DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo dos 20 anos do movemento Nunca Máis

Unha exposición amosa a resposta social á catástrofe do Prestige

Pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/03/2023

Vinte anos de Nunca Máis: resposta social ourensá. Este é o título elixido pola plataforma cidadá Nunca Máis para englobar diversas actividades culturais que está levando a cabo na cidade de Ourense durante este mes de marzo para lembrar a catástrofe do buque Prestige cando se celebra o seu 20 aniversario. No marco desta programación, o campus de Ourense acolle desde este venres unha mostra co mesmo título. Segundo indican desde a súa organización, a exposición quere servir “de recordo do que nunca debeu ocorrer e nunca máis debería volver suceder” e “de homenaxe ao comportamento extraordinario da cidadanía galega na defensa do país, e do resto de voluntarios chegados de todo o mundo para axudar na batalla contra a marea negra e limitar o desastre que nos produciu”.

A exposición, que chega ao campus despois de ser exposta no Liceo de Ourense, “acompañaba as presentacións nas carpas de Burla Negra por datas de 2003, do libro titulado Nunca Máis, a voz da cidadanía, que contén máis de 2000 fotografías, reseñas de actos, manifestos, informes e frases que se fixeron tristemente célebres ditas polo políticos protagonistas da pésima xestión do desastre do Prestige”. Deste xeito, a mostra amosa ampliadas páxinas desta publicación na que se poden ver imaxes da resposta cidadá acompañadas de información e de declaracións de políticos. Os dous tomos que compoñen este libro e Fomos ficando sos o mar, o barco e mais nós, (todos eles, ao igual que a exposición, producidos por Difusora de Letras, Artes e Ideas)  tamén están expostos na mostra para a súa consulta.

Fixar na memoria

Na inauguración este venres da exposición, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus, lembrou a pertinencia de acoller esta mostra tendo en conta que “a maior parte do alumnado desta facultade aínda non nacera ou era moi pequeno cando aconteceu esta catástrofe”. Neste senso subliñou que “é moi importante tomar conciencia histórica do que pasou, sobre todo para que non se repita: reflexionar a día de hoxe se temos resolto e aprendida a lección do que daquela aconteceu”. Facendo memoria, o decano lembrou como no medio do desastre acontecido “o positivo foi aquela explosión de solidariedade, de colaboración de toda aquela xente de todo o mundo, toda aquela marea de solidariedade que de seguro permitiu que o noso país, o noso mar e as nosas costas se recuperasen antes do previsto”.

Pola súa banda, Xosé Lois Vázquez Che, responsable da mostra, indicou que “esta exposición é un primeiro trunfo do que sería a construción da memoria colectiva sistematizada” do movemento de resposta cidadá ao acontecido co Prestige. Desde que se decidiu crear o arquivo de Nunca Máis e editar libros sobre ese arquivo, sinalou, "a proposta estaba racionalizada ao cen por cen: queriamos rachar este sistema de transmisión do noso pasado que sempre está suxeito á negación. Para nós, o reto era tomar conciencia da tremenda agresión que supuxo o que pasou, agresión que sigue en pé porque o corredor por onde pasan os barcos con materiais perigosos segue activo, algo máis afastado pero o perigo sigue aí”.

Coa creación do arquivo e dos libros editados, apuntou Xosé Lois Vázquez, “quixemos que quedase fixada esa memoria”, contando coas achegas de arredor de 350 fotógrafos de toda Galicia e de dúas persoas, o fotógrafo Xabier Paz e Alba Vázquez, que “percorreron centos de quilómetros recollendo e fotografando material”. O arquivo, indicou, está depositado en Santiago de Compostela e “estase catalogando aberto a toda a cidadanía que queira consultado”. O arquivo, os libros editados e a exposición que se pode ver agora no campus, sinalou por último, “continúa sendo útil velos para lembrar o cúmulo de barbaridades que se dixeron e para fixar na memoria o acontecido”, cunha narrativa, indicou, que “se opón á narrativa da memoria que se constrúe desde os medios de comunicación nese momento”. “Hai que ir ás fontes, á calidade da información que está na cidadanía”, dixo o coordinador de Vinte anos de Nunca Máis: resposta social ourensá.