DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do eido da enxeñaría agraria, ciencias ambientais e ciencia e tecnoloxía dos alimentos

A Facultade de Ciencias premia os seus mellores traballos fin de grao

Os galardóns serán entregados este venres no acto de graduación do centro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 20/06/2024

Este venres a Facultade de Ciencias do campus de Ourense celebra o seu acto de graduación. Nel, o centro tamén entregará o seus galardóns aos mellores traballos fin de grao realizados polo alumnado dos seus diferentes títulos: Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

Aprendizaxe automática e produtos avícolas

O Premio Sonia García Falcón ao mellor traballo fin de grao (TFG) en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos é este ano para o realizado por Ángela Fernández, baixo a dirección dos profesores Gonzalo Astray e Juan Carlos Mejuto, e titulado Aplicación de técnicas de aprendizaxe automática para modelar parámetros de calidade de peituga e fígado de polo sometidos a tratamento térmico. O estudo foi realizado no Departamento de Química Física e nel, explica a súa autora, “examínase a influencia das diferentes condicións de tratamento térmico sobre a calidade do fígado e a peituga de polo”. Para facelo, detalla, desenvolvéronse ferramentas de predición baseadas en aprendizaxe automática co fin de mellorar a eficiencia, reducir custos e proporcionar estimacións precisas dos parámetros de calidade destes alimentos sen necesidade de probas de laboratorio.

Os modelos elixidos, comenta a egresada da UVigo, presentan “un comportamento axeitado”, amosando en moitos casos altos valores de coeficiente de correlación entre os valores experimentais e os preditos (superiores a 0,900). “Isto demostra que as técnicas de aprendizaxe automática son ferramentas efectivas para modelar e predicir parámetros de calidade en peituga e fígado de polo durante o tratamento térmico”, afirma. Amosando o agradecemento por recibir este galardón,  Ángela Fernández sinala a súa satisfacción por ter realizado un traballo que “pode contribuír ao campo científico proporcionando ferramentas máis eficientes e precisas para avaliar a calidade da carne de polo durante o tratamento térmico e que ademais pode axudar a mellorar a comprensión dos procesos de cocción e os seus efectos na calidade dos produtos avícolas, o que pode beneficiar tanto á industria alimentaria como á investigación científica en xeral”.

Contido en cobre de solos de viñedo

O Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao mellor TFG en Enxeñaría Agraria foi para o traballo titulado Lolium perenne L. como especie potencial para a fitorremediación de solos de viñedos de Galicia con diferentes contidos de cobre, realizado por Yago Álvarez baixo a dirección do profesorado Daniel Arenas e Raquel Vázquez. Nel levouse a cabo un estudo exhaustivo sobre o uso desta especie como cultivo de cobertura en viñedos galegos. O traballo forma parte do proxecto Interreg Sudoe Coppereplace, enfocado ao desenvolvemento e implementación integral de novas tecnoloxías, produtos e estratexias para reducir a aplicación de cobre en viñedos e minimizar o seu impacto ambiental.

O TFG explora, tal e como destaca o seu autor, “como esta planta pode contribuír á xestión sostible dos solos vitícolas que presentan altos niveis de cobre debido ao uso intensivo de funxicidas a base deste metal”. Nel seleccionáronse 42 solos de viñedos de diferentes denominacións de orixe en Galicia, analizando as súas propiedades fisicoquímicas e realizando experimentos de crecemento con L. perenne en condicións controladas en cámara climática. Os resultados, indica o egresado da UVigo, indicaron que a biomasa desta especie non se vía “significativamente afectada” polo contido total de cobre no solo e neles revelouse unha correlación inversa entre a acumulación de cobre na parte aérea de L. perenne e a dispoñibilidade de cobre no solo, suxerindo que esta planta pode tolerar niveis moderadamente altos de cobre sen que o seu crecemento se vexa comprometido. Porén, engade Yago Álvarez, aínda que a citada especie amosa tolerancia ao cobre, non é particularmente eficaz na fitoextracción deste metal. “Con todo, o seu uso como cultivo de cobertura pode axudar a estabilizar o cobre no solo, reducindo a súa mobilidade e o risco de contaminación noutras partes do ecosistema. Pode non só mellorar a estrutura e fertilidade do solo senón que tamén contribuír á biodiversidade do agroecosistema, reducir a erosión e minimizar a necesidade de herbicidas”, comenta o galardoado.

Pesca e a acuicultura en Battambang, Camboxa

Por último, concedeuse o Premio Julia Franco ao mellor TFG en Ciencias Ambientais ao estudo Dando voz ás partes interesadas: os sectores da pesca e a acuicultura en Battambang (Camboxa), que foi realizado por Xian Faro baixo a dirección das profesoras María Flora Alonso e María del Carmen Seijo. O obxectivo principal deste traballo foi, explica  o seu autor, “procurar darlle voz ás diferentes partes interesadas nos sectores das pescas e acuiculturas camboxanas para poder coñecer, entender e propoñer solucións transversais aos diferentes retos que afrontan: ambientais, económicos, sociais e lexislativos”.