Permitirá ao alumnado obter tanto o título de Publicidade e RRPP como outro de Márketing
A Facultade de Comunicación impulsa un convenio de dobre titulación co Instituto Politécnico do Porto
O estudantado deberá realizar un curso adicional e superar 60 créditos na institución de destino
A Universidade de Vigo e Instituto Politécnico do Porto asinaron un convenio interinstitucional para o recoñecemento mutuo de créditos que permitirá ao alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Comunicación obter tamén a licenciatura en Márketing que se imparte no Instituto Superior de Contabilidade e Administración do Porto (ISCAP), e viceversa. Para iso, ademais de completar os seus estudos, deberán realizar un curso académico adicional na institución de destino, na que terán que superar, en ambos casos, un total de 60 créditos ETCS.
Como explica a profesora do Departamento de Organización e Empresas e Márketing Ana Dopico, coordinadora na UVigo deste programa de dobre titulación, o convenio establece unha “táboa de correspondencias” entre dúas “titulacións compatibles”, ao tempo que se determinan tamén as materias que o alumnado deberá realizar na outra institución para poder obter ambos títulos. Nomeadamente, o estudantado de Publicidade e Relacións Públicas deberá cursar doce materias de diferentes cursos da Licenciatura en Márketing do ISCAP, mentres que o alumnado da institución portuguesa terá que superar oito materias na Facultade de Comunicación, así como realizar un traballo de fin de grao (TFG). En ambos casos, sinala Dopico, será preciso que completen a titulación na súa institución de orixe para poder obter tamén o segundo diploma.
Aberto a cinco estudantes de cada institución
Trátase dun programa aberto cada curso a un máximo de cinco estudantes de cada institución, que no caso da UVigo deberán ter superado cando menos o primeiro curso do Grao en Publicidade e RRPP ou 60 créditos ETCS para poder participar. As e os participantes serán seleccionados en función dos seus resultados académicos, segundo recolle o convenio, que incide en que o estudantado “deberá demostrar un nivel suficiente de comprensión e expresión”, ben en portugués, ben en galego ou español, “para seguir as clases, participar en actividades académicas e realizar avaliacións en dita lingua”.
Os admitidos e admitidas estarán exentos de pagar prezos académicos e administrativos na institución de acollida, na que si que terán que aboar os prezos correspondentes á expedición de título e certificación académica final.
Tras a súa aprobación por parte das xuntas de facultade de ambos centros e a súa aprobación na Comisión de Relacións Internacionais da UVigo, este convenio era asinado recentemente polo reitor, Manuel Reigosa, e porase en marcha o vindeiro curso. De feito, a Facultade de Comunicación impulsaba nas últimas semanas a convocatoria para a selección dos primeiros e primeiras participantes, na que recibíronse “bastantes solicitudes”, recoñece Dopico, que lembra que se trata dun convenio compatible coa participación en programas de mobilidade como o Eramsus+.
“Un crecemento natural do noso grao”
Como “unha oportunidade boísima” para o alumnado define a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, este programa de recoñecemento mutuo de estudos, que arranca “con máis solicitudes que prazas” neste centro. Non en van, trátase dunha iniciativa que permite “complementar os nosos estudos de Publicidade e Relacións Públicas con estudos de Márketing, que é un crecemento natural do noso grao”. Torres salientou a colaboración do Departamento de Organización de Empresas e Márketing cunha iniciativa que “abre unha vía de colaboración moi positiva, que lle vai dar ao alumnado moitas posibilidades”. A decana explicou tamén que a implantación do novo plan de estudos de Publicidade e Relacións Públicas fará necesario no futuro a sinatura dun novo convenio, sinalando nese senso que “xa temos un compromiso de renovación” para dar continuidade a esta iniciativa.
Nesa mesma liña, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, destaca este convenio como “un exemplo de complementariedade moi interesante nunha contorna internacional, que mellora as competencias lingüísticas do noso alumnado e, sobre todo, fai o título moito máis atractivo”. De aí que incida en que se trata dun programa que “reforza a internacionalización da UVigo” e que constitúe tamén un “bo banco de probas” de cara a explorar nun futuro outras colaboracións co ISCAP, como a posibilidade de “promover titulacións internacionais conxuntas”.
