DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco das accións dun proxecto europeo centrado nunha mobilización clave na fin da URSS

A exposición sobre a Cadea Báltica trasládase ao IES A Xunqueira II

Por outra banda, un curso virtual amosará como incorporar a UE a traballos de investigación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 23/05/2024

Dar a coñecer a contribución á integración europea que supuxo a chamada Cadea Báltica, unha mobilización que tivo lugar en 1989 en Estonia, Letonia e Lituania, que por aquel entón formaban parte da URSS, é un dos obxectivos centrais do proxecto europeo Baltic Chain (Bacha), no que participa o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. Nese obxectivo insírese a exposición fotográfica quer reúne unha escolma de imaxes daquela cadea humana na que participaron preto de dous millóns de persoas e que pode verse nestes días no IES A Xunqueira II. Despois de que Dirección e Xestión Pública acollese ata finais de marzo unha mostra que cada mes ía mudando as imaxes, para mostrar fotografías dos tres estados bálticos, neste instituto preséntase, como sinala Cancela, dunha “selección das fotografías máis representativas dos tres países”, co obxectivo de achegar ao alumnado de secundaria o “o significado da cadea báltica”. De feito, a mostra viuse complementada nestes días polos relatorios impartidos no centro por Cancela e o tamén investigador do Observatorio da Gobernanza G3 Bruno González.

Seleccionado na convocatoria comunitaria European Remenberance, Bacha é un proxecto liderado pola Universidade Tecnolóxica de Tallin, no que participan universidades de sete países, entre as que se atopa a UVigo. Centrado en afondar en como os valores asociados á Unión Europea puideron influenciar as reivindicacións a prol da independencia dos estados bálticos, o proxecto abrangue tanto o estudo dunha mobilización sinalada como clave na fin da URSS como accións divulgativas nos diferentes países participantes. Nese obxectivo, insírese tanto o achegamento aos centros de ensino desta exposición como o acto académico sobre a Cadea Báltica que Cancela e González protagonizaban recentemente na facultade.

A Unión Europea como campo de estudo

Ademais de formar parte do equipo investigador de Bacha, Cancela é tamén o director da Cátedra Jean Monnet Institucións Europeas e Cidadáns. Adaptando a UE aos restos da dixitalización, que promove o 18 de xuño o curso virtual A Unión Europea da era dixital: unha alternativa para os investigadores mozos. Con inscrición gratuíta, busca achegar a estudantes e investigadores unha serie de recursos e ferramentas que lles permitan centrar os seus traballos de investigación na UE ou incorporar ás súas análises as implicacións que teñen as políticas e normativas comunitarias en múltiples ámbitos. Nese senso, esta actividade porá o foco a influencia da UE “en ámbitos como a economía, a cultura, o medio ambiente, a tecnoloxía, a educación ou a ciencia”, para logo propor tamén un achegamento a fontes de información como Eurostat e ás bolsas e axudas europeas para estudantado e persoal investigador.