DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus equipos directivos reuníronse este xoves no campus

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense potenciarán a súa colaboración

Traballan nun convenio de colaboración que dea novas oportunidades ao alumnado

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 26/06/2025

Responsables da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e do Colexio de Economistas de Ourense reuníronse este xoves no campus de Ourense co obxectivo de renovar e potenciar a súa colaboración. Tras finalizar o convenio de colaboración existente entre ambas entidades, agora traballan para a posta en marcha dun novo “moitísimo máis amplo e moitísimo máis atractivo” de cara á formación do alumnado e á xeración de novas oportunidades para el e tamén de cara á transferencia de coñecemento entre a institución académica e o órgano colexial. 

Por parte da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo participaron na xuntanza Jesús Vázquez, decano, e Chedes Mareque, vicedecana de Estudantes e Relacións con Empresas, e por parte do Colexio de Economistas de Ourense Carmen Sampayo, decana-presidenta; Juan Santamaría, secretario xeral; Susana Díaz, xerente, e Hugo Álvarez, representante da Comisión de Xóvenes Economistas do Consello Xeral de Economistas de España. As dúas entidades amosaron a súa satisfacción por traballar na potenciación das súas relacións e adiantaron que entre as novas liñas de colaboración estará a preparación de cursos de formación específicos para alumnado que desexe traballar en asesorías cun plan de carreira incorporado e a celebración de encontros profesionais ao longo do curso académico nos que participen profesionais de recoñecido prestixio e grupos reducidos de estudantado.

Esta xuntanza enmárcase na liña de traballo do novo equipo decanal da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da UVigo, que o pasado mes de maio tomou posesión apostando, entre outros aspectos, por buscar e potenciar novos apoios e nexos co tecido socioeconómico, tanto con entidades públicas como privadas, co obxectivo último de ofrecer máis e mellores oportunidades ao seu alumnado.