DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o xoves 28 de outubro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O explorador e produtor Carlos Caraglia abrirá o novo ciclo de conferencias do programa Meta

Nela abordaranse temas como o emprendemento, o cambio climático e a resilencia vital

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 21/10/2021

O ciclo de charlas divulgativas Conversas, do programa de mentorización Meta, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, arranca a súa programación deste curso académico. Farao o día 28 de outubro, ás 20.00 h, cunha conferencia do explorador e produtor audiovisual Carlos Caraglia.

Na conversa, o relator estará acompañado por Carlos Rivo, director comercial en UNVI e mentor de Meta, e por Ernesto López-Valeiras, coordinador académico deste programa de mentorización e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. “Conversaremos sobre diversos temas como emprendemento, cambio climático, crise da covid, resiliencia e actitude vital, así como sobre outras experiencias e anécdotas da vida de Carlos”, sinalan desde a organización do evento.

Traxectoria persoal e vital

Carlos Caraglia (Inglaterra, 1969) defínese, segundo explican desde a organización da actividade, “como explorador polar, instrutor de mergullo, documentalista, relator, realizador de filmes, fotógrafo, piloto oficial de drones e operador oficial de AESA”. Aos 36 anos, indican, sufriu o seu primeiro infarto, tras o cal realizou once expedicións en zonas polares: carto na Antártida, seis no Ártico e unha ao campo base do Everest. Na actualidade dirixe a produtora audiovisual Earth360, é embaixador de Panasonic e Sea Shepherd e co-lidera en España a Advanced Leadership Fundation. Dirixiu o documental Covid-19: el lado humano, no que quixo amosar “a realidade dos hospitais de Madrid durante a estalido da pandemia”. Tras serlle diagnosticado o pasado mes de agosto un tumor cerebral cunha esperanza de vida de dous anos, sinalan desde a actividade, iniciou a gravación do documental My last two years (Os meus dous derradeiros anos), no que quere deixar constancia da súa historia.

Á conferencia pódese asistir de xeito presencial, na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ou de xeito virtual, a través da plataforma Zoom no seguinte enlace, non sendo necesario a preinscrición.