres que Iria García Moreiras recibirá unha mención especial.

No acto, Ana Bernabeu avogou por “seguir impulsando accións para a igualdade de xénero” e animou ás rapazas a manter o entusiasmo, incidindo en que “o 50% do talento investigador feminino se perde durante a carreira científica. As mulleres estamos moi presentes nas primeiras etapas como son os graos, doutoramentos e mestrados, pero logo imos desaparecendo de xeito gradual ata chegar a ser só o 25% dos catedráticos”. Pola súa banda, Rey fixo un percorrido pola traxectoria profesional de Marie Tharp e lembrou que "tivo que agardar aos últimos anos da súa vida para recibir axeitado recoñecemento polas súas contribucións, por iso o CIM-UVigo quixo sumarse aos recoñecementos á súa achega entregando hoxe a primeira edición dos premios que levan o seu nome e que esperamos repetir cada 11 de febreiro”.

Charla interxeracional no edificio Redeiras

As actividades para conmemorar o 11F arrancaron onte xoves, coa entrega dos Premios GirlGeekCovid aos mellores expedientes de alumnas do eido científico e tecnolóxico e coa celebración dunha chala interxeracional no edificio Redeiras, na que participaron as docentes Uxía Gómez Bouzó, do Departamento de Química Orgánica; Julinda Molares Cardoso, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Julia A. Serra Rodríguez, do Departamento de Física Aplicada e Helena Cortés Gabaudan, do Departamento de Filoloxía Inglesa. O obxectivo era xerar un debate entre catro mulleres investigadoras que se atopan en diferentes etapas da súa traxectoria profesional para compartir as súas experiencias e reflexións como mulleres de ciencia. Na conversa entre elas recordaron os seus inicios e repasaron as súas diferentes traxectorias, os motivos polos que elixiron as súas disciplinas e as axudas e dificultades que se atoparon polo camiño, sen esquecerse das e dos que foron os seus referentes.