DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa do Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo

Unha exposición presenta no campus os museos e centros etnográficos da provincia de Ourense

Pode visitarse ata finais deste mes no terceiro andar do Edificio de Ferro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 25/03/2025

Ata finais de mes, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle a exposición Ourense e os seus museos e centros etnográficos, do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo (Deputación de Ourense). Nela pódese facer un detallado percorrido por preto dunha vintena de espazos deste tipo que hai espallados pola provincia e que abranguen unha ampla diversidade de temas relacionados coa etnografía, desde os oficios tradicionais ata a escola no medio rural. 

A mostra, de carácter divulgativo, está situada no terceiro andar do Edificio de Ferro. Está composta por unha serie de paneis, cada un deles dedicado a un museo ou centros etnográfico de Ourense, no que se recolle detallada información deles, desde a súa historia e fondos ata a súa titularidade e enderezo e datos de contacto. Entre os museos e centros recollidos están o do Chocolate de Parada de Sil, o de Olería de Niñodaguia, o da Identidade de Chandrexa de Queixa, o da Limia de Vilar de Santos, o da Infancia e da Escola, o de Interpretación da Castaña, o Etnográfico de Vilariño de Conxo, o do Coiro de Allariz, o dos Devanceiros e a Casa da Lagoa de Antela. 

Alén de coñecer cada un destes centros de xeito individual, a exposición tamén permite achegarse á historia da museoloxía en Galicia. Así, pódese coñecer como "os procesos paralelos de integración en Europa e de desagrarización gradual do país, xuntamente coa toma de consciencia cultural sobre o propio, asociados a unha nostalxia do pasado agro-campesiño e á necesidade de explorar novas vías fronte á desarticulación e marxinación do espazo rural, espertaron o interese polo patrimonio local e polo museo como relicario dese patrimonio. Isto explica a tendencia de moitos concellos de Galicia e tamén de asociacións culturais a crear, durante a década dos oitenta e dos noventa do século pasado, museos etnográficos".

A iniciativa chega ao campus de Ourense da man da alumna da Facultade de Educación e Traballo Social Nicole Rodríguez como parte da realización das súas prácticas de carreira no Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo.