DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde Mme. Lavoisier no 1787 ata a galardoada co Nobel no 2022, Carlolyn Bertozzi

Unha exposición na Facultade de Química homenaxea a máis de 70 científicas que fixeron historia nesta ciencia

Pode visitarse ata finais de curso no principal corredor do centro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Cultura
D. Besadío DUVI 15/03/2023

Continúan na Universidade as actividades de celebración do Día Internacional da Muller, 8M, neste caso na Facultade de Química, onde acaba de presentarse a exposición Mulleres na Química. Desde Mme. Lavoisier ata a eternidade, organizada polo Colexio de Químicos de Galicia e que poderá visitarse no corredor principal do centro ata finais de curso.

Baseada no libro do mesmo título de Sergio Menages, publicado polo Colexio de Químicos de Galicia, son 80 carteis que rescatan a historia de máis de 70 científicas, moitas delas totalmente esquecidas, denigradas ou ignoradas, pero que deixaron unha pegada histórica na ciencia, a pesares da hostilidade aberta da gran maioría dos homes do seu tempo. Desde Marie Anne Paulze (Mme. Lavoisier) no 1787, considerada a nai da Química moderna, ata a galardoada co Nobel de Química no 2022, Carolyn Bertozzi, octava investigadora que conseguiu este recoñecemento nos 122 anos de existencia destes galardóns.

“Paréceme moi destacable que a sociedade e, en particular o noso alumnado, xunto coas alumnas e alumnos de secundaria que visitan o noso centro teñan presente a achega das mulleres á ciencia,  historias esquecidas en moitos casos”, explica a decana da facultade Ángeles Peña, quen tamén resalta a presenza de científicas españolas “algo importante, xa que moitas veces esquecémonos de que aquí, a pesares dos atrancos, tamén houbo científicas destacadas”. 

Xunto coa exposición dos carteis a mostra tamén lle dá ás persoas visitantes a opción de participar nun xogo interactivo baseado na información da colección.