'LSYTSDA (Lo Siento Yo Tampoco Soy De Aquí)' pode visitarse ata mediados de novembro
Unha exposición de Natasha Lelenco propón na Sala Alterarte unha reflexión sobre migración, identidade e pertenza
Con esta mostra arranca a programación deste curso académico do espazo artístico do campus
A Sala Alterarte do campus de Ourense abre a súa programación deste curso académico coa exposición LSYTSDA (Lo Siento Yo Tampoco Soy De Aquí), da artista Natasha Lelenco. Trátase dun proxecto de investigación e produción artística “sobre mobilidade humana, identidade e pertenza" que trae aos muros deste espazo expositivo “retratos pintados, palabras e voces” de persoas migrantes.
A mostra, apoiada pola Deputación de Ourense, foi inaugurada este xoves pola tarde contando coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Xavier Blanco Sierra, coordinador do novo ciclo expositivo da sala, titulado Materia e tempo; a artista Natasha Lelenco e Tomás Lijó (dirección de produción). A exposición parte, comenta a súa autora, “dun desexo moi sinxelo: compartir a experiencia migratoria con outras persoas que a viviron; escoitar, sen máis, o que contan outras persoas que, coma min, nalgún momento marcharon cruzando países xunto aos seus fillos, soas ou como fose”.
Como migrante de Moldavia a España, comenta Natasha Lelenco na folla de sala da mostra, “o tema atravésame en primeira persoa. Pero, ao indagar nas historias individuais, xorde inevitablemente unha pregunta: hai alguén que poida afirmar que non é ou non descende de migrantes?”. O proxecto LSYTSDA, explica a súa autora, “aborda a mobilidade desde a multiplicidade que a define, porque hai demasiadas capas, demasiadas formas de desprazarse, demasiadas historias”. Levando esta idea de capas ao formato, na mostra, detalla, “hai audiovisual, hai pintura, hai lectura e escritura, hai múltiples linguaxes”. Nos materiais expostos, a creadora aborda a mobilidade como unha condición profundamente ligada ao humano, recollendo experiencias migrantes diferentes que, sen perder a súa singularidade e fronte á anonimización, van construíndo unha dimensión coral.
Pór cara ás persoas migrantes
Concretamente, Natasha Lelenco utiliza “a moeda como dispositivo plástico e simbólico porque é un obxecto cuxo valor reside no sistema colectivo que o sostén. A moeda circula, cambia de mans e leva implícita unha cuestión que atravesa todo o proxecto: como construímos o valor das cousas e, por extensión, o valor que concedemos ás persoas”. Ademais, a autora sinala que recorre á cara da moeda “porque me permite poñerlles cara ás persoas que forman parte dun fenómeno que só pode ser obxecto de rexeitamento desde a distancia emocional que facilita a súa anonimización”.
O retrato de perfil empregado nas obras expostas, “remite á tradición numismática e ás figuras ás que historicamente se lles concedeu o privilexio de ocupar ese espazo de representación”. Desde a distancia, os rostros expostos, sinala a creadora, “poden confundirse nun patrón pero ao achegarse, aparece outra cousa: aparece o tempo, a dedicación coa que abordei cada unha das pezas, a súa singularidade; un pouco como cando atopas unha persoa entre a multitude e, só ao coñecela, se fai posible o vínculo”. Neste senso, Natasha Lelenco dá as grazas “ás persoas que compartiron os seus relatos e fixeron posible este proxecto”.
A instalación de LSYTSDA estará na Sala Alterarte ata o 13 de novembro e o proxecto terá continuidade no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Xa en 2027, desenvolverá unha nova fase de produción no cono sur, con exposicións no Museo de las Migraciones de Montevideo e no Museo de la Universidad Nacional de Tres de Febrero de Buenos Aires.
