DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra reúne preto de 80 fotografías realizadas polo catedrático da EE Forestal Adolfo Cordero

Unha exposición percorre ecosistemas de cinco continentes para pór en valor a “beleza do natural”

Pode visitarse ata o 11 de xuño na sede da Deputación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/05/2026

Preto de 80 fotografías de animais, plantas e fungos, captadas en contextos ecolóxicos diversos, desde bosques tropicais ata ambientes mariños, integran a exposición A beleza do natural, que desde este venres pode visitarse no vestíbulo do Pazo Provincial. Inserida nas actividades impulsadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Diversidade Biolóxica, esta mostra reúne unha escolma de fotografías realizadas polo catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero ao longo da súa traxectoria como investigador. Dirixida e mostrar as especies no seu propio ambiente, resaltando as relacións ecolóxicas e a riqueza dos hábitats nos que viven, esta mostra poderá contemplarse na sede da Deputación ata o 11 de xuño.

Inserida no plan de quinto aniversario de Ciencia de ida e volta, esta exposición conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Xunta de Galicia, así como co apoio da Deputación de Pontevedra. Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Diversidade Biolóxica, a exposición celebra a súa inauguración na tarde deste venres, coa participación de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Sandra Bastos, coordinadora de Igualdade e Benestar da Deputación, e Adolfo Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación).

“Unha experiencia estética e reflexiva”

Entre as imaxes que integran esta mostra poden atoparse desde fotografías de iguanas mariñas, tartarugas xigantes ou pelicanos das Galápagos, ata dun león en Namibia, un nenúfar en Cuba ou un caimán en Colombia. Mais tamén dunha paisaxe submarina de Menorca, dunha raia fluvial na Amazonas, de bosques tropicais do Ecuador ou Xamaica ou de fungos da selva amazónica. A macrofotografía de invertebrados ten tamén protagonismo nunha escolma xurdida das súas investigacións sobre ecosistemas como as selvas e bosques tropicais. “Centreime en resaltar a enorme diversidade dos ambientes tropicais, non só dos ecosistemas terrestres, senón tamén do que ocorre nos mares tropicais ou nos ríos e regatos”, apunta o catedrático de Ecoloxía. Do mesmo xeito, nesta mostra poden verse imaxes de diferentes especies de libélulas, froito dos estudos sobre o seu comportamento que Cordero levou a cabo en múltiples partes do mundo. Especialista en entomoloxía e ecoloxía, esta exposición permite coñecer as fotografías que realizou de “dúas das especies máis raras” da suborde das libeliñas, na illa chinesa de Hainan e no sur de Australia, ou de outras que non foran identificadas previamente, “polo que tiven a honra de escoller un nome para elas”, recoñece, como é o caso da Philogenia gaiae, que dedicou á súa filla.

“Alén da súa beleza formal, estas fotografías revelan relacións, comportamentos e equilibrios que sosteñen a vida”, subliña o texto de presentación dunha mostra na que “a variedade de cores, formas e composicións dá conta da extraordinaria diversidade biolóxica do planeta, ao tempo que convida a unha experiencia estética e reflexiva”, dirixida a pór en valor non só a beleza dos ecosistemas, senón a importancia da súa conservación. Nese senso, Cordero sinala que as fotografías presentadas son resultado do “intento de rexistrar o comportamento das especies obxecto de estudo, directamente no seu ambiente natural”, polo que agarda que esta exposición permita pór de relevo “que a biodiversidade é algo extraordinario, que é fonte de inspiración científica e educativa e que tamén ten unha enorme relevancia ética”.

Concurso de fotografía científica

Esta mostra fotográfica forma parte da programación conmemorativa do día que Nacións Unidas dedica á pór de relevo a importancia da biodiversidade e que se insire no plan de Ciencia de ida e volta. Desta iniciativa forma tamén parte o taller de ilustración científica que se desenvolve tamén nesta xornada, no Edificio Administrativo da Deputación, cunha sesión aberta ao público xeral e outra dirixida a persoas con parálise cerebral, promovida en colaboración con Amencer-Aspace.

Desta programación forma parte tamén o concurso de fotografía científica A beleza do natural, que mantén aberto o prazo de presentación de imaxes ata o 4 de xuño e que conta cunha categoría xeral, para persoas maiores de 18 anos, e outra para escolares de entre 8 e 14 anos.