DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron o recoñecemento na terceira edición desta convocatoria, pioneira en España

A Facultade de Dereito, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Atlanttic xa locen o seu Distintivo de Igualdade

O xurado destacou as tres candidaturas polas diagnoses exhaustivas e exemplos de boas prácticas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
M.Del Río DUVI 11/05/2023

En 2021 a Universidade de Vigo convertíase na primeira do Estado en contar con selo que recoñecese aquelas escolas, facultades e centros de investigación que destacasen pola súa loita e esforzo a prol das políticas de igualdade. Pasados tres anos, xa son dez os centros que contan cun Distintivo de Igualdade, unha listaxe á que se incorporaron nesta terceira edición a Facultade de Dereito do campus de Ourense, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo e o centro de investigación atlanTTic. Os seus representantes recolleron este xoves o diploma acreditativo de mans do reitor, Manuel Reigosa, nun acto que tivo lugar no edificio Miralles conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.

A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez lembraba que a UVigo foi pioneira poñendo en marcha esta convocatoria, cando non existía nada similar en ningunha outra universidade española. Pasados tres anos, esta acción xa se consolida “como unha medida eficaz para dar visibilidade e valor ao traballo en prol da igualdade na Universidade de Vigo” e para recoñecer “o esforzo que están a realizar os centros, as escolas e as facultades da Universidade de Vigo para impulsar políticas de igualdade”.

O reitor felicitou os tres centros galardoados e a toda a comunidade universitaria polo esforzo realizado por acadar unha institución e unha sociedade máis igualitarias e animou a todas e todos a seguir, porque “aínda queda moito traballo por facer”. Neste sentido, Reigosa reivindicou o papel fundamental da Universidade e o seu efecto multiplicador, “xa que aspiramos a que cada alumna e alumno, homes e mulleres que saen da Universidade de Vigo, sexan quen de levar consigo a mensaxe da igualdade, de reivindicar e de poñerse bravos e bravas para facer unha sociedade máis xusta, e unha sociedade para ser máis xusta ten que ser feminista”.

Tres exemplos de boas prácticas

Das catro candidaturas presentadas, tres superaron os 80 puntos necesarios para obter o distintivo, despois dunha avaliación rigorosa realizada por un tribunal de expertas en xénero e de todos os ámbitos científicos, que destacou que as candidaturas presentasen unhas diagnoses exhaustivas e exemplos de boas prácticas excepcionais, non só centradas na sensibilización e na divulgación, senón tamén en construír unha ciencia que incorpore a perspectiva de xénero na docencia e na investigación. 

Estes tres novos centros súmanse á lista composta pola Facultade de Filoloxía e Tradución, que obtivo o distintivo na primeira edición e ao CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, seleccionadas o ano pasado. Ao resto dos centros, a directora da Unidade de Igualdade animounos a concorrer en vindeiras edicións e aos xa premiados “a seguir traballando pola igualdade entre homes e mulleres e continuar eses camiño que co Distintivo non para”.

Antes de proceder á entrega dos distintivos por parte do reitor, dúas das expertas que formaron parte do xurado (Concepción Torres, da Universidade de Alicante e Elisabet Mas, da Politécnica de Cataluña) interviñeron vía telemática para destacar as fortalezas das tres propostas e valorar moi positivamente e esforzo que a UVigo realiza no eido da igualdade.

Facultade de Dereito

A vicerreitora de Comunicación foi a encargada de resumir os méritos polos cada un dos centros foi merecedor do Distintivo. A Facultade de Dereito do campus de Ourense foi a que obtivo mellor puntuación, 89 puntos. O xurado valorou que o centro conta cun grupo amplo de expertas e expertos en xénero como Marta Fernández Prieto, Francisca Fernández Prol, María Dolores Fernández Fuste ou Inés Celia Iglesias Canle, o que asegura o bo estado de saúde en igualdade neste centro e tamén a formación en xénero do seu alumnado.

“Isto revirte na importancia e excepcionalidade da incorporación de contidos de calidade e moi valorados sobre cuestións xurídicas de actualidade en relación ao ámbito da igualdade entre mulleres e homes e tamén sobre violencia de xénero e violencia sexual,  algo que a distingue positivamente doutras facultades do mesmo ámbito no estado español”. A perspectiva de xénero é xa un contido transversal nas materias que se imparten e hai unha ampla  abordaxe dos debates máis recentes sobre este tema para formar de xeito adecuado ao alumnado e dalgún xeito reducir os efectos chamada «xustiza patriarcal». A valoración global resulta moi positiva, resaltando particularmente o esforzo polo desenvolvemento dunha dimensión práctica e de transferencia de coñecementos con perspectiva de xénero, desta Facultade ao resto da sociedade. 

A súa decana, Susana Álvarez, agradeceu á Unidade de Igualdade a convocatoria destes premios e a súa concesión a unha “facultade pequena, pero cun conxunto de grupos de investigación que ten unha especial sensibilidade” en relación coa igualdade. “Parece que o eido de igualdade do que partimos é máis sinxelo”, en referencia ao número de alumnas do centro, pero persiste o teito de cristal, lembraba, polo que se comprometeu a seguir traballando “para acadar os obxectivos” que restan. 

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación obtivo 87 puntos e, segundo o xurado, é unha das grandes protagonistas nesta «revolución pola igualdade» que se está a producir na UVigo. Destacan a “extraordinaria implicación, compromiso e participación do seu equipo directivo, do equipo docente e do alumnado en relación ao ámbito mulleres e STEM, como o programa ElasFanCienTec ou Inspira STEAM, entre outras”. Este compromiso trasládase á propia organización da escola, cun pioneiro Plan de Acción pola Igualdade, coa elaboración dunha guía de recursos para promover a conciliación e o deseño de guías docentes que incorporan a linguaxe inclusiva e non sexista. 

O xurado tamén destaca que a escola posúe dous grandes activos: un equipo directivo moi dinámico e activo  completamente comprometido coa igualdade, no que destaca a enlace de igualdade, a profesora Soledad Torres, que debido a un absoluto e constante compromiso feminista,  impulsa, deseña e participa en toda iniciativa de igualdade na nosa institución e fóra dela, no ámbito social e comunitario; e unha delegación de alumnado moi implicada, pioneira e comprometida coa igualdade e a diversidade o que esta a producir un profundo cambio na cultura académica e organizativa desta escola”. 

A directora da escola, Rebeca Díaz, recolleu o distintivo xunto coa subdirectora, Laura Docío, e puxo en valor o compromiso de todo o centro, dende o alumnado, “sempre disposto a colaborar e a propoñer”, ata o PDI e o PAS e referiuse a un dos puntos fortes que valorou o xurado da súa candidatura: o esforzo por ter paridade en todas as comisións. Recalcou que nun centro cun enorme desequilibrio de xénero, conseguir que haxa mulleres en todos os tribunais fin de grao e de mestrado, etc. implica “un esforzo enorme”. Por isto, reclamou medidas de apoio ou compensación porque “ao longo dos anos é complicado manter ese compromiso”.

atlanTTic 

Finalmente, o centro de investigación atlanTTic, con 86 puntos, destaca segundo o xurado pola “firme e decidida vontade da dirección por apostar pola promoción da igualdade entre mulleres e homes, tanto a nivel organizativo (Plan de Acción para a Igualdade, enlace de Igualdade, atención á representación equilibrada en órganos e comités, aposta pola investigación con perspectiva de xénero, Selo de Excelencia HRS4R etc.) Valoran tamén que o centro desenvolve un “traballo exemplar” nun ámbito altamente masculinizado que demostra “a súa aposta firme pola promoción da igualdade”. Destacan investigadoras pioneiras e líderes de I+D como Rebeca Díaz Redondo, a catedrática Carmen García Mateo ou as profesoras Soledad Torres, Edita de Lorenzo e moitas outras que están xerando un cambio de cultura investigadora e  organizativa. “Este centro está conseguindo non só  impulsar políticas de igualdade centradas na sensibilización e divulgación, senón que tamén participa activamente na construción dunha ciencia de maior calidade, unha nova epistemoloxía aplicada ás STEM que incorpora á perspectiva de xénero”. 

O distintivo foi recollido polo seu director, Martín Llamas, xunco coa enlace de igualdade, a profesora Edita de Lorenzo. Ambos agradeceron a concesión como un recoñecemento “a todo o labor que vimos realizando nos últimos anos”, facendo fincapé no esforzo que supón cando se trata, como é caso de Atlanttic, dun centro “moi desequilibrado” no que se refire á presenza de mulleres. Por este motivo, Edita de Lorenzo insistiu en “agradecer ás persoas, ás investigadoras e a algúns investigadores que encabezan proxectos e traballos e fan un labor inmenso, voluntario e gratuíto, achegando tempo e enerxía e pospoñendo temas máis importantes na súa carreira para que a divulgación feminina saia adiante”, concluía.