DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa elaboración participou arredor de medio centenar de persoas

A Facultade de Educación e Traballo Social dótase do seu primeiro plan estratéxico

Marca a folla de ruta para a consecución dun centro “con accesibilidade universal”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 17/03/2023

En decembro de 2021, a Xunta de Centro da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense aprobou a creación dunha comisión para elaborar o seu primeiro plan estratéxico. Tras meses de traballo, o proceso rematou esta semana coa aprobación definitiva dun documento en cuxa elaboración participou arredor de medio centenar de persoas e que marca a folla de ruta deste centro para o período 2023-2026.

Xosé Manuel Cid, decano desta facultade, destaca o carácter pioneiro desta iniciativa e a súa relevancia para o centro. “Aínda que sempre dependemos doutras planificacións superiores”, comenta, “é importante que como facultade teñamos claro cara onde queremos ir e facer unha planificación a medio prazo”. Sobre o documento aprobado subliña que unha das maiores satisfaccións ten sido a implicación na súa elaboración de persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, alumnado, egresados e representantes da sociedade, recalcando que o importante deste tipo de plans “non é tanto que estean no papel senón que se integren en toda a comunidade educativa do centro, que o coñezan e o incorporen no seu desenvolvemento”.

O plan ten como lema “cara á consecución dunha facultade con accesibilidade universal” e segundo se recolle nel é froito dunha reflexión colectiva, que se asenta nas raíces e identidade deste centro “para deseñar unha proposta formativa sostible, humanista e en estreita conexión coa contorna”. O marco de referencia que serviu como punto de partida, sinálase no documento, foi o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo (aprobado polo Claustro o 16 de decembro de 2020), no cal se define á UVigo como “unha institución pública, autónoma, aberta á contorna e con vocación internacional, que promove a igualdade, a pluralidade, a accesibilidade, a sostenibilidade, a transparencia, o progreso económico e o benestar social de Galicia”. Neste contexto, “a Facultade de Educación e Traballo Social pretende contribuír á consecución da misión da Universidade enfocando as súas liñas estratéxicas e obxectivos cara aos retos da nosa institución”. Igualmente, no plan agora aprobado indícase que se tomou como punto de partida tamén “a particular idiosincrasia da facultade (antecedentes, identidade propia, fortalezas, debilidades, oportunidades, ameazas) e desenvolveuse todo un proceso de análise e toma de decisións colaborativa que implicou a diferentes grupos de traballo”.

Dous bloques

O documento finalmente aprobado divídese en dous bloques. O primeiro deles é o Programa de desenvolvemento estratéxico e nel abórdase a aposta da facultade pola calidade educativa e a atención á diversidade; indícanse as persoas participantes na elaboración do texto, a súa metodoloxía e tramitación e fanse un breves apuntamentos sobre a historia da Facultade de Educación e Traballo Social na atención á diversidade. Ademais, recolle unha diagnose da situación actual do centro e sinálase a súa misión, visión, liñas estratéxicas, obxectivos e políticas de calidade. Así, cítase como misión da facultade “contribuír á construción dunha sociedade máis diversa e inclusiva a través da formación de profesionais expertos en atención á diversidade, así como de investigacións que posibiliten a mellora da vida das persoas, con especial atención ás máis vulnerables”. O segundo bloque, titulado Política e obxectivos de calidade, parte dos eixos estratéxicos e os obxectivos establecidos pola Universidade de Vigo e a continuación sinala as liñas estratéxicas para a Facultade de Educación e Traballo Social, os obxectivos que guiarán o seu percorrido en cada un dos cursos, así como os indicadores e medidas que servirán de ferramentas para verificar os progresos realizados.

“A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense conta cunha traxectoria de case 200 anos (1842-2023) formando profesionais do ámbito socioeducativo e os seus principios de actuación enmárcanse na procura da excelencia, a atención á diversidade, a igualdade de oportunidades e o dereito á diferenza”, recóllese no documento. En coherencia cos seus valores, engádese, o centro conta cun equipo humano multidisciplinar integrado por máis de 150 traballadoras e traballadores (PDI e PAS) pertencentes a máis de 40 áreas de coñecemento, cun obxectivo común: “contribuír á formación de profesionais preparados para a atención á diversidade en contextos educativos e sociais”. A procura da calidade, recálcase no documento aprobado, “está presente na nosa forma de actuar” e, en coherencia con este principio, a facultade desenvolveu ao longo dos últimos 15 anos un Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC) eficiente e consolidado, que permitiu enfocar os nosos retos e avaliar a súa consecución. “Con satisfacción, no momento da redacción deste Programa de desenvolvemento estratéxico, podemos considerar que a madurez do SGIC nos permite novos retos relativos aos obxectivos, estratexias de intervención e accións de calidade”, recóllese no texto.

O programa de desenvolvemento estratéxico deseñado pretende guiar as accións do centro para os vindeiros anos “tendo como premisas de actuación a necesaria simplificación dos procesos de calidade e a consideración do centro desde unha perspectiva holística”. En primeiro lugar, detállase nas súas páxinas, “apostamos por un plan motivante para a comunidade implicada, de utilidade real e cunha visión económica do esforzo burocrático. Isto implica unha coidadosa selección dos obxectivos, así como dos procesos e as ferramentas para a súa medición e control. En segundo lugar e, en relación co anterior, unha visión integradora de todas as dimensións que conforman o centro favorecerá un enfoque de intervención máis eficiente e significativo para as persoas implicadas”.