DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comisariada pola estudante Pilar Casas, reúne as obras de seis estudantes e titulados

Unha exposición efémera na Fundación RAC proxecta os “modos de ver” do alumnado de Belas Artes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/01/2022

Los frágiles secretos de su mente é tanto o título, como o motivo e fío condutor da exposición que a alumna da Facultade de Belas Artes Pilar Casas promoveu na Fundación RAC como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano Xosé Manuel Buxán. As obras dos artistas e estudantes da facultade Ruth Vidal, Sergio Vidal, Mateo Barcia e Pepe Eiras e das egresadas Lara e Noa Castro reúnense nesta exposición efémera, que tras a súa apertura ao público no acto inaugural na noite deste mércores, só poderá visitarse na tarde deste xoves. “A mostra explora diferentes miradas da mente destes artistas”, salienta Casas, que pon de relevo con esta mostra como “a obra artística amosa modos de ver”, resultados dun “proceso interior” de interpretación da realidade, xa que, engade, “vemos co cerebro, non cos ollos”. 

Así, nesta exposición preséntase pezas como Palimpsesto, do estudante de doutoramento Pepe Eiras, na que a palabra “memoria” preséntase impresa sobre a verba “recordo”, nunha reflexión sobre como estes “percíbense distorsionados na nosa memoria”, como sinala Casas. A “alteración da conciencia” constitúe, por outra banda, o punto de partida da videoinstalación en tres canais simultáneos Non dorme ninguén polo mundo, de Lara e Noa Castro. Así memsmo, o estudante do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Mateo Barcia sumou a esta exposición unha peza que a súa comisaria define como unha “metáfora sobre a obra artística”, que conduce a unha mirada cara o interior; mentres que a tamén estudante deste mestrado Ruth Vidal propón unha “reflexión sobre esa conversa continua que temos con nós mesmos” nunha peza que reflicte “un chat no que as mensaxes enviadas borráronse definitivamente”. Por último, Sergio Vidal sumou a esta exposición a súa serie Derivas, na que as ideas de segredo e fraxilidade asócianse a cuestións de xénero.