DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida pola Fundación Al Fanar, chega a Pontevedra da man do grupo de investigación dx5

Unha exposición articula “unha reivindicación da memoria colectiva de Palestina” a través do cómic

Pode visitarse na sala da Escola de Conservación e Restauración

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/07/2025

Como “unha reivindicación da memoria colectiva de Palestina, que non quere ser borrada” presenta o investigador da Facultade de Belas Artes José Andrés Santiago Cómic Palestino: Voces propias, grito colectivo, unha exposición que reúne as reproducións de preto de 180 páxinas de cómics realizados por dez autores e autoras palestinos. Promovida pola Fundación Al Fanar, en colaboración coa Fundación Finestres, este proxecto expositivo chega a Pontevedra da man do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), co apoio da Universidade de Vigo, a través da súa liña de axudas para a montaxe de exposicións, e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que acolle esta mostra ata o 24 de xullo.

Cómic Palestino: Voces propias, grito colectivo naceu como unha exposición itinerante, conformada por dez paneis nos que se presentaban os traballos de Leila Abdelrazaq, Iasmin Omar Ata, Sara Shehadeh, Hassan Manasrah, Hamza AbuAyyash, Khaled Jarrada, Shahd Alshamali, Dania Omari, Samir Harb e Mohammed Sabaaneh. Co apoio da Cátedra de Estudos do Cómic SM-UV, IEMed, Casa Mediterráneo e Casa Árabe, esta mostra puido verse por primeira vez no Salón do Cómic de Valencia e posteriormente en Madrid e Alacante. Co artista palestino Mohammed Sabaaneh e o tradutor Pedro Rojo, presidente da Fundación Al Fanar, como comisarios, tratábase dun proxecto que buscaba ser máis que “unha mostra artística”, formulándose como “unha afirmación da existencia, un desafío á hexemonía e un testemuño do poder duradeiro na narrativa palestina”, como recolle o seu texto de presentación. Nel, os comisarios poñen o foco en como “a imaxe e o concepto de Palestina parecen ter sido ciceladas nos imaxinarios do mundo a base de bombas, sangue e destrución”, de tal xeito que o propósito desta mostra era articular, a través das obras destes artistas, “un rexeitamento ao esquecemento” e unha declaración “de que as historias palestinas seguirán contándose, debuxándose e compartíndose como un grito colectivo ata que se faga xustiza”. 

A versión máis ampla deste proxecto 

Con Santiago como comisario, xunto a Rojo e Sabaaneh, este proxecto expositivo preséntase en Pontevedra “cambiando un pouco o concepto con respecto ao que foi a idea orixinal”, como sinala o profesor de Belas Artes. A mostra, lembra, mantén a idea de “reivindicar esa memoria que de maneira sistemática estase intentando borrar”, mais os paneis son substituídos, nunha mostra “moito máis ampla”, por preto de 180 reproducións "a tamaño real" das páxinas realizadas por estes autores e autoras. Inaugurada este mércores na sala de exposicións da Escola de Conservación e Restauración, coa participación tanto das responsables deste centro como do grupo dx5, a exposición presta nese senso especial atención á “materialidade das obras”, pondo o foco en “como a rotulación e a tradución cambian a percepción que temos dunha obra”, apunta Santiago. Con esa idea, preséntanse as páxinas no seu idioma orixinal, árabe ou inglés, xunto coas súas traducións. Ao mesmo tempo, o maior número de pezas permite tamén xerar “unhas secuencias máis longas, coas que aproximarnos máis ao que o medio real do cómic”.  

A realidade palestina en obras de diferentes xéneros

Na exposición poden verse obras de autoras e autoras “que se están iniciando”, xunto ás de outros cunha ampla traxectoria e con cómics premiados en diferentes países. Ese é o caso de Leia Abdelrazag ou do propio Sabaaneh, co que Santiago xa colaborara previamente na maquetación de 30 segundos en Gaza. Do mesmo xeito, a exposición propón unha aproximación “á realidade de Palestina” a través de traballos de “diferentes estilos, perspectivas e temáticas”, na que hai espazo tanto para historias de carácter testemuñal ou costumista, como para obras de ciencia ficción. “Moitas das historias, evidentemente, están ligadas á situación de Palestina e ao que levan vivindo 75 anos”, recoñece Santiago, que explica que na mostra hai espazo para obras “moito máis vinculadas ao tema da ocupación”, como a de Sabaaneh, xunto a historias futuristas e outras centradas nos “aspectos do día a día”, que non aluden directamente á situación palestina, que non obstante, recoñece o comisario, “marca a súa forma de ver o mundo”. 

Cómic Palestino: Voces propias, grito colectivo poderá visitarse ata o 24 de xullo, de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas.

Exposición en Monção

Ademais desta mostra, a actividade do grupo dx5 viuse reflectida tamén nas últimas semanas na exposición Between, que puido verse na galería CTJV de Monção. Comisariada tamén por Santiago, tratase dunha mostra protagonizada pola artista e docente Tatiana Lameiro, integrante tamén deste grupo de investigación, na que propón, explica, "unha reflexión crítica sobre os procesos de produción, consumo e resignificación na práctica artística actual". Faino a través dunha selección de obras que incorporan "materiais producidos polo home, estratexias de reciclaxe e principios do upcycled art". Resultado dos "postulados académicos e artísticos" que guían o seu labor artístico e investigador, as pezas de Lameiro "evidencian as tensións entre o industrial e o orgánico, ao tempo que reconfiguran as xerarquías tradicionais da arte, propondo un diálogo entre prácticas que transitan entre o pictórico, o obxectual e o instalativo", salienta o comisario desta exposición.

"Nesta exposición, o reemprego de materiais non é só unha estratexia estética, senón unha postura política e ecolóxica, que desafía a linealidade do ciclo produtivo e reivindica a transformación como unha forma de resistencia", engade Santiago dun proxecto expositivo que se sitúa "na intersección entre o natural e o artificial, o residual e o rexenerado, explorando os límites de materialidade na arte contemporánea". Deste xeito, o traballo de Lameiro conecta a noción da "pintura expandida", na que a obra "deixa de ser un obxecto estático para converterse nun axente dinámico", co concepto de sostibilidade na arte.