Este martes arrancaron en Ourense os actos de benvida ao alumnado de novo ingreso
Excelentes datos de matrícula no arranque do curso 2026/2027 na Universidade de Vigo
O vindeiro martes terá lugar en Vigo o acto oficial de apertura do SUG
Chega setembro e, con el, regresa a actividade aos tres campus da Universidade de Vigo, primeiro cos actos de benvida ao alumnado que se incorpora este curso (hoxe en Ourense, mañá en Pontevedra e o xoves en Vigo) e, a partir do luns, co inicio do período lectivo. “Á espera de pechar aínda os últimos prazos de matrícula, todo vai segundo o previsto, todos os procesos están funcionando de xeito correcto e con total normalidade”, explica Carmen García Mateo, reitora da UVigo. En referencia á matrícula de novo ingreso detalla que nestes intres quedan unicamente un 4% de vacantes, “se ben hai unha gran cantidade de titulacións nas que temos sobrematrícula, polo que nestes intres acadamos xa o 105% de ocupación”.
A reitora, acompañada pola vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, e pola vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz, acudiu este martes ao acto de acollida ao alumnado de novo ingreso que tivo lugar no pavillón universitario ourensá, no que participaron máis de 550 alumnas e alumnos. Estas xornadas de benvida teñen como obxectivo ofrecerlle ao estudantado de novo ingreso a información necesaria para o bo desenvolvemento da súa vida universitaria, permitíndolle coñecer de primeira man todos os servizos que lles ofrece a institución académica.
Carmen García Mateo, en Ourense: “moi bo comezo para un curso que se presenta moi ben”
Na visita ás xornadas, a reitora destacou que o de hoxe “é un día de alegría” e un “moi bo comezo para un curso que se presenta moi ben”, pois “a matrícula está funcionando estupendamente”. Neste senso salientou que no campus de Ourense hai moitas titulacións que teñen sobrematrícula e que nelas “poderiamos atender a máis estudantado”, sinalando como a institución académica traballará “tanto a nivel organizativo como administrativo para atender a demanda real” nelas. O campus de Ourense, dixo Carmen García Mateo, “ten cada vez máis atractivo para Galicia, para as familias”, poñendo en valor a súa vida universitaria, instalacións e dotacións pero tamén as melloras nas conexións de transporte e o crecente “atractivo das cidades medias”.
Do mesmo xeito, a vicerreitora do campus de Ourense comentou que o curso 2026/2027 “empeza con forza” e “bastante ben en todo os terreos”. Así apuntou os bos datos de matrícula acadados ata o momento nas diferentes titulacións, “incluídas algunhas que outros anos ían algo axustadas”. O novo curso, afirmou Montserrat Cruz, “vai ser un reto, con moitísimos obxectivos non só docentes”, citando entre eles o proceso de acreditación do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
Pola súa banda, a vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria destacou a boa acollida destas xornadas de benvida, subliñando de xeito especial a “gran participación de alumnado” no seu desenvolvemento, con arredor de 14 postos de delegacións e asociacións de estudantes de diferentes facultades e escolas. Nestes actos de acollida, apuntou Dolores González, están presentes todos os servizos da UVigo e, dixo, supoñen unha oportunidade moi boa para arrancar a vida académica cun bo sabor de boca.
Na xornada, celebrada de 10.00 a 13.00 horas no pavillón de deportes do campus de Ourense, mozas e mozos puideron obter información sobre a institución académica, sobre os seus dereitos e deberes, sobre os servizos informáticos, o transporte e o aloxamento, o voluntariado e o asociacionismo, as bolsas e axudas que poden solicitar e a oferta académica complementaria que ofrece o Centro de Posgrao e Formación Permanente e o Centro de Linguas. Tamén tiveron a oportunidade de coñecer a biblioteca universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de cultura e de benestar, saúde e deporte. Non faltaron postos da Unidade de Diversidade, da Unidade de Igualdade, da Área de Normalización Lingüística e de delegacións e asociacións de estudantes. Ao longo de toda a xornada tamén houbo, entre outras cousas, agasallos e música.
Entre este estudantado que empeza a súa vida académica en Ourense estaban este martes Lara Nieto, Lía González e Fátima Moreira, procedentes de Toén, O Rosal e Redondela. As tres comparten a súa paixón polo maxisterio e comezan a estudar Educación Primaria, na Facultade de Educación e Traballo Social. “Sempre tiven vocación de traballar cos nenos pequenos e faime moita ilusión empezar a estudar aquí”, comentou Lara Nieto. Compartindo esta vocación polo ensino, Lía González sinalou que escolleu a UVigo porque “a xente sempre di estudar en Santiago pero a min non me chamaba, aí vai moita xente, e escollín Ourense”. Xa no campus Fátima Moreira subliñou a boa acollida que están tendo, tanto pola xente en xeral, “que é moi amable”, como por esta xornada, “que nos vén de marabilla porque estabamos algo perdidas”. Tamén asistiu á xornada celebrada este martes David Mosquera, que comeza a estudar o Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, na Facultade de Ciencias, interesado polo seu enfoque “máis orientado á práctica e ao traballo de laboratorio”. Apaixonado das ciencias, el comeza a súa etapa universitaria en Ourense “con moitas gañas”.
Máis actos de acollida e inauguración oficial do curso do SUG
Despois do acto de benvida deste martes en Ourense, mañá mércores a cita será no campus de Pontevedra, no vestíbulo das facultades de Comunicación e de Dirección e Xestión Pública, e en Vigo o xoves no pavillón deportivo, en ambos casos de 10.00 a 13.00 horas.
Desde este martes día 1 de setembro, a Universidade de Vigo retomou os horarios habituais en todas as súas instalacións, coa excepción deste venres día 4, que non será laborable. O período lectivo arrancará o vindeiro luns día 7, mentres que o martes 8 o campus de Vigo acollerá o acto oficial de apertura conxunta do curso académico 2026/2027 das universidades galegas, que contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e con Carmen García Mateo, reitora da UVigo; Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela; e Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña. O acto está aberto a toda a comunidade universitaria e celebrarase no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ás 12.00 horas. O catedrático de Enxeñaría Eléctrica da UVigo José Cidrás Pidre será o encargado de impartir a lección inaugural, titulada Enerxía eléctrica, sector eléctrico, mercado eléctrico e sociedade.
Novidades académicas do curso 2026/2027
Con estes actos bota a andar un curso que no ámbito académico ten entre as súas principais novidades a posta en marcha do programa de simultaneidade entre Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, no campus de Pontevedra, e o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Navais para a Defensa, en substitución do Grao en Enxeñaría Mecánica, no Centro Universitario da Defensa de Marín. No caso do mestrados estréanse catro novos títulos: Química teórica e modelización computacional; Prevención e abordaxe multidisciplinaria das drogodependencias e condutas aditivas; Vehículos autónomos e, con carácter virtual, Traballo social no ámbito sanitario.
Seguintes prazos de matrícula
Mañá mércores arrancará un novo chamamento de matrícula para o alumnado de novo ingreso, o sexto, coa publicación da listaxe, mentres que o prazo de inscrición estará aberto entre os días 3 e 4. Posteriormente realizarase unha convocatoria extraordinaria coas prazas que queden vacantes que comenzará o día 9 e permanecerá aberta durante todo o mes de setembro. Para o estudantado de continuación, é dicir, o que xa viña cursando os seus estudos na UVigo nos cursos anteriores, a matrícula para este ano académico está aberta dende o 20 de agosto e pechará o 11 de setembro.
