DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O foro educativo celebrarase de xeito presencial e virtual o 4 de febreiro

Expouniversitas convida á comunidade universitaria a pór en valor os seus traballos académicos

Alumnado e profesorado pode presentar desde experiencias no marco de materias ata teses

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 10/01/2022

Cada curso académico, Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa convida aos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado dos tres campus da Universidade de Vigo, a pór en valor os seus traballos académicos e investigadores. Este curso a cita, que mesturará actividade presencial e virtual atendendo á situación sanitaria, terá lugar o día 4 de febreiro, estando xa aberto o prazo de presentación de envío de propostas e inscrición.

O comité organizador da cita está formado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente por Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Ana Iglesias, Sara Vázquez, María Lorenzo, Ángel Vázquez e Katherine Acosta. Expouniversitas, lembran as e os seus promotores, preséntase como “un punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre todos os interesados de calquera área, en calquera tipo de innovación e/ou investigación”. Difundir innovacións e investigacións e intercambiar experiencias, subliñan, “axuda a mellorar o noso coñecemento e as nosas accións”.

Valorizar e aprender

O pasado ano, a pandemia obrigou a Expouniversitas a celebrarse de xeito totalmente virtual a través do Campus Remoto da UVigo, expóndose nela 52 traballos académicos e investigadores que destacaron pola súa diversidade, abranguendo desde a educación ata a biotecnoloxía e desde traballos de aula ata teses de doutoramento. Nesta edición, a actividade volve estar aberta á presentación de traballos realizados por alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da Universidade de Vigo no marco de materias de grao, posgrao e doutoramento e de traballos fin de grao ou mestrado.

Entre os beneficios de participar nesta actividade, as e os seus responsables salientan a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai na institución académica, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras. Neste senso, destacan o retorno positivo que ten para as e os asistentes tanto o feito de participar presentando traballos como coñecendo o traballo que fan outros membros da comunidade universitaria.

Nesta ocasión, a cita combinará a actividade presencial e a virtual. A presencial desenvolverase pola mañá na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e a virtual pola tarde a través do Campus Remoto da UVigo, dando así a posibilidade tamén de participar a persoas que por diferentes motivos non se poden achegar fisicamente ao campus de Ourense. Nas sesións, as e os inscritos exporán, de xeito individual ou en grupo, ante o público e durante dez minutos os seus traballos. O prazo para a inscrición e o envío de traballos, que é de balde, está aberto ata o 30 de xaneiro de 2022. Aceptaranse inscricións ata cubrir o número de prazas dispoñibles.