DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A distinción foi aprobada este xoves polo Consello de Goberno

A expresidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas converterase na 30ª honoris causa da Universidade de Vigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 09/05/2024

María Emilia Casas, ex-presidenta do Tribunal Constitucional e primeira muller catedrática na área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social en España, converterase na trixésima doutora honoris causa da Universidade de Vigo. O Consello de Goberno aprobou este xoves o seu nomeamento impulsado pola Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social que, na súa proposta, destaca que a integración de Casas no claustro de doutores “sen dúbida vai ennobrecer a nosa institución”. A profesora Casas é, como relataba a profesora Belén Fernández Docampo na lectura dos seus méritos, “unha das xuristas vivas que máis pegada tiveron na conformación do noso modelo de Estado Social e Democrático de Dereito. É unha persoa comprometida coa democracia e cos dereitos fundamentais. A súa militancia na non discriminación por sexo e xénero quizais sexa a máis coñecida. Alén diso, e tamén das moi importantes maxistraturas que exerceu e exerce, é comunmente aceptada como o persoeiro máis referencial en España na rama social do Dereito”. Se a todo iso, continuaba a glosa, “se suma a súa condición de galega comprometida coa súa terra, cómpre concluír que sería de xustiza que os órganos colexiados da Universidade de Vigo sosteñan esta proposta” impulsada “desde a admiración e tamén o agarimo persoal a María Emilia Casas”. E así foi, xa que o seu nomeamento foi aprobado por asentimento.

Ademais deste recoñecemento, a sesión serviu tamén, entre outros temas, para aprobar as axudas propias á investigación ou as memorias dos programas académicos de percorridos sucesivos (PARS), así como para que o reitor, Manuel Reigosa, dese conta da renovación do equipo de goberno e informase de novidades referentes ás prazas dos graos e mestrados para o próximo curso, á convocatoria de prazas docentes ou á  elaboración do POD.

Unha muller fondamente comprometida cos dereitos e liberdades

A presentación da proposta de nomeamento de Mª Emilia Casas como doutora honoris causa no Consello de Goberno correu a cargo da profesora Belén Fernández Docampo, pola ausencia do catedrático Jaime Cabeza. O texto presentado pon en valor que María Emilia Casas é “unha muller galega fondamente comprometida cos dereitos fundamentais e liberdades públicas e, en particular, coa non discriminación entre mulleres e homes. Así mesmo, é a máis salientable arquitecta do noso Dereito colectivo do traballo, en particular mediante os seus relatorios nas sentenzas do Tribunal Constitucional verbo dos dereitos de folga, de liberdade sindical e de negociación colectiva”.

Tamén destacan as e os impulsores deste nomeamento que, a pesar de desenvolver a súa carreira lonxe de Galicia, Casas non esqueceu as súas orixes e segue “intensamente comprometida coa nosa realidade”. Este compromiso valeulle a concesión da Medalla de Ouro de Galicia no ano 2008 ou o premio Fernández Latorre no ano 2017, ademais de ser nomeada ‘Galega do Ano’ polo Grupo Correo Gallego no 2011. Alén deses recoñecementos, a súa presencia nas tres universidades galegas en comisións de selección de prazas de profesado, na docencia en diversos cursos de posgrao e doutoramento, en seminarios e congresos e, en xeral, cantas actividades que organizan as cadansúas áreas de Dereito do Traballo e da Seguridade Social ten sido permanente. En concreto, a súa relación coa Universidade de Vigo remóntase ao ano 1995, cando visitou a institución para clausurar un curso. Dende ese intre, asistiu a múltiples actividades, entre elas a sesión de clausura do Curso de negociación colectiva e individual, que en outono de 2023 acadou a súa sexta edición.

Ademais, os impulsores do seu nomeamento recalcan a “súa implicación constante co Consello Galego de Relacións Laborais. Moi en particular, foi a redactora principal do I Acordo Galego de Solución Extraxudicial de Conflitos, asinado no ano 1992 polas organizacións sindicais UGT, CIG e CCOO e pola confederación empresarial CEG”. Tamén recalcan que as súas achegas ao ámbito laboral e da Seguridade Social son decisivas nun amplo feixe de materias e, en particular, negociación colectiva e liberdade sindical, non discriminación por razón de sexo, políticas sociais da Unión Europea, Seguridade Social agraria e, moi sinaladamente, protección de dereitos fundamentais no eido laboral. Foi nomeada doutora honoris causa polas universidades Carlos III, Las Palmas de Gran Canaria, Santiago de Compostela e Málaga.

Informe do reitor: renovación equipo, POD, oferta de prazas...

Nesta primeira sesión de Consello de Goberno na que se contou coa participación dos novos vicerreitores, Martín López Nores e José Cidrás, o reitor iniciou o seu informe agradecendo aos exvicerreitores José Luis Míguez, Patricia Valcárcel e Maribel Doval, todos “os seus esforzos e traballo para lograr unha universidade mellor”. Así mesmo informou de que se está a reestruturar o segundo nivel de mando destas vicerreitorías e a ultimar a creación da Oficina de Diversidade. “Todas as competencias de diversidade e do programa Piune dependerán directamente do reitor, ao igual que acontece coa Unidade de Igualdade, e a idea é que ambas unidades traballen de xeito coordinado”, explicou Reigosa, quen agradeceu tamén o traballo realizado a todas as persoas que formaron parte do equipo de goberno nesa segunda liña de mando, especialmente ao profesor Jacobo Porteiro, quen exercía como adxunto ao reitor para Sostenibilidade.

Respecto aos temas de POD e saída de prazas de profesorado, sobre todo as de axudante doutor, o reitor recalcou que mantén a súa promesa electoral de sacar 120 prazas, 30 por ano, ás que agora se sumarán as do Plan Integra impulsado polo Ministerio, do que xa se ten “confirmación plena” de que a Xunta de Galicia pagará a parte que lle corresponde, se ben aínda non se conta co desglose anual de cantas prazas lle corresponderán á Universidade de Vigo. 

No relativo á oferta de prazas nas diferentes titulacións da UVigo para o vindeiro curso, Reigosa informou que a proposta que a Secretaría Xeral de Universidades enviou ao ministerio para a súa aprobación no Consejo de Universidades coincide co aprobado no Consello de Goberno do pasado 26 de decembro, con algunha pequena modificación. Polo que respecta ás titulacións de grao o único cambio é unha redución de 70 a 65 prazas no Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, debido a media de matrícula nos últimos tres anos. 

En canto aos mestrados deixarán de impartirse o Máster interuniversitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía e o de Química teórica e Modelación Computacional por non acadar a matrícula mínima nos tres últimos cursos académicos, así como o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, neste caso por acordo da Comisión Permanente da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ademais, decidiu aprazarse ata o curso 2025/2026 a oferta de prazas para os mestrados interuniversitarios en Economía Circular, por unha banda, e Ensinanza do Español como lingua estranxeira ou segunda lingua, pola outra. Polo que respecta aos PARS, Programas Académicos de Percorridos Sucesivos, que se porán en marcha por primeira vez na UVigo o vindeiro curso, mantense na súa totalidade a oferta aprobada en decembro.

A creación da futura Facultade de Enfermaría foi outro dos puntos nos que tamén se detivo o reitor. Neste aspecto salientou que se segue coa mesma folla de ruta que se formulou dende o principio, “que todas estas escolas deixen de ser centros adscritos e pasen a ser centros propios da UVigo a través dunha facultade única, con presenza equilibrada nos tres campus e organiza de tal xeito que non haxa primacía dun campus sobre outro e na que, ademais do grao, se imparta tamén o mestrado”, neste sentido indicou que se ben aínda queda bastante traballo pendente se seguirá “picando pedra” para conseguir unha Facultade de Enfermaría que teña un “posto relevante” dentro do Sistema Universitario Galego.

A maiores de todas estas cuestións manifestou tamén o seu “enorme orgullo” polo ingreso do profesor Anxo Angueira na Real Academia Galega e adiantou que, en breve, se convocará un novo Consello de Goberno no que se modificarán aos normas extraordinarias de aforro enerxético, “que funcionaron extraordinariamente ben, pero que xa é momento de relaxalas”.

Axudas propias á investigación para 2024 e cesión de patentes

Outro dos puntos centrais do Consello de Goberno deste mércores foi a aprobación da convocatoria de axudas propias á investigación da Universidade de Vigo para o ano 2024. Como destacaba a vicerreitora Belén Rubio, a convocatoria baséase nos mesmos ítems e criterios que en anos anteriores e mesmas cifras que na convocatoria do 2022, é dicir, cunha dotación total de 225.000 euros. Na modalidade A, de Promoción da Investigación, destinaranse 80.000 euros a contratos programa con grupos de  investigación; 65.000€ á preparación de proxectos internacionais de I+D+i e 15.000€ a reparación de equipamento científico. A modalidade B contará cunha dotación de 65.000€ para financiar reunións científicas. Esta contía distribuirase do seguinte modo: 45.000€ para a organización de congresos e reunións científicas; 10.000€ para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas e outros 10.000€ para subvencionar visitas de investigadoras e investigadores.

A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación tamén deu conta da proposta de cesión á Universidade de Vigo da titularidade de patentes e rexistros de propiedade intelectual desde a Fundación Profesor Novoa Santos. A iniciativa, que foi aprobada por asentimento, está ligada á incorporación á institución viguesa da investigadora María Dolores Mayán, en concreto ao CINBIO, procedente desta fundación. As seis patentes e software que se ceden foron desenvolvidas por Mayán durante a duración da súa relación laboral coa fundación, cuxa titularidade agora cede de balde á UVigo. 

Memorias PARS e novos mestrados propios

Tras aprobar na sesión de xaneiro do Consello de Goberno as declaración de interese dos programas académicos de percorridos sucesivos, PARS, para o vindeiro curso 2024/2025, este xoves deuse o visto bo ás memorias dos PARS en Máster en Enxeñaría Aeronáutica vía Grao en Enxeñaría Aeroespacial; PARS en Máster en Enxeñaría Biomédica vía Grao en Enxeñaría Biomédica; PARS en Máster de Enxeñaría de Telecomunicación vía Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación; PARS en Máster en Enxeñaría Industrial vía Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e PARS en Máster en Enxeñaría Informática vía Grao en Enxeñaría Informática. O vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, explicou que, unha vez aprobadas, o seguinte paso será enviar estas memorias á ACSUG para que este organismo dea o seu visto bo e poidan impartirse no vindeiro curso.

Tamén de cara ao vindeiro curso, na sesión deste xoves aprobáronse as propostas de memoria de dous másters de formación permanente, o de Enfermería de Práctica Avanzada en Urxencias e Coidados Intensivos e o de Auditoría e Contabilidade que se comezarán a impartir no 2024/2025.

Ecolabo Plus, unha nova spin-off centrada na avaliación da contaminación ambiental

O Consello de Goberno deu tamén o visto e prace á creación dunha nova spin-off, Ecolabo Plus, impulsada polos catedráticos Ricardo Beiras e Jorge Domínguez e os investigadores Filipe Grave Laranjeiro e Cynthia Gómez. A empresa ofrecerá servizos personalizados para a avaliación da calidade ambiental baseados en criterios ecoloxicamente relevantes, sensibles, rápidos e rendibles, cun enfoque integrador, utilizando bioindicadores tanto acuáticos como terrestres, con organismos pertencentes a diversos niveis tróficos, para cubrir a meirande parte dos escenarios de vida final das sustancias químicas materiais. Entre outros servizos ofertará avaliacións ecotoxicolóxicas terrestres e acuáticas, avaliacións de persistencia e degradación de sustancias e materiais en medio mariño e terrestre, análises metaxenómicos de microbiomas, avaliacións de contaminación mediante o  uso de biomarcadores moleculares, asesoramento para o cumprimento normativo de sustancias químicas, avaliacións de risco ambiental de sustancias químicas e materiais ou identificación e mitigación de riscos de materiais de dragado e de riscos en plantas de tratamento de augas residuais. 

Outros temas 

Nesta sesión tamén se aprobou a solicitude de comisión de servizos do catedrático Santiago Lago, que durante o vindeiro curso se incorporará ao Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, así como a selección dunha área de coñecemento (nutrición e bromatoloxía) para participar na convocatoria dunha praza de profesorado titular correspondente a persoal investigador Ramón y Cajal da OEP 2022. 

A orde día incluíu tamén a aprobación de modificacións non substanciais de títulos de grao; unha modificación da normativa de recoñecemento mutuo de crédito ao abeiro do programa de intercambio; o regulamento de réxime interno do Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP); e unha modificación do regulamento do Centro de Investigación Mariña, entre outros temas.