DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En catro cursos que se desenvolven este mes de outubro

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo forma o seu alumnado en habilidades e ferramentas para o éxito profesional

Neles aprenden desde técnicas de comunicación ata o uso de programas de xestión

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Académica
DUVI Ourense 07/10/2026

Este mes de outubro, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense desenvolve unha ampla programación de cursos que buscan complementar a formación do seu alumnado co obxectivo último de “favorecer a empregabilidade e o desenvolvemento persoal do estudantado, achegándolle ferramentas e habilidades cada vez máis valoradas nas contornas profesionais actuais”. Neles, aprenden desde técnicas para a comunicación eficaz ata o uso de programas de xestión. 

Desde o pasado día 1 e ata o día 29 celébrase o curso Desenvolvemento de habilidades profesionais para o éxito académico e laboral, “un programa formativo, deseñado para reforzar aquelas competencias transversais que resultan fundamentais tanto na etapa universitaria como na futura traxectoria profesional do noso alumnado”, tal e como indican desde o centro. En catro sesións ao longo deste mes, na actividade abordaranse “cuestións clave como a comunicación eficaz, o traballo en equipo, a xestión de conflitos, a negociación, o liderado e o benestar persoal, combinando sesións teóricas, talleres prácticos, dinámicas grupais e actividades participativas”. 

Seguiralle os días 19 e 26 de outubro a celebración do curso Habilidades para unha carreira internacional: do CV á entrevista con éxito. Ofrecido por Katie Riley, do Centro de Linguas da UVigo, nesta actividade o alumnado “aprenderá a sacar máis partido ao seu curriculum e a afrontar con éxito unha entrevista de traballo”. Neste senso, desde a facultade subliñan que prepararse para os procesos de selección de persoal, “abre novas portas para o futuro profesional do noso alumnado”. 

Do xeral ao específico

Cun carácter máis específico, os días 9, 16 e 23 de outubro levarase a cabo o curso PMS e operación hoteleira. Claves para unha xestión diaria eficiente. Trátase, indican desde a organización, dunha oportunidade para coñecer de primeira man as ferramentas e procesos fundamentais para a xestión operativa dun establecemento hoteleiro, afondando no uso dos sistemas PMS (software que permite a hoteis e aloxamentos controlar todas as súas operacións diarias) e na súa aplicación práctica no día a día do sector”.

Xa os días 14, 21 e 28 de outubro e 4 e 18 de novembro, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo organiza o curso Planificación de recursos empresariais (ERP) con Odoo. Neste caso consiste “nunha formación práctica impartida por profesionais que permitirá ao alumnado achegarse ao funcionamento interno das organizacións a través dunha das ferramentas de xestión empresarial máis empregadas”. A programación inclúe sesións prácticas, exercicios guiados e unha visita a empresa. 

Os cursos, de balde e con prazas limitadas, contan coa colaboración, segundo cada caso, de entidades como a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Deputación Provincial de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo.