DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O foro de innovación e investigación educativa celebrouse este venres de xeito virtual

Expouniversitas pon en valor 52 traballos académicos e investigadores de alumnado e profesorado

Contou coa participación de membros dos tres campus da UVigo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 05/02/2021

O Campus Virtual da Universidade de Vigo acolleu este venres a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa, que debido á situación sanitaria este ano tivo que celebrarse por primeira vez de xeito on-line. Na cita, profesorado e alumnado dos tres campus da UVigo expuxeron 52 traballos académicos e investigadores que destacaron pola súa diversidade, abranguendo desde a educación ata a biotecnoloxía e desde traballos de aula ata teses de doutoramento. O obxectivo da iniciativa foi unha vez máis “sacar do caixón e subir ao escenario” o traballo que se fai no contexto universitario para a súa valorización.

A organización de Expouniversitas correu novamente a cargo da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente dun equipo de profesores e profesoras formado por Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Manuel Vidal, Sara Vázquez e María Lorenzo. Segundo explica este comité organizador, a cita estaba previsto que mesturase actividade presencial, pola mañá, e virtual, pola tarde, pero a evolución da pandemia obrigou a adaptar toda a programación ao formato on-line. A pesar desta modificación, apuntan, a participación nesta edición superou a do pasado ano, cando se presentaron 43 traballos. “Este ano, en previsión do que podía pasar pola pandemia, pero tamén como unha vía complementaria de difusión da actividade, decidimos incluír a modalidade virtual. Nestas circunstancias e noutras máis normais esta versión on-line ten aspectos positivos, facilitando por exemplo unha maior participación de profesorado e alumnado de fóra de Ourense”, explica Pedro Membiela.

Seguindo a idea de que Expouniversitas “basicamente o que pretende é ser un escenario, un ámbito de comunicación entre a comunidade universitaria, de presentación das cousas que un está facendo e de ver as cousas que outros están facendo”, nesta ocasión foron 52 os traballos presentados tanto por alumnado como por profesorado (elaborados de xeito individual ou en grupo) como por equipos mixtos de profesorado e alumnado. As exposicións realizáronse de xeito simultáneo durante dúas horas en sete salas virtuais da Facultade de Educación e Traballo Social no Campus Remoto. Este formato, indican os responsables da actividade, permitiu ao foro volver a ser “un punto de encontro para o intercambio de experiencia”.

Diversidade de propostas

Sobre os traballos expostos, desde Expouniversitas destacan como a palabra que mellor definiu a programación desta edición é a diversidade. “A participación estivo moi repartida entre os diferentes campus, entre os diferentes centros, entre alumnado e profesorado, entre os distintos campos temáticos, entre os diferentes tipos de traballos... Houbo variedade en todos os aspectos”, apunta o comité  organizador, facendo fincapé en como “aínda que Expouniversitas naceu no campus de Ourense e máis centrada no eido educativo, vamos estendéndonos cada ano máis”. Como exemplo, as primeiras propostas que se escoitaron este venres no foro estiveron centradas en temas como o uso da infografía interactiva en clase de Francés, a cargo da profesora Sara Vázquez; en como é a osmose dun ovo, traballo das alumnas Lucía Gamallo e Alba González, e na investigación sobre o potencial de enzimas xilanolíticas extremófilas para a hidrolise de xilano de palla de trigo, das investigadoras Andrea Rodríguez, Camila Jiménez, Marta Diéguez e Clara Fuciños.

Dúas das salas estiveron dedicadas á exposición de traballos feitos por estudantes de diferentes graos no marco de diversas materias, coa idea de que este alumnado desenvolva tamén as súas competencias de expresión ante o público. Nelas expuxeron un amplo abano de proxectos, que abrangueron desde a variación da viscosidade en líquidos en función da temperatura, de Sheila Fernández, Manuel Garrido e Fabio Antonio González, ata a educación emocional nos nenos e nenas, de Iria González. Tamén tiveron un protagonismo destacado traballos feitos por alumnado que está en diferentes programas de doutoramento da Universidade de Vigo, incluíndose intervencións sobre temas como a comparativa entre categorías visuais en mulleres judokas con discapacidade visual (de Jesús Antonio Gutiérrez, Iván Prieto e Alfonso Gutiérrez); o aumento do interese cara a ciencia a través da lectura-escritura utilizando relatos de ficción científica (de Miguel Ángel Queiruga, José Benito Vázquez e María Consuelo Sáiz) e as puntas palmela do xacemento de A Veiga (de Lucía Rodríguez, Juan Manuel Galiña e Carolina Cornax).

Igualmente, o profesorado tamén tivo un papel relevante nesta edición, expondo diferentes experiencias educativas desenvolvidas nos campus da UVigo. Así, por exemplo, Beatriz Comendador e Andrea Mouriño abordaron experiencias de innovación docente en Etnoloxía, explicando o esforzo feito na adaptación de metodoloxías docentes á “nova realidade” provocada pola pandemia e incidindo en aspectos como o traballo en equipo ou as competencias transversais no novo contexto da educación virtual. Do mesmo xeito e baixo o título Axitando a heteronormatividade: performance, sexualidade e disidencia, o profesor Carlos Tejo expuxo un traballo desenvolvido dentro da materia Proxectos de Arte de Acción, de cuarto curso do Grao en Belas Artes.

Por último, a diversidade de temáticas foi moi ampla, podendo escoitarse nas diferentes salas virtuais intervencións que foron desde a influencia da criptografía moderna no dilema entre privacidade e transparencia (Alberto Pedrouzo) e a segmentación de vías ferroviarias baseada en deep learning (Javier Grandío, Belén Riveiro e Pedro Arias) ata a análise terminolóxica de lexislación farmacéutica da UE (María Estévez) ou o papel docente na transformación da educación científica no rural en Chile (Katherine Acosta García).