Resultados do traballo no taller de obra múltiple contemporánea de Cangas
Unha exposición reúne 14 miradas experimentais sobre o traballo con gravado
Pode visitarse ata o 27 de febreiro na Sala O Abrigo de Belas Artes
Baixo o título de Un mar de gravados, a exposición que desde este mércores pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes presenta un conxunto de obras desenvolvidas ao longo do último ano no Taller Experimental de Obra Múltiple Contemporánea de Vilariño, en Cangas do Morrazo. Realizadas por 14 artistas, trátase de obras que abranguen múltiples técnicas e temáticas e que parten da vontade conxunta de “cuestionar os límites do medio gráfico, darlle a volta á idea de edición estable e gozar do proceso como parte esencial da obra”, segundo sinala Leonardo Rial, responsable do taller e comisario desta mostra.
A exposición coordinada por Rial xunto co documentalista e participante no taller Xan Leira inaugurase este mércores ás 19.00 horas e poderá visitarse ata o 27 de febreiro neste espazo coordinado polo colectivo estudantil Luscofusco xunto co Vicedecanato de Cultura. O seu responsable, Ignacio Pérez-Jofre, destaca o positivo dunha colaboración que permite “establecer lazos cunha entidade cultural moi activa”, ao tempo que achega á facultade unha serie de exemplos “dunha vía de traballo co gravado contemporáneo moi estimulante”, nunha exposición que reúne tamén traballos de artistas formadas na facultade.
O gravado como "territorio en constante revisión”
A exposición presenta as obras de Marisa Baliño, María Blanco, Pepa Blanco, J.M. Bastón, María Dobronich, Xan Leira, Lidia Nieves, Brenda Novas, Antonio Pazo, M. Pizcueta, Marcela R., Pablo Rial, Ara Ruibal e Renata Sierra. Todas elas, sinala Rial, son resultado dun “traballo moi libre, tanto en técnicas como en temática”, desenvolvido no marco dun taller que presenta como un espazo “de aprendizaxe colectiva e de investigación continúa”.
Este proceso, engade, parte en primeiro tempo da experimentación “con outros tipos de placas distintas ás de zinc ou cobre”, o que leva os participantes a traballar con distintos materiais industriais ou mesmo con “materiais atopados, que xa de por si teñen unha textura”. A partir de aí, “experimentamos coas técnicas que están aprendendo”, co propósito de “saber o que nos poden achegar eses materiais”, ao tempo que avanzan no dominio de diferentes técnicas de estampación. Así, nesta mostra poden verse obras realizadas con punta seca, xilografía, colografía, carborundo, ás que suman outros procedementos como o colaxe, contribuíndo a que “cada gravado sexa unha obra única”.
A exposición, engade o seu comisario, “nace da necesidade de compartir procesos, dúbidas e metodoloxías que se desenvolven no seo do noso taller, entendendo o gravado contemporáneo como un territorio expandido en constante revisión e afastado de calquera formulación pechada e normativa”. Nese senso, Un mar de gravados permite tamén presentar un “contexto de traballo, no que a obra múltiple é entendida como un campo de experimentación” e que define a traxectoria dunha asociación que iniciou a súa andaina en 2018 e que, xunto a diferentes exposicións, impulsa tamén o concurso internacional MiniPrint Galicia.
Actividades na xornada do xoves
Da man tamén de Luscofusco e da Delegación de Estudantes, Belas Artes acollerá diferentes actividades na xornada do xoves, co gallo da celebración do Entroido e de San Valentín. Concretamente, entre as 10.00 e as 18.00 horas terá lugar un mercado no que o alumnado presentará as súas creacións, mentres que ás 16.30 horas O Abrigo acollerá un concerto de Sudden Ray of Hope. Esta actuación verase continuada ás 18.15 horas por un open mic, aberto ás intervencións de calquera participante.
