DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo de investigadores da UVigo e da Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte

Evitar o sobrepeso podería ser aínda máis importante que a actividade física para reducir o risco de cancro

O exercicio fai diminuír ese risco, pero segue sendo maior cando existe exceso de peso

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 16/06/2025

Manter uns niveis elevados de actividade física axuda a reducir o incremento do risco de padecer cancro asociado ao sobrepeso e á obesidade, mais non tanto como evitar ese exceso de peso. Esta é unha das principais conclusións dun estudo desenvolvido por investigadores da Universidade de Vigo e da Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte, partindo da análise dos datos de máis de 70.000 pacientes, rexistrados no Biobanco do Reino Unido. Publicada no Journal of Sport and Health Science, esta investigación constata os beneficios de manterse fisicamente activos á hora de evitar esta enfermidade, mais tamén que o exceso de peso supón “un incremento no risco de desenvolver cancro que parece non ser contrarrestado completamente cunha maior actividade física”, como sinala Adriano Sánchez, investigador do grupo Well-Move da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, autor principal deste artigo. 

“Chamounos especialmente a atención que, aínda que realizar máis actividade física, especialmente de intensidade moderada a vigorosa, parece reducir o risco de cancro asociado ao sobrepeso e á obesidade, evitar estas condicións parece ser aínda máis importante”, engade o investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

Coa participación de investigadoras e investigadores das universidades de Edimburgo, Sidney e Europea de Madrid, así como o Instituto Noruegués de Saúde Pública, o traballo parte da análise dos datos reunidos no UK Biobank, que realizou un seguimento a máis de 70.000 persoas ao longo dunha media seis anos. Este permitía obter datos dos niveis de actividade física, do índice de masa corporal e dos niveis de adiposidade de cada pacientes; datos que á súa vez se puxeron en relación coa incidencia do cancro nesta poboación ao longo do seguimento, durante o cal foille diagnosticada esta enfermidade a 2625 persoas.

“Segue sendo esencial manterse activo”

O punto de partida deste estudo é que a obesidade está asociada “cunha maior incidencia de cando menos 13 tipos diferentes de cancro”, sinalan os autores e autoras deste estudo, mentres que a práctica de actividade física asóciase a un menor risco de padecer “varios tipos de cancro”. A hipótese actual, explica Sánchez, “é que os efectos beneficiosos da actividade física reducindo o risco de cancro prodúcense por procesos biolóxicos similares aos cales, na dirección opostas, o sobrepeso e a obesidade aumentan o risco de padecer este grupo de enfermidades”, Mais, salientan, “segue sen estar claro como as diferentes cantidades e intensidades de actividade física poden modificar a asociación entre os diferentes niveis de adiposidade e o risco de cancro”. 

Partindo deste escenario, o estudo permitiu constatar como o risco de cancro era entre un 15% e un 20% menor naquelas persoas con sobrepeso e obesidade pero con altos niveis habituais de actividade física de intensidade moderada a vigorosa, fronte os participantes sen sobrepeso pero fisicamente pouco activos. Pola contra, cando se comparou con participantes sen sobrepeso pero máis fisicamente activos, as persoas con sobrepeso e obesidade presentaron un risco de padecer cancro entre un 6% e un 36% maior, aínda que fosen fisicamente activos. 

Ao mesmo tempo, a análise específica de certos tipos de cancro, como mama, colon ou gástrico, revelou que, dentro das persoas sen sobrepeso, as menos activas fisicamente presentaron un “risco significativamente maior” que aquelas cunha actividade física alta. De aí que Sánchez Lastra incida en que se ben neste estudo “a actividade física non pareceu contrarrestar completamente o risco aumentado de desenvolver cancro derivado do exceso de peso”, os seus resultados tamén amosan “unha atenuación nas persoas con sobrepeso e obesidade que realizaban máis actividade física”. 

Polo tanto, “segue sendo esencial manterse activo”, conclúe o investigador da UVigo. “Aínda que realizar un pouco de actividade física xa parece ter beneficios para reducir o risco de cancro, o máis interesante parece ser acadar as recomendacións de actividade física actuais da Organización Mundial da Saúde; polo menos 150 minutos semanais de actividade física de intensidade moderada,como camiñar a paso lixeiro, a vigorosa, como subir escaleiras a ritmo lixeiro ou saír a correr”, subliña Sánchez Lastra. O investigador incide así mesmo en que esta análise abranguía todo tipo de actividade física, non só un exercicio “estruturado e planificado”, que, sinala, “podería ofrecer maiores beneficios, ao ser máis adaptado a cada persoa ou grupo de persoas”. 

Colaboración con Noruega

Xunto a Sánchez Lastra, asinan este artigo Ulf Ekelund e Jakob Tarp, da Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte; Knut Erik Dalene, do Instituto Noruegués de Saúde Pública; Tessa Strain, da Universidade de Edimburgo; Ding Ding, da Universide de Sidney, e Borja del Pozo, da Universidade Europea de Madrid. Trátase ademais do quinto artigo liderado polo investigador da UVigo, froito da súa colaboración ca Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte, que comezou coa estadía predoutoral que Sánchez levou a cabo neste centro e continuou na súa etapa como investigador posdoutoral cun contrato Margarita Salas, durante a que traballou, “colaborando con diferentes institucións, noutras investigacións en epidemioloxía da actividade física e o seu impacto na saúde pública”.

Publicación en 'The Lancet'

Nesta liña de colaboración insírese tamén a participación de Sánchez Lastra, xunto a Ekelund e Ding, nunha publicación en The Lancet, unha das revistas médicas máis importantes do mundo. Xunto a investigadores das universidades de Glasgow, Texas, Tecnolóxica de Sydney e Federal de Pelotas, estes investigadores foron convidados a participar, na sección de comentarios da revista, cun artigo centrado nas “necesidades de investigación actual e futura en actividade física e saúde”, explica. 

O seu artigo céntrase, concretamente, en debater “as futuras prioridades de investigación no noso ámbito”, pondo o foco en cuestións como o “pouco impacto real” do labor académico no aumento dos niveis de actividade física da poboación, na realización de traballos centrados en “poboacións desatendidas” ou no papel que pode xogar a actividade física no fomento do benestar e a saúde mental.