DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último documento do Foro Económico de Galicia

As exportacións galegas no sector téxtil descenderon un 47,2%

Os datos de novembro indican unha mellor evolución das cifras xerais autonómicas que estatais

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 26/01/2021

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), fixo público este martes os datos do seu último Barómetro Exportador de Galicia (Baexga). A análise sectorial feita polos seus expertos sobre as exportacións galegas en novembro de 2020 amosa unha taxa de variación dun -0,4% con respecto ao mesmo mes de 2019. “Estes valores reflicten unha mellor evolución que o conxunto de España, onde as exportacións caen un 1,3%”, indican desde a entidade. Por sectores, apuntan un descenso interanual das exportacións no sector téxtil dun 47,2%.

Por sectores

Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, este último Baexga, coordinado por José Manuel Santos e Isabel Novo, recolle como a automoción se consolida como o sector de maior crecemento interanual, un 57,3%.  “A automoción segue sendo, pois, o principal sostén das exportacións galegas con niveis un 25% superiores aos anteriores á pandemia”, afirman. No outro extremo, engaden, “atópase o sector téxtil, cun descenso interanual do 47,2%. Estas cifras do mes de novembro sitúan a este sector por baixo do 75% aos niveis anuais previos á pandemia”. En canto ao sector agroalimentario, que no mes de outubro amosou un lixeiro descenso, o documento sinala como “en novembro volve a amosar  taxas de variación lixeiramente positivas (1,1%) que lle permiten seguir mantendo os niveis previos á pandemia”. As boas novas, indican desde o Foro Económico de Galicia, “veñen da man da metalurxia que rexistrou un crecemento interanual do 7,2% por mor da venda de aluminio e as súas manufacturas. Trátase da variación máis elevada dende o inicio da pandemia. Ademais, en tres dos últimos catro meses rexistrou taxas de variación positivas”.

Igualmente, os expertos do foro xestionado polo Grupo Gen destacan o “notable” incremento interanual do sector madeira e derivados, cunha suba dun 19,6%. “É importante salientar que é o primeiro mes despois da pandemia no que rexistra taxas de variación interanual positivas”, subliñan. Finalmente os sectores de combustibles e bens de equipo son os dous que presentan resultados máis negativos, cunha caída de -65% no primeiro caso e de -17,4% no segundo. En ningún dos dous se observan, segundo apuntan desde o Foro Económico de Galicia, indicios de freo na caída das súas exportacións.

O Baexga forma parte das actividades do Foro Económico de Galicia, unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, agrupando a un total de máis de 60 persoas “referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega”.