DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo do subdelegado do Goberno en Ourense

A Facultade de Dereito acolle a presentación das bolsas Seré para preparar a carreira xudicial

Queren fomentar a igualdade de oportunidades no acceso a corpos altos de funcionarios de Xustiza

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 16/06/2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou este luns na Facultade de Dereito do campus de Ourense as bolsas Seré. O seu obxectivo é garantir a igualdade de oportunidades no acceso aos corpos altos de funcionarios da Administración de Xustiza. Concretamente, o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes convoca 1.300 bolsas por un importe de 12.000 euros anuais cada unha para a preparación de diferentes oposicións. 

Convócanse 930 bolsas para as carreiras xudicial e fiscal; 230 para o corpo de letrados da Administración de Xustiza e 40 para o corpo de avogados do estado. Ademais, inclúense 100 bolsas adicionais en modalidade mixta de axuda económica e en especie (unha parte ofrécese directamente á persoa que prepara e outra á persoa que oposita para a súa manutención), que facilitarán ás persoas beneficiarias apoio complementario para a súa preparación. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude antes das 23.59 horas do 23 de xuño a través da sede electrónica da Secretaría de Estado de Xustiza. 

Igualdade de oportunidades

Na xuntanza, Eladio Santos explicou que o Goberno estatal destina este ano 15,6 millóns de euros a estas bolsas, “un investimento sen precedentes que se multiplica por dez desde a súa posta en marcha no 2022”. O subdelegado animou ás graduadas e graduados en Dereito que preparan oposicións a solicitar estas axudas, que, indicou,  “reflexan o compromiso do Goberno de España cunha xustiza máis accesible, inclusiva e representativa da sociedade”. Tamén destacou que esta iniciativa ten “o mesmo espírito que a universidade pública, pois perseguen a igualdade de oportunidades”. Igualmente puxo en valor a traxectoria da Facultade de Dereito ourensá apuntando que nela “hai 400 alumnos e alumnas que adquiren uns coñecementos de excelente calidade” e que nela se ofrece “non só formación senón tamén oportunidades”.

Pola súa banda, Susana Álvarez, decana da Faculta de Dereito do campus de Ourense, agradeceu a presentación destas bolsas no seu centro, xa que indicou, “son algo moi positivo para os nosos estudantes”. Así, salientou que a convocatoria constitúe “unha boa medida para igualar ese punto de partida na carreira xudicial e de cara a fomentar a igualdade de oportunidades para poder incorporarse a ela”. A responsable académica lembrou que parte dos egresados e egresadas desta facultade optan cada ano por preparar oposicións e entre elas están as da carreira xudicial polo que amosou o seu desexo de que se beneficien desta iniciativa. 

Por último, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que o campus de Ourense destaca por ser “un campus inclusivo no que non queremos que ninguén es quede atrás” e lembrou a importancia do papel da “universidade como verdadeiro ascensor social que é”. Ademais, agradeceu a elección da Facultade de Dereito para a presentación destas bolsas Seré, centro do que dixo, “estamos moi orgullosos”, pondo en valor a súa posición en diferentes ránkings internacionais. 

Microcredenciais

Por outra banda, na xuntanza tamén se abordaron as accións que se impartirán na Facultade de Dereito co programa de microcredenciais, cursos financiados polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e homologados a nivel europeo para que as persoas maiores de 26 anos poidan adquirir diferentes especialidades. “É un campo de colaboración entre a Subdelegación e a Facultade moi interesante que abre a universidade á sociedade”, subliñou Santos, apostando por ofrecer cursos orientados aos departamentos de traballo da Subdelegación do Goberno como violencia de xénero, estranxeiría ou sancións, entre outros.