DUVI

Diario da Universidade de Vigo

fabra

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
D. Besadío DUVI 22/09/2021

Un dos asuntos máis importantes dos últimos meses é a evolución e o comportamento do prezo do MW/hora e a súa repercusión, tanto para empresas como consumidores, no recibo eléctrico. Unha das maiores expertas nacionais e internacionais neste tema é Natalia Fabra, catedrática na Área de Fundamentos da Análise Económica na Universidad Carlos III de Madrid e integrante do grupo asesor da Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea e do Consello Asesor en Asuntos Económicos do Ministerio de Economía e Transformación Dixital. Este mércores compartiu as súas impresións sobre este tema co alumnado e o persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias na charla Ata cando seguiremos pagando pola electricidade máis do que custa?, conferencia coa que se inaugurou unha nova edición do ciclo Diálogos en tempos de pandemia, iniciativa organizada coa colaboración das fundacións Mentor e Banco Sabadell. 

A súa intervención puido seguirse de xeito presencial no salón de actos do centro ou vía streaming –opción maioritaria- e nela a experta amosou  a gran complexidade que rodea a cuestión eléctrica, “incluso para as persoas que levamos certo tempo estudándoa”, tal e como subliñou o profesor Fidel Castro que, xunto co vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, foron os encargados de presentala. 

O incremento anual pode superar a “astronómica cifra” de 28.000 m€ 

A preocupación pola escalada de prezos do mercado enerxético en España, que non deixa de marcar novos récords, marcou o punto de arranque da súa intervención. “Hoxe estamos a pagar 175 euros o MWh, 75 millóns de euros máis do que estaríamos a pagar se o prezo seguise correspondendo á media de prezos do período 2012-2020”, salientou a experta, quen, de cara a facer visible a magnitude do problema, trasladou esta cifra, dun único día, ao total anual, acadando a “astronómica cifra” de máis de 28.000 millóns de euros que se estarían a pagar de máis fronte ao que se viña pagando en anos anteriores. En base a estes datos non dubidou en referirse a todas estas cuestións como “un problema moi importante”, que pode ter repercusións moi relevantes, tanto na economía como en todo o proceso de recuperación.

Fabra, que eloxiou o importante papel que xoga a Universidade de Vigo no estudo do cambio climático e nas políticas de loita contra esta cuestión, non dubidou en afirmar que o encarecemento da luz perdurará no tempo. Neste sentido subliñou que se os mercados de futuro non se equivocan, “haberá que agardar ata o ano 2025 para alcanzar prezos similares á media de prezos que viñamos tendo ao longo dos últimos anos” e, non será ata moi ao final da presente década, que se volverá aos prezos de en torno a 30 euros MWh, “que seguramente están máis próximos aos costes medios das enerxías renovables que ao custe marxinal do gas, que é o que agora mesmo está servindo para fixar os prezos no mercado eléctrico”.

A reforma estrutural do sector eléctrico, cada vez máis necesaria

A catedrática puxo o foco en que todas estas cuestións poden chegar a condicionar todo o proceso de transición enerxética. Desde o seu punto de vista, a transición enerxética non será posible sen unha reforma estrutural do sector eléctrico e, neste sentido, deixou claro que os cambios no sector  deben ir acompañados de cambios regulatorios. “O deseño deses instrumentos de regulación vai xogar un papel fundamental para que eses menores costes tamén se traduzan en menores prezos para os consumidores”, recalcou Fabra, facendo fincapé na importancia de que os cidadáns perciban os beneficios da transición.

Explicou tamén a experta as diferentes medidas aprobadas nas últimas semanas polo Goberno, se ben, de novo recalcou a idea de que “máis aló de medidas conxunturais, é precisa unha reforma estrutural”.